Descripción
Rescatar El, de Louise Colet, supón sacar do esquecemento unha escritora prolífica reducida ao papel de musa e vítima da misoxinia da época. Publicada en 1859, e un ano despois en volume, a obra contou cun grande éxito, por vir asinada pola amante de Flaubert e por ser un relato en clave cunha visión diferente da recollida ese mesmo ano por George Sand en Elle et lui –recreación da súa relación con Alfred de Musset– e por Paul de Musset en Lui et elle, unha defensa irada da figura de Musset por parte do seu irmán.
A marquesa Stéphanie de Rostan, dous anos despois da morte do famoso poeta Albert de Lincel, rememora o tempo que compartiu con el. Viúva e nai dun neno, gaña a vida escribindo e traducindo, ante a indiferenza do seu amante Léonce, un escritor solitario que vive retirado e co que mantén unha prolífica comunicación epistolar. Léonce anímaa nas cartas a coñecer a Albert, alcohólico, enfermo e amargado, e este cóntalle a súa desventurada historia de amor coa tamén escritora Antonia Back, que o arrastrou á miseria e a unha vida de excesos.
Colet combina a narración da marquesa co relato inserido na voz do poeta, o cal lle serve para analizar a psicoloxía de homes e mulleres, e concluír a incompatibilidade que resulta das súas diferenzas intelectuais e sensuais. Seguindo as tendencias na época, a novela mestura a trama romántica co desexo de arranxar contas persoais, e constitúe unha mostra anticipada da literatura do eu e a posta en práctica do criterio da sinceridade na arte defendido pola autora.
DOCUMENTACIÓN COMPLEMENTARIA