Gaskell e Stifter, grandes plumas do século XIX
Incorporamos estes primeiros días de outono dúas novidades á colección principal, que lles enviaremos en cuestión de horas ás persoas subscritoras e, máis tarde, ás librarías.
Traemos, por unha banda, O solteirón, unha singular novela de Adalbert Stifter, escritor nado en Bohemia (en 1805, cando esta formaba parte de Austria-Hungría), sen unha adscrición clara a unha determinada corrente -aínda que con ecos do Romanticismo- e que destacaba polo seu estilo intimista e a preocupación pola estética. Influíu e gustou moito tanto entre os seus contemporáneos coma entre autores e autoras de épocas posteriores. Así, Thomas Mann considerábao «un dos narradores máis enigmáticos da literatura universal», mentres que Hannah Arendt o cualificou como «o meirande paisaxista». Sexa como for, velaí está por fin dispoñible en lingua galega unha das súas obras máis senlleiras, traducida do alemán por Rosa Marta Gómez Pato. Trátase dunha peza de ambiente rural, con trazos de novela iniciática e un evidente pouso humanista.
Por outra banda, A curmá Phillis, talvez a peza máis lograda dentro da abondosa produción de narrativa breve de Elizabeth Gaskell, escritora británica de primeira categoría. Ocupouse da tradución dende o inglés María Reimóndez. Nesta obra cargada de sutileza salienta, ao noso entender, a acertada contraposición da realidade labrega (afastada da clase acomodada descrita por outras escritoras do momento) e o mundo industrializado. De igual modo, a crítica adoita loar a fluidez imprimida á trama, sen excesivas ramificacións, o humor sutil, o final aberto e mais a autonomía da protagonista, unha personaxe complexa que non se axusta aos estereotipos esperables.
Coa obra de Gaskell, son xa 37 as obras importadas do inglés. Da literatura alemá, coa de Stifter, van polo de agora 7.
Quen esteades en disposición de apoiar o noso labor cunha subscrición, adiante, e moitas grazas.
Boas lecturas!