Descripción
A peste (1947), xa dende a cita inicial, convida a reflexionar sobre a forma na que o ser humano arrostra e supera o mal, ao tempo que afonda na importancia das actitudes individuais e colectivas na loita contra o sufrimento.
En Orán, na década dos corenta do século XX, as ratas mortas inzan paseniño as rúas a medida que se estende a enfermidade. Tras moitas reticencias, as autoridades deben recoñecer o espallamento da praga e pechar as portas da cidade. Imponse un exilio que, na súa lida coa morte, fai agromar nos seres humanos traxedias a diversa escala: a soidade, o absurdo da existencia, a esquizofrenia relixiosa, a submisión, a arte, a solidariedade, a indefensión ante a xustiza e a Administración, a manipulación informativa…
Co carácter atípico da súa escrita, dotada de irrenunciables marcas de estilo e para nada compracente co lector, Camus adopta a perspectiva dun cronista neutro para recrear unha atmosfera abafante, e faino primando as ideas. No entanto, a novela acolle tamén un humor por veces cáustico, o gusto pola parábola e a beleza das descricións, así como unha focalización complexa que acolle diversas voces con interpretacións mesmo contraditorias. Esta alegoría de corte existencialista convida a ficar alerta ante unha ameaza que, como se advirte, non morre nin desaparece endexamais.