Descripción
En liñas xerais, a produción de Bruno Sperani caracterízase por presentar certo pouso determinista e pola especial profundidade concedida ás mulleres, arrastradas polas leis do sangue e da sociedade e cuxo destino fatal deriva na servidume e a submisión. No caso de A obra (1894), coa que a autora acadou un enorme éxito, Luisina Terragni exemplifica un camiño dende a resignación, tras ser seducida e enganada e vivir unha chea de desgrazas, até a rebelión, unha vez que coñece o verdadeiro amor co obreiro Francesco Bitossi.
A historia está ambientada en Milán, onde daquela tiña lugar unha febril actividade co fin de construír novas avenidas, barrios e modernas infraestruturas. Cun estilo incisivo e penetrante, o relato aborda a vida dos marxinados e desfavorecidos, aos que contrapón cos poderosos especuladores, mesquiños e hipócritas. Ao tempo, insírese na trama o xermolo das ideas socialistas entre a clase traballadora e as incipientes protestas sociais.
Determinadas pasaxes, coma as dos desaloxamentos ou as das indignas tretas dos patróns, resultan dunha actualidade a todas luces abraiante, e demostran que Bruno Sperani, nunca antes traducida ao galego, foi unha muller comprometida e atenta ao seu contorno.