Verán 2025, novidades
Chega xullo e con el dúas novidades á colección Principal: por unha banda, Corazón de can, de Mikhaíl Bulgákov, de cuxa tradución dende o ruso se ocuparon en tándem Rosana Murias e María Tolstaia. A trama, que aborda temas recorrentes na ciencia ficción, parte dunha premisa xenuína: Filip Filíppovich Preobrazhenski, cirurxián especializado en técnicas de rexuvenecemento, decide implantar as gónadas e o cerebro dun delincuente no corpo dun can sen dono e, contra todo prognóstico, o animal sobrevive e encomeza un proceso de aprendizaxe a adaptación social. Da pluma de Bulgákov, velaquí polo tanto unha das grandes novelas satíricas da literatura rusa do século XX.
Pola outra, O caldeiro de ouro, a que quizais sexa a novela curta máis celebrada do gran mestre alemán da fantasía romántica, E. T. A. Hoffmann. Encargouse de traducila dende o alemán Jairo Dorado Cadilla. Trátase dunha suxestiva e ambigua parábola na que todo se desata a raíz de que Anselmus, o mozo protagonista, quen vive nunha cotiandade bastante absurda, constate a irrupción do marabilloso na súa vida; por exemplo, sabugueiros que falan, dragóns custodios, diabólicos nigromantes radicados en Laponia, píntegas que exercen de arquiveiros reais ou botellas de cristal que simbolizan o fracaso dos soñadores frustrados, encerrados nelas. Obra aberta á interpretación, consideramos que é unha excelente aproximación á nada convencional literatura de Hoffmann, un dos grandes autores da literatura alemá.