Os tardeiros: o título, os nomes dos personaxes e as novelas afíns
Hai uns meses, en marzo de 2023, organizamos en colaboración coa libraría Cartabón de Vigo unha presentación conxunta das obras O neno perdido, de Thomas Wolfe, e Os tardeiros, de Anita Brookner.
En relación con O neno perdido, amais da información que esa tarde expuxo Ramón Nicolás, é posible consultar na rede a entrada «Vencellos co universo de Thomas Wolfe», elaborada polo tradutor, Ignacio Chao, e os editores.
No caso de Os tardeiros, achegamos a seguir parte do que entón comentou Alejandro Tobar, en calidade de tradutor ao galego da novela de Brookner, tratando de non replicar os contidos das entradas deste mesmo blog intituladas «Os tardeiros de Brookner. Longa nota do tradutor» e «Brookner a través da mirada de Cheryl Alexander Malcolm». Se o recuperamos é como nova forma de enriquecer a lectura da novela e así mesmo para matizar unha pequena inexactitude reproducida en prensa: nin lle quita nin lle pon, pero esta novela de Brookner si foi traducida con anterioridade a outras linguas peninsulares.
1. Obras e temáticas próximas
Sen saír do catálogo de Hugin e Munin, velaí algunhas obras que conectan coa novela Os tardeiros de Anita Brookner:
Polo nazismo, pola confrontación co pasado e pola necesidade de afondar nas orixes e reparar (ou non) os problemas dende a raíz, dialoga coa novela O lector (1995; trad. David Álvarez, 2020), do alemán Bernhard Schlink.
Polas continuas disquisicións ao redor das relacións sentimentais e de parella, con A besta na xungla (1903; trad. A. Tobar, 2014), de Henry James. Neste sentido, cabe deterse nas «10 cousas que cabe esperar dunha novela de Brookner» segundo dous admiradores da novelista responsables da instauración do Día Internacional de Anita Brookner hai unha década. Nas vinte e catro novelas (escritas nun período de 28 anos) da autora londiniense o público lector atopará «risos (non gargalladas), unha experiencia estética, paseos, comida, un estímulo para reflexionar acerca dun mesmo (e non necesariamente baixo unha luz positiva), erotismo, unha lectura chea de riscos, Zeitgeist, algo de Sigmund Freud e algo de Henry James».
Pola admiración incondicional de Brookner cara ás obras de Honoré de Balzac, enlaza coa novela curta Gobseck (1842; trad. Isabel Soto, 2021), incluída como parte dos dezasete volumes de La Comédie humaine. Cabe mencionar aquí que o título da ópera prima da autora inglesa (A Start in Life {EN-BR}; The Debut {EN-US}) é unha homenaxe a Un debut dans la vie (1845), de Balzac.
Polo seu marco espacial paneuropeo e o seu afán de estudo da personalidade, entronca con A impaciencia do corazón (1939; trad. Marta Gómez Pato, 2018), de Stefan Zweig. A modo de anécdota, resulta curioso que no balance anual de lecturas de 2011, o derradeiro que Brookner publicaría en revistas, se referise precisamente a esa novela de Zweig do seguinte modo: «con moita diferenza, a miña mellor lectura do ano».
Pola súa condición de novela total, pola profusión léxica e polo ton elevado da narración, relaciónase con A educación sentimental (1869; trad. Isabel Soto, 2022), de Gustave Flaubert. Amais, en Os tardeiros figura unha mención expresa a outra obra mestra do francés, Madame Bovary (1857), de relevancia para o caso da personaxe de Yvette.
Dun modo máis tanxencial, non tanto en Os tardeiros nin na obra de ficción coma na traxectoria previa de Brookner como historiadora da arte, cómpre citar A contrafío (1884; trad. Isabel Soto, 2016), de Joris-Karl Huysmans, a biblia do Decadentismo, que a británica chegou a analizar polo miúdo nun traballo sobre a literatura francesa do século XIX; con A contrafío, Brookner comparte o gusto pola citación de obras pictóricas, a súa descrición e estudo.
2. Os tardeiros noutras linguas. Títulos fieis e libres
En relación cos títulos, outro inciso de relevo: Latecomers (1988) traduciuse, antes ca ao galego, ao neerlandés (1989), comercializado como ‘literatura psicolóxica’; ao francés (1989); ao portugués, ao castelán e ao dinamarqués (1990); ao grego (1991); ao alemán (1991); ao xaponés (1992) e ao italiano (2000).
Para o cotexo da chamada segunda tradución, onde se modula a versión primixenia (en bruto), se púen as solucións e se resolven as máis das dúbidas que poidan restar, o tradutor empregou as versións portuguesa, española e francesa (esta última, sobranceira). A este respecto, é interesante deterse en como as catro linguas romances se desmarcan por enteiro do título orixinal: en francés, La porte de Brandebourg; en castelán, Soledad de fondo; en portugués, O tempo esquecido; e en italiano, Nostalgia. A este respecto, os críticos de Brookner, que os tiña e os ten, adoitan remarcar a relativa mediocridade dos títulos das obras e, de paso, a reiteración de temas. Sexa como for, de entre as linguas románicas, a tradución galega é a primeira equiparable, en canto a título, ao orixinal. Noutras latitudes, tamén o son as versións en neerlandés e alemán, a diferenza do dinamarqués, que xoga coa creatividade: Livets fylde; traducible como «(a) plenitude da vida», ou como «vida plena» dun xeito non tan literal, ou mesmo como «enchente de vida», de vinculármolo co cariz culinario que sen dúbida flota na obra.
3. A designación de personaxes
Os nomes dos personaxes nas novelas de Brookner comportan unha carga simbólica de pertenza e integración e asemade modelan unha parte da súa identidade. Tanto se permanecen inalterados ao longo da obra coma se experimentan variacións (sexa coa conversión en hipocorísticos, co acompañamento de alcumes ou cos cambios obrigados pola trama), os nomes dados son parte esencial dos personaxes.
Así, a estudosa Cheryl Alexander Malcolm, sinala unha ducia de casos de interese, pero préstalle especial atención ao do pai da protagonista en A Start in Life (1981), de orixe polonesa, que é Georg para a súa esposa e George para os seus veciños ingleses. Ou o da señora Miller en Altered States (1993), tamén polonesa, quen, a fin de non ser marxinada, muda o Jadwiga orixinal por Jenny.
En Os tardeiros, podería enunciarse a seguinte teoría acerca de Hartmann e Fibich: ambos os dous son apelidos de orixe xudía. No caso de Hartmann, está claro que ten unha raíz xermánica, que resulta bastante transparente no inglés moderno, como hard-man, home duro. Fibich é onde tocaría elucubrar. Aínda que etimoloxicamente semella que pode ter unha orixe sefardí (co significado de «terra de pastoreo», se ben hai mesmo quen lle apón unha orixe galego-portuguesa), postos na pelella dun lector inglés, remite a feeble, feble. Sexa ou non verdade, isto casa ben coa actitude que cada un deles adopta na confrontación co pasado e, dun modo máis xeral, coa vida. Hartmann é o duro, o resistente; Fibich, o débil, o vacilante e apoucado. Amais, cabe notar que se trata de apelidos, porque ambos os personaxes como nome de pía levan Thomas. Aí, de novo, a autora intérnase nun campo freudiano, ou acaso, psiquiátrico, co desdobramento da personalidade. Thomas o Forte versus Thomas o Feble. En definitiva, que Os tardeiros, tamén a teor destes supostos miudallos, é un libro para deterse case que en cada liña.