Vencellos co universo de Thomas Wolfe
Para situar e apreciar a novela curta O neno perdido (publicada nunha versión breve en 1937; como versión ampliada e integrada nunha compilación de relatos en 1941; e como versión integral, fixada e ratificada no ámbito académico, en 1992), unha das claves é o seu marco espazo-temporal: a América en construción de comezos do século XX; como ano de referencia, baste citar 1904, o da Exposición Universal de St. Louis, que xoga un papel moi relevante na peza.
No catálogo de Hugin e Munin, ese marco supón unha novidade. Outras obras de noso abordan os cambios sociais dos Estados Unidos de América, tanto antes coma despois, pero non nese momento histórico específico. Dúas son as novelas que anteceden e, con todo, comparten puntos en común con O neno perdido:
- A vida na fundición (1861; trad. Alejandro Tobar, 2020), de Rebbeca Harding Davis, novela que describe a dura realidade industrial do país e rompe co mito fundacional estadounidense.
- Unha muller perdida (1923; trad. Antía Veres, 2018), de Willa Cather (distinguida en 2019 co Premio Plácido Castro de Tradución). Comparte con O neno perdido o ton nostálxico e evocador, pero centra o tiro no gran desenvolvemento do Vello Oeste americano, co obxecto de transmitir a decadencia dun estilo de vida refinado que esmorecía de forma inexorable.
Entre os contemporáneos de Wolfe que o enxalzaron, paga a pena citar a William Faulkner, quen aseverou que «[Thomas Wolfe] foi o mellor da súa xeración […] un dos imprescindibles da narrativa estadounidense moderna». Tamén a Jack Kerouac, moitas veces cualificado como «wolfiano», cousa que a el lle encantaba. De feito, na década de 1950 ocupouse de reivindicar a Wolfe, como tamén o farían Charles Bukowski ou Philip Roth, malia que como escritores estaban moi afastados del. De todos estes, hai narracións interesantes que é posible ler en galego e que aproveitamos para recomendar:
- Faulkner, William. O ruído e a furia (1929; trad. Xurxo Borrazás, Galaxia, 2007). Col. “Clásicos Universais”.
- Kerouac, Jack. Na estrada (1957; trad. Xesús Fraga, Faktoría K, 2020). Xeración beat.
- Bukowski, Charles. Pan con xamón (1982; trad. Eva Almazán, Faktoría K, 2009) e Servizo de Correos (1971; trad. A. Tobar, 2011).
- Roth, Philip. Pastoral americana (1997; trad. Fernando Moreiras, Faktoría K, 2013).
Por último, cómpre mencionar as semellanzas entre o mundo literario de Thomas Wolfe e o do seu contemporáneo e amigo Sherwood Anderson. A novela que este autor publica en 1919 baixo o título Winesburg, Ohio anticipa o universo de toda a obra de Thomas Wolfe e, especialmente, o da súa primeira novela, Look Homeward, Angel (1929): a recreación dunha vila do Medio Oeste estadounidense, o retrato dos seus habitantes e das súas vidas rutineiras, a inexorable soidade do individuo, o paso do tempo, a incerteza do futuro, o devezo por prosperar, a emigración interior…
Igualmente, ambas as dúas fundan para a ficción un lugar que se mira no espello das vilas de infancia dos seus autores: Winesburg é a réplica literaria de Clyde (Ohio); Altamont, a da Asheville natal de Wolfe, en Carolina do Norte. (O mesmo fará Faulkner neses anos co condado de Yoknapatawpha, emulación de Lafayette County, en Mississippi).
Amais dese espazo da ficción, o que nos atrevemos a dicir que emparenta Winesburg, Ohio con O neno perdido é a súa estrutura fragmentaria. As dúas obras son coma un mecano, un xogo de construción literaria que o lector vai amañando a medida que vai lendo. A de Anderson, composta por vinte e un contos vencellados por un mesmo escenario e por personaxes que entran e saen –especialmente un aglutinador, o xornalista novo George Willard–, motivo polo que boa parte da crítica a considera unha novela. A de Wolfe, catro partes ou actos executados con voces narrativas e puntos de vista diferentes. Ambas as dúas evocativas, un xarope para reflexionar sobre a soidade e o tempo; ambas as dúas coa vontade compartida de remarcar a debilidade e o patetismo humanos. A primeira, enigmática e contida; a segunda, un trebón lírico.
Wolfe considerábase discípulo de Anderson, de quen dixo que «foi o único home que me aprendeu algo en América». Nunha carta que lle escribiu en 1937, confiáballe: «Coido que es un dos escritores máis relevantes deste século, que abriches un suco profundo na terra estadounidense, que nos revelaches outra beleza que sabiamos que estaba alí pero da que ninguén máis falara. Penso en ti con Whitman e Twain, é dicir, con homes que viron os Estados Unidos de América coa visión dun poeta e cunha visión poética da vida, que na miña opinión é a única forma en que finalmente se pode ver».
De momento, de Winesburg, Ohio non existe tradución á nosa lingua, mais deste mesmo autor si é posible gozar da tradución galega de O triunfo do ovo (1921; trad. Celia Recarey e Carlos Valdés, Irmás Cartoné, 2015).