Voces cruzadas
Hai na teoría literaria, máis concretamente no que se denomina paratextualidade, un elemento ao que nós procuramos prestarlle unha especial atención: a presentación editorial contida nas contracubertas e, ocasionalmente, nos apéndices de apoio inseridos nas lapelas. Precisamente porque as posibilidades de redacción son enormes, é fácil errar: sexa caer na autocomprancecia, na esaxeración, nos lugares comúns ou simplemente destripar en exceso.
Unha fórmula, non exenta de perigo, que a nós nos resulta especialmente grata pasa pola posibilidade de facer dialogar a obra presentada con outras voces, ben de noso, ben de persoeiros das letras doutros espazos literarios. Velaquí algúns exemplos que oxalá animen á lectura:
-
En As damas verdes, de George Sand: «… a novela foi moi apreciada por, entre outros, Rosalía de Castro, quen reparou nas enormes similitudes co seu El caballero de las botas azules (1867). Por outra banda, cabe sinalar que a galega consideraba a Sand unha “novelista profunda”, ademais dun modelo vital, ideolóxico, intelectual e creativo da muller emancipada e progresista».
-
En O solteirón, de Adalbert Stifter: «… admirado, entre outros, por Rilke ou Thomas Mann, quen cualificou a Stifter como “un dos narradores máis enigmáticos da literatura universal”, para o caso cabe rescatar a descrición que del fixo Hannah Arendt como “o meirande paisaxista da literatura”».
-
En O monstro, de Stephen Crane: «… xorde a pregunta de a quen lle apoñer en verdade a etiqueta de “monstro”, se ao personaxe así denominado ou, como apuntou Harold Bloom, á mente colectiva».
-
En O castelo Rackrent, de Maria Edgeworth: «.. os vencellos literarios [da autora] con Walter Scott, autor escocés que gabou o seu talento para os contos infantís, as descricións da vida irlandesa e o seu particular humor».
-
En A infancia dun xefe, de Jean-Paul Sarte: «… para desgraza de personaxes tan sinistros coma o pronazi Robert Brasillach, que cualificou a obra de aburrida e malsá, acadou un éxito notable, entre outras razóns pola habilidade indiscutible do autor para plasmar fielmente o ambiente convulso que precedeu o auxe do fascismo e moitas das inquietudes do seu tempo».
-
En Os salgueiros, de Algernon Blackwood: «… en palabras de H. P. Lovecraft, “o mellor relato sobrenatural xamais escrito” e “conforma en por si unha categoría especial da literatura espectral” […] os protagonistas mergullaranse nun suxestivo ambiente de irrealidade e irán tomando conciencia do “horror cósmico” e das presenzas sobrenaturais que os asexan».
-
En Nós, de Evgenii Zamiatin:«… George Orwell salientaba a súa «forte tendencia ao primitivismo”, así como os “impulsos atávicos” do desasosegado protagonista, D-503. Pola súa parte, Ursula K. LeGuin puxo o acento no seu carácter de excelencia e no “ton anarquista”».
-
En A educación sentimental, de Gustave Flaubert: «… e, sobre todo, as elipses e as rupturas temporais, por veces dunha secuencia a outra (“os brancos de Flaubert”, en palabras de Proust), que case parecen anticipar a fotografía e a montaxe cinematográfica».
-
En Dos días do porvir, de H. G. Wells: «Elizabeth e Denton [os protagonistas] son o que Isaac Asimov chamaría “medievalistas”, o cal, nun contexto futuro, identifica aquelas persoas que rexeitan a vida urbana e o progreso tecnolóxico, avogan por unha volta ao rural e anhelan os usos e costumes do pasado».
-
En Colleita vermella, de Dashiell Hammett: «… de lectura inescusable […] por algunhas escenas e diálogos verdadeiramente xeniais: segundo o existencialista galo André Gide, “o último en atrocidade, cinismo e horror”».
-
En A casa e o cerebro, de Edward Bulwer-Lytton: «… sinala H. P. Lovecraft: “é innegable o talento de Bulwer-Lytton á hora de conformar un certo e estraño encanto”, talento que lle permitiu facer “un dos mellores relatos sobre casas encantadas”».
-
En Fosca, de Igino Ugo Tarchetti: «… Italo Calvino afirmou: “Fosca é unha personaxe entre liberty e dannunziana anticipada polo menos vinte anos nun mundo que non é o seu”».