Oito consultas ao Seminario de Lexicografía (II)
Entre setembro de 2015 e decembro de 2019 trasladámoslle á Real Academia Galega ducias de consultas de toda índole a través, principalmente, do Seminario de Lexicografía. As dúbidas recollidas na anterior entrada están dispoñibles aquí.
A continuación, as oito da segunda fornada:
- 1. Como é en galego: cinesioloxía ou quinesioloxía?
No Dicionario non figura esta forma, pero si o prefixo cinema- e voces coa mesma raíz, como “cinética” ou “cinemática”, polo que parece adecuada a opción “cinesioloxía”.
- 2. Sestina? Sextupla? No ámbito da música, como se di en galego o que en castelán se denonima ‘seisillo’?
A forma proposta polo servizo de Termigal é “sestina”.
- 3. Parece que falta a voz crampón, en referencia ás pezas para as botas de alta montaña que se caracterizan por adherir cravos ás solas.
Non está recollida, polo momento, no Dicionario, pero a forma validada pola comisión de Termigal para denominar este tipo de sola é “grampón”.
- 4. Como é preferible escribir as horas? Cun punto intermedio (.) ou con dous puntos (:)? 17.30 ou 17:30?
Como se recolle no libro Ortografía da lingua galega de Begoña González, calquera das dúas grafías é correcta. Ben cos dous puntos ou cun punto, pero nunca unha coma.
- 5. Non faltaría ‘morte morrida’ entre os usos da entrada morte? Ou trátase acaso dun lusismo?
A expresión “morte morrida” non a atopamos en ningunha das obras lexicográficas consultadas e ten unha presenza moi escasa nas bases de datos léxicas. Pode tratarse dun lusismo.
- 6. Como antítese da utopía (nun contexto de ciencia ficción), cal das formas está referenciada en galego: distopía, antiutopía, anti-utopía ou cacotopía?
Consideramos que calquera dos prefixos empregados (dis-, anti-, caco-) achegan o significado de anomalía, alteración, deformidade e poden formar unha nova palabra que teña como base “utopía” axustándose ás regras de formación de palabras propias do galego. Polo tanto “distopía, antiutopía, cacotopía” poderían ser válidas nese contexto.
[O intercambio de correos data de marzo de 2018. Dende maio de 2019, o termo ten a súa propia entrada no dicionario; na primeira acepción: distopía (subst. fem.). Mundo imaxinario que se considera como fortemente negativo. Ex.: Mentres que unha utopía é unha sociedade ideal, unha distopía é unha sociedade indesexable.]
- 7. Cal é a forma máis correcta, “de arriba abaixo” ou “de arriba a abaixo”?
Segundo se di na páx. 614 da Gramática da lingua galega de Rosario Álvarez e Xosé Xove: “Estes adverbios cando expresan localización en ou dirección a escusan a presenza desas preposicións (…). En moitas destas formas houbo un proceso de aglutinación total ou parcial de preposición coa base (…).” Polo tanto, pódese omitir a preposición “a”.
- 8. A posición do xogador de rugby que se coñece como prop (EN), pilar (ES, CA), pilier (FR), pilone (IT), como sería en galego?
Pensamos que as palabras ‘piar’ ou ‘puntal’ poderían ser unha tradución axeitada para o termo inglés ‘prop’.