Balance do ano editorial 2018
No tránsito cara a 2018
A finais de decembro de 2017 publicamos tres obras cuxa distribución nas librarías principiou xa en 2018.
Unha delas, destinada á colección principal, foi Un mundo distinto e igual, do bispo inglés Joseph Hall, traducida do latín humanístico por Alfonso Blanco (responsable tamén do rico corpo de notas); trátase dunha obra orientada sobre todo aos amantes das utopías satíricas clásicas.
Outra, tamén dentro da colección orientada aos subscritores, foi Nós, que pasa por ser a obra cumio de Evgenii Zamiatin, tida en grande estima polos amantes da ciencia ficción de todo o mundo. Neste caso estamos a falar dunha distopía, altamente recomendada para admiradores de Orwell; xa anunciabamos o ano pasado no pertinente balance anual que esta obra é o antecedente máis directo de 1984, novela coa que comparte numerosos trazos. As obras mestras de Orwell e Zamiatin teñen pasaxes, estrutura, personaxes e atmosferas semellantes. Unha simple procura rápida en Internet deitará luz a quen estea interesado no tema. A tradución dende o ruso correu a cargo do tándem formado por Elena Sherevera e Lourenzo Maroño.
A terceira obra en cuestión foi A traba, de Mary Cholmondeley, integrada na colección paralela, «Vólvense os paxaros contra as escopetas» –a das cubertas negras–, en tradución de Matthias Louwen e Sabela Tobar. Trátase dun rico e pouco coñecido texto vitoriano cuxa trama se desenvolve en Londres e no que, en apenas 60 páxinas, a autora logra despregar un interesante xogo de afectos e traizóns.
8 lecturas para 2018
O xogo das cadeiras é unha novela breve de Uxue Alberdi e supuxo a terceira inclusión dunha obra vasca no noso catálogo. De novo, coma nas dúas veces anteriores nas que fomos de pesca literaria a Euskal Herria, o artífice da tradución dende a lingua éuscara foi Isaac Xubín. Trátase dunha novela ben artellada, cuxa lectura resulta fluída e onde a práctica totalidade dos personaxes son mulleres. Publicámola no mes de abril, e canda ela chegou outra novidade vertida dende o inglés: Dos días do porvir, de H. G. Wells (traducida por Alejandro Tobar), obra que engrosa a xa considerable morea de clásicos da ciencia ficción que temos no noso fondo.
Estas dúas traducións quedaron por baixo das 150 páxinas, algo que equilibramos ao trimestre seguinte (a entrega estival, en xullo) coa extensa Filibuth ou o reloxo de ouro, unhas das principais obras narrativas do polifacético e malfadado artista galo Max Jacob. Da tradución do francés ao galego encargouse Isabel Soto. A de Jacob é posiblemente a peza máis complicada e estraña que sacamos este ano. Sabiamos de antemán que para supervendas non iría, pero cremos importante que esta clase de obras literarias, un tanto máis difíciles do acostumado, estean tamén en galego; e dende logo é un bo libro, con múltiples capas e espazo para o debate.
A outra novela que apareceu no verán foi Unha muller perdida, da norteamericana Willa Cather, traducida do inglés por Antía Veres. É unha magnífica obra para agasallar nas datas de Nadal, pois contén a dose xusta de nostalxia e, no plano estritamente literario, raia a un nivel realmente alto, coa virtude de lograr conectar cun elevado número de lectores e lectoras. Malia o tempo e a distancia, tanto personaxes coma vicisitudes resultarán próximos para o cidadán actual.
Chegou outubro e con el dúas obras avaladas por público e crítica e de inusitada potencia. Por unha banda, un clásico moderno das letras gregas, traducido da lingua orixinal por Alfonso Blanco: Pequena Inglaterra, de Ionna Karistiani, un melodrama moderno que transcorre nunha illa do Exeo. Un posible empezo –só ao primeiro, pois un axiña se afai– é a súa peculiar puntuación. Superada esa rareza, literatura de altos voos. Pola outra banda, unha das grandes novelas do austríaco Stefan Zweig: A impaciencia do corazón, que traduciu do alemán Rosa Marta Gómez Pato. Curiosa casualidade que en 2018 se incorporasen ao corpus de literatura traducida outras dúas obras do mesmo autor: Momentos estelares da humanidade (Kalandraka; trad. Laureano Araujo) e a reedición de Novela de xadrez (Irmás Cartoné; trad. Patricia Buxán e Saleta Fernández), que previamente saíra publicada en Ir Indo (2004).
De actualidade
E xa cando 2018 agoniza, presentamos un clásico universal incontestable e mais unha aposta de noso. En primeiro lugar A peste de Albert Camus, que traduciron conxuntamente Isabel Soto e Xavier Senín. Palabras maiores. Singularísima obra que vén cubrir un oco inexplicable da literatura traducida ao galego. Gustaríanos destacar que entre as múltiples interpretacións que é posible facer da obra, cóntase a antifascista, pois «o bacilo desa “peste” non morre nin desaparece endexamais». A nosa segunda proposta é Apropiación indebida: unha novela sobre o amor, de Lena Andersson, que traduciu do sueco ao galego Marta Dahlgren. Publicada orixinalmente nunha data tan recente como 2013, supuxo un auténtico boom editorial en Escandinavia, o que propiciou que ao longo destes anos se traducise a diversas linguas. É, pois, unha moi boa noticia que tamén agora estea dispoñible en galego.
II Edición do Premio Realia
Decorridos dous anos dende a primeira convocatoria do Premio Realia de Tradución Literaria –no que resultou gañadora Antía Veres pola novela Detrás da máscara: o poder dunha muller, de Louisa May Alcott–, tocounos poñer en marcha a nova edición do certame, cuxo prazo para a recepción de propostas permanecerá aberto até o 1 de marzo de 2019. Animamos polo tanto a que tradutoras e tradutores ao galego nos fagades chegar os vosos traballos. O premio conta cunha dotación de 1.200 euros máis a publicación da obra gañadora en calquera das nosas dúas coleccións.
5 guías de lectura
Ao longo dos catro últimos anos fomos colgando na rede unhas guías de lectura que consideramos útiles como complemento á publicación de determinadas obras de tempo atrás. A primeira delas aparecera en novembro de 2014 como anexo ao único texto de ficción de Johannes Kepler: O soño. O seu impulsor foi Alfonso Blanco, quen cada vez que debía entregarnos unha obra traducida dende o latín tiña o xesto de achegar gratis et amore un destes apéndices. Por iso, en xuño deste ano, tras algúns arranxos de formato e unha vez ideado un deseño común para todas elas, presentámolas en papel a prezos módicos (2 ou 3 euros, en función da extensión) con ocasión da Semana do Libro de Compostela. Polo momento, corresponden a catro traducións do latín: O soño de Kepler, Un mundo distinto e igual de Joseph Hall, Nova Atlántida de Francis Bacon e A viaxe subterránea de Niels Klim de Ludvig Holberg; e unha do francés, elaborada por Isabel Soto: A contrafío de Joris-Karl Huysmans.
Os libros que virán en 2018
Algunhas pistas: en 2019 chegará unha novela negra do senlleiro Raymond Chandler. Tamén algo caerá de Ricarda Huch, unha autora alemá non demasiado coñecida. Seguiremos incrementando o catálogo de obras de ciencia ficción, desta vez cun texto importado do francés, que probablemente irá a parar á colección «Vólvense os paxaros contra as escopetas»; como tamén engrosará a colección paralela un opúsculo de Wilkie Collins e posiblemente outro de George Eliot; finalmente, se todo vai segundo o previsto, faremos unha incursión nunha lingua romance até agora inexplorada. Para os restantes títulos: oh, sorpresa!
O recordatorio habitual
Convénnos renovar o convite a subscribirse (a modalidade estándar, 116 euros ao ano; non subiu nin un céntimo dende a fundación da editorial a finais de 2011). Nós dependemos en esencia dese apoio das persoas socias para traballar da maneira na que o facemos. Así que, quen poida e aínda non o fixese, que por favor considere a posibilidade de subscribirse, e mesmo a posibilidade de regalar unha subscrición. Grazas, boas e enriquecedoras lecturas e próspero 2019.