A Lei do libro e da Lectura: vixencia e perspectivas de reforma
O Consello da Cultura Galega organizou o pasado xoves 19 de abril unha xornada de debate ao redor da Lei do Libro e da Lectura. Na sesión matinal os relatores convidados rememoraron o proceso de elaboración da lei, achegaron gráficas de lectura, venda e produción editorial da década 2006-2016 e analizaron unha parte dos contidos. Quedou para a tarde a mesa redonda, que moderou un dos membros da sección de Lingua, Literatura e Comunicación do CCG, Marcos Lorenzo.
A audiencia vesperal, en non sendo moita, foi abonda: unhas cincuenta ou sesenta persoas. Desafinou, con todo, que ningún representante de ningunha forza parlamentaria nutrise o público, mesmo cando se lles cursou convite formal.
Susana Castro, subdirectora xeral de Centros, foi a primeira relatora en tomar a palabra. Na súa primeira intervención, puxo o foco no plan LIA (Lectura, Información e Aprendizaxe) 2016-2020, o marco para as accións desenvolvidas nas bibliotecas. Deitou algúns datos, como que a Asesoría de Bibliotecas Escolares se creara en 2003 e o plan de mellora en 2005; cifrou así mesmo o número de centros integrados no tal plan en 645, dos cales 629 son de titularidade pública. Tamén creu conveniente citar o programa de convocatoria de clubs de lecturas no ensino secundario, así como as xornadas destes clubs. Nunha segunda veceira, preguntada polas medidas prioritarias, argüíu a necesidade de promover un concepto de «biblioteca inclusiva» e deu prioridade á actualización dos fondos e á merca de materiais específicos para persoas con necesidades especiais. No seu perfil técnico, sen caer no triunfalismo, trasladou a idea de que hai avances. Porén, a partir dalgunhas novas de prensa recentes e mais dun par de datos que minutos máis tarde facilitaría o editor Xosé Ballesteros, a impresión certa é que no actual contexto a enumeración de logros, ou sequera de proxectos, é cando menos enganosa. Mal casa pensar en renovar fondos, por exemplo, cando no período 2008-2015 o número de bibliotecas públicas diminuíu nun 15 % e, sobre todo, cando na última década a Administración reduciu nun 78 % a partida orzamentaria para a dotación de bibliotecas.
Tras Susana Castro, o moderador presentou e outorgou a palabra a Pilar Rodríguez, presidenta da Federación de Librarías de Galicia. Como é habitual nos parlamentos da libreira ourensá, as impresións persoais (ou federativas) esmagan a realidade obxectiva. Así a todo, acertou ao apuntar que a «relevancia do libro está en declive». Porén, considerar a «inexistencia» dunha regulación para os contidos da rede un problema que atangue ás librarías, ou avogar pola «recuperación» dos manuais escolares con vistas á renacenza dos «valores da lectura»… Resultou interesante que comentase que unha reivindicación de vello da Federación (talvez tamén dos libreiros e libreiras galegos, pero iso non se constatou nesa xornada; a Federación representa a non máis do 10 % dos profesionais do gremio, unhas 45 librarías) é a creación dun Rexistro de Librarías; como interesante foi a réplica que ao cabo dun anaco lle deu a xefa do Servizo do Libro e Publicacións, Dolores Tobío: unha directiva da Unión Europea (2006/123/CE) obrigou a derrogar parcialmente o artigo 19 da Lei 1/2010 (en concreto, reformúlase o apartado 1 e anúlase o apartado 5 do artigo 11 da Lei 17/2006), é dicir, aquilo que recollía a creación dun Rexistro de Librarías en Galicia así como a definición do que é ou non é unha libraría. Éo un quiosco de prensa, un pequena tenda a pé de praia ou un estanco do medio rural que, entre outros, vende libros? Segundo a representante da Federación, rotundamente non. Segundo a técnica da Administración galega, non está claro. Secasí, parece que unha solución a un rexistro semellante tería como base os datos dos que dispón a Consellaría de Facenda, en función do epígrafe no que se cotice e outras fórmulas similares (un baremo que, por certo, para o número de editoriais galegas, daría un total de máis de 100).
Falou ben e a bo ritmo o terceiro conferenciante, Daniel Buján, da Biblioteca Nacional de Galicia. A súa intervención foi seguramente a menos conflitiva, como corresponde a unha exposición das fases dun proceso de recollida e escolma de datos na rede ou de como, dende hai poucos anos, a obriga de enviar exemplares ao Depósito Legal recae sobre o editor e non sobre o impresor, un feito que ocasionou certos desaxustes. Por exemplo, ás veces un cartel de festas dun concello pequeno pode quedar sen inventariar pola Biblioteca por culpa do descoñecemento do editor ocasional da mencionada obriga. Comentou tamén Buján, é posible que na segunda quenda de palabra, que tanto cataláns coma portugueses ofrecen acceso en aberto aos documentos de dominio público dende unhas plataformas públicas habilitadas ao efecto, algo que non facemos o resto –seica por unha cuestión legal. Canto ao reto do futuro inmediato, pasaría por recoller todo canto pulula pola rede, do cal unha cantidade considerable é efémera.
En cuarto lugar, Mercedes Queixas, como voceira da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, quixo remarcar o carácter consensual da lei, que equiparou a un libro colectivo que a nula vontade política mantén agochado. Queixas aseverou que non se cumpren as disposicións xerais recollidas xa no primeiro capítulo (en concreto, é obvio que a clase dirixente non considera a industria do libro como motor económico), que non existe ningún tipo de avaliación, nin puntual nin periódica, das actuacións; e botou en falta un apartado específico para os autores. Queixas falou así mesmo de dous períodos diferenciados: 2006-2009, no que apenas se detivo (cada intervención estaba limitada a cinco minutos, que xa foron algúns máis), e dende 2010 até hoxe. Neste último, soaron na súa boca termos como cativeza, insuficiencia, falta de planificación estratéxica, regresión…, e non faltou unha mención a un feito dramático: a Administración obvia que a lingua galega non está normalizada. Tamén quixo pór de relevo a existencia dunha inercia pola cal prevalece a narrativa en detrimento do ensaio, a poesía, o teatro… E pechou cun dato revelador: a partir da información recollida pola AELG na súa Axenda cultural, é posible afirmar que entre 2015 e 2017 houbo unha diminución do 15 % no número de actividades.
Na súa quenda de palabra, Tobío, xefa do Servizo do Libro e Publicacións, cualificou a lei 17/2006 máis como unha declaración de principios ca como un instrumento efectivo. Dende a súa nacenza, a maioría dos preceptos que recolle quedaron pendentes de posteriores regulacións e partidas orzamentarias. A seguir fixo mención da convocatoria anual de axudas á tradución e tamén das axudas destinadas a adquisición de novidades editoriais para a dotación de bibliotecas; por último, aludiu á lei que regula as Feiras do Libro e destacou o papel do Consello Asesor do Libro. Foi unha intervención correcta, que non obstante levantou certa polémica entre algúns asistentes; estes últimos, ante a falta dun responsable político directo, dirixíronse a ela para lle reprochar certas cuestións procesuais e orzamentarias da convocatoria de axudas para a dotación de bibliotecas.
Falou finalmente Xosé Ballesteros, director da editorial pontevedresa Kalandraka e presidente dende 2016 da Asociación Galega de Editores, que agrupa as empresas editoriais responsables de «máis do 90 % da produción editorial galega». Ante a morea de indicadores negativos, o editor cualificou a Lei do Libro e da Lectura como unha barra ou táboa de salvación. Revelou, con todo, que o actual secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, non é dese parecer, pois literalmente considera a lei como algo «obsoleto». Porfiou polo demais nas enormes dificultades para tecer un diálogo franco e directo coa clase dirixente, malia as continuas reivindicacións do sector, por exemplo, con ocasión da Gala do Libro Galego e mesmo en sede parlamentaria a través dos representantes políticos da Alternativa Galega de Esquerda (poida que fose un lapsus e se referise a Anova ou a En Marea) e do Bloque Nacionalista Galego. Polo demais, aplaudiu a celebración dun xornada coma a que se estaba a celebrar, na medida na que resulta imprescindible unha diagnose certeira do estado do sector (un «negocio», segundo o editor Víctor Freixanes, que foi un dos que tomou a palabra nos minutos reservados á participación do público).
E velaquí algúns dos datos que con bo criterio lanzou Ballesteros:
1) o mercado do libro en galego supón o 17 % do mercado do libro en Galicia.
2) A metade da poboación afirma que ENDEXAMAIS le nada en galego.
3) A Xunta de Galicia, na súa incomprensible cerrazón para co sector do libro, deu nunha axencia de propaganda: mentres que o montante da última convocatoria de axudas á tradución dende o galego e para o galego de obras literarias foi de menos de 200.000 euros (unha baixada do 50 % respecto á de 2009), o gasto en publicidade institucional nos medios de comunicación (por suposto, medios afíns) para unha campaña puntual, a do Día do Libro, ascende a máis de 123.000 € (unha suba de máis do 100 % con respecto ao ano anterior).
Tamén voaron, para desencanto dos presentes, algúns outros datos reveladores, como o estancamento no número de lectores, o continuo devalo no número de ISBN editados en Galicia e en galego, ou o feito de que a metade das empresas editoriais que publican en lingua galega teñen o seu centro de decisión fóra do país.
Un recordatorio: na páxina web do Observatorio da Cultura Galega está dispoñible para a súa descarga en PDF unha obra de grande utilidade: Datos da edición en Galicia 2006-2016. Cómpre saudala, así como non perder de vista que nos Informes anuais de Literatura do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, é posible peneirar cada título e contrastar calquera dato referido á produción en lingua galega.
Fago miña, para acabar, a pregunta (se non a mesma, unha moi similar) que deixou no aire o moderador Marcos Lorenzo ao termo do debate: que novas medidas debe adoptar o sector e como ha de organizarse dende a absoluta certeza de que a vontade política é e será nula?