Listado de la etiqueta: XIX

Lev Tolstoi e Neera

Como avanzabamos no Balance do ano editorial 2025, por fin temos connosco as novidades, que lles remitiremos decontado ás persoas socias e que, coma decote, distribuiremos nas canles comerciais habituais.

Trátase, por unha banda, da novela intitulada Felicidade conxugal, escrita por Lev Tolstoi e publicada orixinalmente en 1859. Dende a introspección, este texto intérnase no mundo dos sentimentos á busca do equilibrio entre a idealización romántica e a rutina doméstica. A voz narradora da protagonista, María Aleksándrovna, irá revelando os cambios obrados ao longo dunha vida na súa relación con Serguei Mikháilovich. A tradución da obra dende o ruso correu a cargo de Iago Fernandes.

Pola outra banda, apostamos por traer unha extensa e interesante novela coa que outra volta queremos afondar no labor de recuperación da literatura italiana escrita por autoras que, malia posuír unha calidade ao noso xuízo moi alta, non sempre acadaron as cotas de popularidade que merecían. Referímonos nesta ocasión a Teresa, escrita por Anna Maria Zuccari, máis coñecida polo seu pseudónimo, Neera. A novela, publicada en 1886, é ben máis ca a mera narración dun amor contrariado, ao achegar un magnífico retrato do desexo reprimido e a descuberta da sexualidade por parte da protagonista, malia ver a súa existencia frustrada polas convencións e o poder patriarcal. Neste sentido, cómpre destacar a diverxencia que se percibe entre os ensaios dados a coñecer pola escritora lombarda e a súa obra de ficción, onde afonda na psicoloxía e o sometemento das mulleres. Este conflito entre a ideoloxía da autora e os seus postulados novelísticos daría para un bo debate. A tradución da obra dende o italiano correu a cargo de Isabel Soto.

Bo ano e boas lecturas.

Gaskell e Stifter, grandes plumas do século XIX

Incorporamos estes primeiros días de outono dúas novidades á colección principal, que lles enviaremos en cuestión de horas ás persoas subscritoras e, máis tarde, ás librarías.

Traemos, por unha banda, O solteirón, unha singular novela de Adalbert Stifter, escritor nado en Bohemia (en 1805, cando esta formaba parte de Austria-Hungría), sen unha adscrición clara a unha determinada corrente -aínda que con ecos do Romanticismo- e que destacaba polo seu estilo intimista e a preocupación pola estética. Influíu e gustou moito tanto entre os seus contemporáneos coma entre autores e autoras de épocas posteriores. Así, Thomas Mann considerábao «un dos narradores máis enigmáticos da literatura universal», mentres que Hannah Arendt o cualificou como «o meirande paisaxista». Sexa como for, velaí está por fin dispoñible en lingua galega unha das súas obras máis senlleiras, traducida do alemán por Rosa Marta Gómez Pato. Trátase dunha peza de ambiente rural, con trazos de novela iniciática e un evidente pouso humanista.

Por outra banda, A curmá Phillis, talvez a peza máis lograda dentro da abondosa produción de narrativa breve de Elizabeth Gaskell, escritora británica de primeira categoría. Ocupouse da tradución dende o inglés María Reimóndez. Nesta obra cargada de sutileza salienta, ao noso entender, a acertada contraposición da realidade labrega (afastada da clase acomodada descrita por outras escritoras do momento) e o mundo industrializado. De igual modo, a crítica adoita loar a fluidez imprimida á trama, sen excesivas ramificacións, o humor sutil, o final aberto e mais a autonomía da protagonista, unha personaxe complexa que non se axusta aos estereotipos esperables.

Coa obra de Gaskell, son xa 37 as obras importadas do inglés. Da literatura alemá, coa de Stifter, van polo de agora 7.

Quen esteades en disposición de apoiar o noso labor cunha subscrición, adiante, e moitas grazas.

Boas lecturas!

© Copyright – Editorial Hugin e Munin | Aviso LegalPolítica de PrivacidadeEnvíos, devolucións e desistencia