Micromegas, a primeira das reimpresións do outono
O pasado agosto informabamos de 3 novas impresións. Dende aquela, dado que o stock de até unha ducia de títulos andaba bastante baixo, principiamos a revisión dalgúns textos co propósito de reimprimilos.
Dende hoxe temos connosco máis exemplares de Micromegas, de Voltaire, un curioso opúsculo precursor da ciencia ficción que traducira Marie Abraira. Fora, por certo, o libro co que iniciaramos a colección “Vólvense os paxaros contra as escopetas” aló polo mes de abril de 2014.
Valla lembrar un extracto do paratexto da contracuberta para pór en contexto a obra:
Comezando polo título, o autor analiza o relativismo das proporcións e deita a idea de que cada ser do universo non é máis ca unha tensión entre o pequeno e o grande. Así, Micromegas é un sabio de espírito crítico movido por unha insaciable curiosidade e pola ambición de comprender de maneira xusta e lúcida a vida. Voltaire agóchase tras o seu personaxe para ciscar as súas críticas contra a relixión e os sistemas social, moral e filosófico, sen esquecer o aspecto científico propio dos enciclopedistas.
Ao noso entender, a breve extensión desta obra e o seu cariz lúdico fan que sexa un excelente punto de partida para se achegar á obra do xenial Voltaire, de quen en galego están dispoñibles así mesmo estoutros títulos:
- Cándido ou o optimismo (Edicións Xerais de Galicia, 1999; trad. Henrique Harguindey)
- Tratado de metafísica (USC, 2002)
- Exame importante de lord Bolingbroke ou a Tumba do fanatismo (Edicións Laiovento, 2005; trad. Alberte Allegue Leira)
- O mundo conforme el vai e O touro albo (BIVIR; trad. Paulo R. Ballesteros)
- Os dous consolados (Danú, 2009)
Boas lecturas.