Artigos

Vellos que tampouco non deben de namorarse?

Ás veces o azar crea estrañas parellas de baile; outras, á hora de programar as publicacións, somos nós os que procuramos que os libros cunha mesma data de lanzamento teñan algunha clase de vinculación.

Así, por exemplo, hai agora un ano tirabamos do prelo senllas obras dos estadounidenses Rebecca Harding Davis (A vida na fundición) e Richard Harding Davis (Na néboa), nai e fillo. De igual modo, o pasado mes de xullo dabamos conta da publicación de dúas novelas onde a industria do vidro tiña un peso capital, a través de dúas personaxes literarias de excepción: Sara Videbeck en As nosas normas, do sueco Almqvist, e Bempa Tantis en O obradoiro de vidro, do grego Koumantareas.

Nesta ocasión, en parte por unha casualidade, as novidades correspondentes ao derradeiro trimestre de 2021 (A historia do bondadoso vello e da fermosa moza, de Italo Svevo, en tradución de Isabel Soto, e O estoico, de John Galsworthy, en tradución de Antía Veres) chegan vencelladas polo fío da velleira. Nelas, os anciáns protagonistas –por unha banda o inglés Sylvanus Heythorp e pola outra o triestino ao que o narrador se refire como «O meu vello»– establecen distintas relacións con mulleres máis novas; non necesariamente de amor, pero si de atracción e mesmo poderiamos dicir que de afecto. Sexa coa nora ou coa criada no caso do personaxe perfilado por Galsworthy, sexa coa fermosa moza no caso do bondadoso vello de Svevo.

Verbo da narrativa deste último, son continuas as reflexións acerca da velleira, en correlación coas restantes etapas dunha vida.

Mentres que Galsworthy, autor distinguido co Premio Nobel de Literatura en 1932, tende a pousar a súa mirada no valor da experiencia, sexa aplicada aos asuntos financeiros ou a reaxustar as prioridades vitais.

Consideramos, polo tanto, que ambas as novidades deste outubro lles resultarán especialmente atractivas a aqueles lectores e lectoras con gana de afondaren na temática das relacións interxeracionais.