Listado de la etiqueta: TVG

A literatura universal tamén se cita en galego

Dende hai algo menos de medio ano, a TVG emite o programa Atrápame se podes. Trátase dun espazo de preguntas e respostas sobre coñecemento xeral lanzado en 2014 pola canle pública vasca ETB2 (que emite integramente en castelán). En vista do éxito, ao longo destes anos incorporárono a cadansúa grella un bo número de televisións autonómicas: as de Aragón, Canarias, País Valenciano, Cataluña ou Galicia.

A fórmula é bastante sinxela; consiste na superación de distintas roldas de preguntas, a miúdo vencelladas coa cultura do país, por parte dos cinco concursantes iniciais. Así, estes deben responder correctamente o maior número de preguntas posible até que, ao cabo, os dous participantes con mellores porcentaxes de acerto e puntuación se enfrontan nunha final, que haberá de resolverse cun mínimo de cinco preguntas para cadaquén. De respondelas todas ben, velaí vai o bote directo ao peto do afortunado. Outramente, o gañador deberá conformarse co petisco, isto é, con 200 €.

Secasí, trátase dun programa moi afastado dos niveis de esixencia cultural do paradigmático e estupendo Saber y Ganar de TVE. Isto non é nin bo nin malo, tan só distinto, por moverse Atrápame se podes noutra escala e ter un propósito, un público destinatario e unhas aspiracións a todas luces diferentes. Porén, non parece que ese condicionante á baixa sexa óbice para que, en emitíndose na televisión pública galega (suposta garante e promotora do galego), os espectadores reclamemos un mínimo de coidado, que hoxe por hoxe non se ten, no tratamento dado á lingua, tanto na forma escrita (por exemplo, nos rótulos das preguntas, que demasiadas veces amosan erros) como a nivel oral (sen ir máis lonxe, hai que afearlle o seu desleixo lingüístico ao presentador, Paco Lodeiro, un tipo carismático e profesional pero que en ocasións desatende o galego).

 

As citas ás obras literarias

Con ánimo tan construtivo e cordial coma firme, cómpre lembrarlles ao guionistas dese programa que en galego as obras estranxeiras non se citan endexamais en castelán, agás se foron escritas nesa lingua e nunca importadas ao galego. Esa práctica é ridícula, rancia e mesmo vergonzante; unicamente serve para dar conta do baixo nivel intelectual de quen o fai. Amais, aínda que non sempre de maneira consciente, implica darlle pé a un nocivo prexuízo que somete o galego fronte ao castelán, unha lingua que para o caso non pinta nada.

Así pois, nunca, en ningunha circunstancia, se pode colocar o seguinte rótulo nun programa en galego emitido pola televisión pública de noso:

Quen é a autora francesa que escribiu a novela “El amante”, ambientada na Indochina colonial?

Resulta que O amante, de Marguerite Duras, está publicada en tradución directa do francés ao galego (a cargo de Oriana Méndez). Publicouna Faktoría K, un selo de Kalandraka, nunha data recente: comezos de 2020. Atraveríase alguén a darlle a volta?:

¿Quién es la autora francesa que escribió la novela “O amante”, ambientada en la Indochina colonial?

Nunca. Impensable.

Dende un punto de vista académico e filolóxico, o correcto é, na escrita, citar en galego todo aquilo que conte cunha tradución publicada, ao tempo que se deben manter os títulos na lingua orixinal cando non haxa unha tradución. Agás cando, por cuestións máis complexas como un cambio de alfabeto ou unha transliteración demasiado opaca, sexa necesario facilitar a comprensión, para o cal existen diversas fórmulas, pero que nunca pasan por relegar o galego en prol do castelán nin de ningunha outra lingua.

Daquela, se non chega a haber tradución publicada de O amante, que a hai, como debían proceder os responsables de Atrápame se podes? Caberían varias opcións, dende citar no francés orixinal a obra para logo incluír entre paréntese ou corchetes a tradución suxerida, até directamente inserir a tradución ao galego sen máis, por se tratar dun espazo de entretemento. Xa que logo, o rótulo podería quedar tal que así:

  1. Quen é a autora francesa que escribiu a novela O amante, ambientada na Indochina colonial?

  2. Quen é a autora francesa que escribiu a novela L’Amant [O amante], ambientada na Indochina colonial?

  3. Quen é a autora francesa que escribiu a novela L’Amant (O amante), ambientada na Indochina colonial?

Hai nos dous últimos casos un pequeno detalle que, a maiores, achegaría información respecto da inexistencia dunha versión en galego: a ausencia da cursiva na forma galega. Tirando dese fío, de feito, os guionistas poderían (se tecnicamente é viable xogar coas cursivas) permitirnos aos espectadores saber que traducións son suxeridas e cales formais. Así, unha opción realmente interesante podería ser esta:

  • Que editorial galega publicou en 2017 a novela de Jane Austen intitulada Persuasión?
  • Como se chama o protagonista de «A montaña máxica», escrita polo alemán Thomas Mann?
  • Que británica escribiu Un cuarto de seu?
  • En que país naceu James Joyce, autor de Retrato do artista cando novo, UlisesDublineses?
  • É O Quixote a obra máis traducida da literatura española?
  • Cantas versións distintas da novela O perfume se publicaron en galego?
  • Quen traduciu ao galego a novela de Julian Barnes Arthur e George?
  • Quen é o autor de «Almas mortas»?
  • En que ano gañou Siri Hustvedt, autora de O verán sen homes, o Premio Princesa de Asturias das Letras?
  • De que famoso autor francés son os relatos «Bóla de sebo» e «O Horla»? (aquí, mágoa, non habería maneira de saber –bardante que o presentador ou a formulación o queiran indicar– se existe ou non tradución ao galego, na medida na que, por seren contos integrados en recompilatorios, as aspas francesas son as que proceden, en detrimento da cursiva)

E se estas solucións non gustan, hai ben doutras. Pero nunca, nin dando por válida a actuación máis trapalleira, é tolerable que se cite, nun enunciado en galego, unha obra francesa, chinesa, catalá ou rusa pola versión publicada en castelán.

 

Como saber se unha obra literaria está ou non traducida ao galego?

Para coñecer se existe algunha tradución publicada en galego dunha determinada obra literaria, hai un primeiro paso básico que debe darse: peneirar a Biblioteca da Tradución Galega, o catálogo da Biblioteca Virtual de Literatura Universal en Galego e a Wikipedia en lingua galega (mediante unha busca por autor e/ou obra ou, indo ao concreto, coa revisión de útiles listaxes e anexos como os da «Biblioteca Galega de Clásicos Universais», «Grandes do noso tempo», «Clásicos do Pensamento Universal» etc).

Se a obra non estivese rexistrada en ningún deses repositorios, a fin de asegurarse, por suposto é conveniente acudir tamén á Base de datos de libros editados en España, así como aos historiais de obras gañadoras dos distintos premios de tradución. Mesmo consello en canto á procura no catálogo da Biblioteca Nacional de España. A maiores, outro espazo de consulta con gran cantidade de información (sinopses incluídas) son os Informes Anuais de Literatura do CRPIH, e son así mesmo moi valiosas as Panorámicas da Tradución.

Hai que ter en conta que existen máis de 4.000 obras traducidas ao galego (as fontes difiren no dato, de modo que é un valor figurado) e que a práctica totalidade desa produción (máis do 95 %) se realizou a partir de 1981, ano da aprobación do Estatuto de Autonomía vixente.

 

O cinema

Fóra da tradución literaria, vaia toda a nosa solidariedade cos tradutores e tradutoras audiovisuais, con quen os responsables de Atrápame se podes teñen tamén unha débeda pendente. Até o momento, no cento escaso de programas emitidos mostráronse incapaces de seguir un criterio coherente en relación cos títulos das películas, fosen grandes clásicos ou intranscendentes comedias románticas. Para lle poñeren termo a ese despropósito, un punto de partida podería ser que gardasen en marcadores a Lista de filmes con versión en galego, de grande utilidade e en continua actualización.

Á hora de citar obras artísticas, oxalá pronto poidamos superar estes prexuízos que tanto dano nos fan como sociedade. E oxalá, unha vez desbotados os prexuízos contra a literatura traducida e en xeral contra calquera peza de arte ideada orixinalmente noutras linguas, a Atrápame se podes e ao resto de programas de coñecemento xeral lles vaia moi ben.