Artigos

Serbocroata, croataserbio, serbio ou croata e croata ou serbio

Co gallo da publicación en galego de Noventa anos despois, de Milovan Glišić, pedímoslle ao seu tradutor, Jairo Dorado Cadilla, que nos explicase de forma sinxela as diferenzas entre as distintas linguas balcánicas e as razóns das súas actuais denominacións. Xa que Dorado tamén foi o tradutor de Cando levanten as brétemas, aproveitamos para lle trasladar algunhas cuestións concretas comúns a ambas as obras.

Isto lle preguntamos:

  1. Entendemos que debemos incorporar Noventa anos despois ao catálogo cun apartado de seu, cunha lingua nova, o serbio, é correcto? A dúbida xorde dalgunhas explicacións non demasiado claras que pululan pola rede acerca do serbocroata, croata, serbio…

  2. Por que Cando levanten as brétemas é literatura croata sendo Mlakić oriúndo de Bosnia e amais contemporáneo? De non escribir en croata, cal sería a outra opción natural para un bosníaco: facer literatura en serbocroata? É o seu un caso estraño ou frecuente?

  3. Difire moito a lingua serbia de Noventa anos despois do idioma actual? Comercialízanse edicións actuais de Noventa anos despois? De ser así, actualízase ou normalízase a lingua á maneira na que por exemplo o fai a Editorial Galaxia con boa parte dos clásicos galegos?

A seguir, as respostas fiadas por Jairo Dorado, tradutor e especialista en cultura balcánica.

* * *

En 1850, un grupo de escritores procedentes das actuais Croacia, Serbia e Eslovenia reuníronse en Viena para acordar a creación dunha lingua literaria común aos pobos eslavos meridionais dos que procedían. Nun documento denominado Acordo Literario de Viena, decidiron adoptar como base para esa lingua o dialecto que consideraban esteticamente máis fermoso e con máis falantes, e delimitaron unha serie de características sintácticas, fonéticas e gráficas que esa norma literaria debería ter.

Debido aos diferentes graos de autonomía política de cadanseu territorio de procedencia, o acordo nunca se chegou a pór en práctica, pero si se sentaron as bases para crear un marco normativo común, especialmente na actual Croacia, onde se empezou a potenciar a variedade dialectal local que máis se parecía ás faladas en Bosnia, Serbia e Montenegro.

O curioso é que non se lle deu un nome único á lingua, senón que se empregaron varias denominacións, entre outras, as de tipo xeográfico. Tal é o caso de Serbia, que ao ir adquirindo durante o século XIX autonomía ao abeiro do Imperio Otomán, até alcanzar a soberanía plena, e por precisar dunha lingua normativa para a Administración, denominou a norma como serbio. Así, a lingua que emprega Glišić é serbio. Un serbio diferente do actual, en especial nas características léxicas, pero tamén en certas formas ortotipográficas que hoxe non son parte da norma (e que custaría comprender sen un dicionario).

Non foi até 1954, co denominado Acordo de Novi Sad, cando se adoptaron como denominacións oficiais para esa lingua literaria os nomes serbocroata, croataserbio, serbio ou croata e croata ou serbio, os catro igual de válidos, aínda que, por estar situada a capital de Iugoslavia en Belgrado, a denominación serbocroata gozou dunha maior proxección internacional.

O Acordo de Novi Sad consideraba que as normas morfosintácticas empregadas até aquel momento en Croacia e en Serbia eran igual de válidas, do mesmo xeito que os dous alfabetos -o cirílico e o latino- tiñan idéntica importancia; ademais, fixaba os principios para o desenvolvemento dun léxico científico-técnico común a ambas as normas e fomentaba a elaboración dun dicionario en tomos. Porén, a súa aceptación e posta en práctica nunca se chegou a materializar de forma plena por diferentes diverxencias políticas entre as repúblicas iugoslavas nas que o serbocroata/croataserbio era oficial.

Aínda que a cuestión relativa á denominación poida parecer trivial, o certo é que deixa entrever unha disputa de fondo sobre a quen pertence a lingua; en concreto, é a denominación da lingua un criterio xeográfico ou un criterio étnico? É por exemplo o galego a lingua de Galicia ou a lingua dos galegos? É o croata a lingua de Croacia ou a dos croatas? E o serbio?

A norma do galego só admite un adxectivo para os habitantes de Bosnia, bosníaco. Porén, na(s) lingua(s) locais existen dous termos: bošnjak (bosníaco) e bosanac (bosnio). O primeiro fai referencia a un grupo étnico de fala eslava e tradición relixiosa musulmá, que é maioritario en Bosnia e Hercegovina, mentres que o segundo é un termo xeográfico, relativo aos habitantes (á marxe da súa etnia) de Bosnia (pero non de Hercegovina!).

O escritor Josip Mlakić, bosnio pero non bosníaco, emprega como norma na súa obra o croata. Aínda así, en Cando levanten as brétemas os protagonistas mudan de norma e incluso fan bromas sobre a «corrección» lingüística atendendo á nova norma literaria en Croacia tras a guerra. Con todo e iso, o propio autor deixou claro nunha entrevista que a literatura non é o fútbol, e que un escritor pode xogar paralelamente en dúas seleccións: cabe que sexa un escritor croata de Bosnia e asemade un escritor de Bosnia en croata.

Noutra orde de cousas, penso que polo xeral a expresión dos clásicos (Ivo Andrić) si que se adapta se o seu uso é escolar; outramente, a lingua déixase estar. Porén, entre escritores da zona hai adaptacións: Mlakić ten a súa obra publicada en Serbia «adaptada» á norma oficial do país veciño.

No caso de Andrić (que é relativamente contemporáneo), a obra véndese sempre cun apéndice léxico dunhas 100 palabras que a día de hoxe un lector serbio (ou croata) non entendería, ben por ser turcismos, localismos ou termos antigos ou da tradición islámica. Un habitante de Bosnia e Hercegovina, especialmente un musulmán, tería menos dificultades. O problema é que Andrić é considerado islamófobo…, pero esa é outra historia.

No caso de Glišić, de ser Noventa anos despois un clásico de uso escolar en volume exento, estaría adaptado e incluiría o mencionado apéndice, igual que sucede coas obras de Andrić. Iso si, sería máis extenso, porque a obra de Glišić é anterior ás de Andrić, e un tanto «artificiosa» con respecto á lingua que o autor cre que os labregos usarían (repárese nos parlamentos). Creo, polo tanto, que incluso para un lector contemporáneo do autor a obra tería un ar vetusto, un aquel «antigo».

Para acabar, direi que -isto é máis unha apreciación persoal- en certo modo o serbio e o croata mudaron bastante a partir da Primeira Guerra Mundial, algo semellante ao que aconteceu co galego.