Listado de la etiqueta: sardeña

Dúas grandes novelas de Grazia Deledda

Da presentación en Riolagares

O pasado xoves 1 de xuño de 2023, Xavier Queipo e Cé Tomé, os xestores do espazo Riolagares, local de recente creación localizado na rúa viguesa da Falperra, tiveron a xentileza de organizar en tempo récord un acto conxunto de presentación das novelas de Grazia Deledda Canas ao vento (Irmás Cartoné, 2023) e Elias Portolu (Hugin e Munin, 2012). Con bo criterio, e como comentou na súa breve introdución ao evento o propio Queipo, o protagonismo recaeu case por enteiro nas tradutoras das obras, María Alonso Seisdedos e Isabel Soto, en canto que lectoras privilexiadas dos textos que, por oficio, son.

Amais dos organizadores e das tradutoras, participou, cunha breve intervención inicial, Alejandro Tobar, en calidade de editor de Hugin e Munin, quen recordou que Elias Portolu (publicada en galego a finais de 2012) xa se presentara unha década antes na libraría Librouro, tamén localizada en Vigo. Así mesmo, comentou que Grazia Deledda se converteu na segunda muller en recibir o Nobel de Literatura (1926), tras a concesión á sueca Selma Lägerlof (1909), autora da que polo momento non hai nada dispoñible en galego; non obstante, Aira Editorial prevé sacar en cuestión de meses unha obra dela. Deledda é, por outra banda, a única muller entre os cinco galardoados cun Nobel que forman parte do catálogo da editorial. Os outros serían o inglés John Galsworthy (1932) e os franceses François Mauriac (1952), Albert Camus (1957) e Jean-Paul Sartre (1964); este último cómpre amentalo con reservas, pois renunciou. Nese sentido, cabe recordar que antes ca el xa renunciara o ruso Boris Pasternak (1958), só que no seu caso por presións das autoridades soviéticas. A propósito de Pasternak, parece que a editorial Galaxia prevé publicar en próximas datas O doutor Zhivago.

Por outra banda, Tobar comentou que Elias Portolu tivera, malia ser un bo libro, un rendemento comercial por baixo da media. Cualificouno, no relativo ao formato, como un libro de transición para a editorial; por exemplo, en vista dalgunhas mudanzas sutís na caixa de texto ou no alargo das lapelas, que pasaron dos 5 aos 7 cm (os 9 cm definitivos, para aproveitar ao máximo a información paratextual e porque con menos ancho o tipo de cartolina empregada acababa por abrirse, chegarían apenas uns meses despois). Tamén definiu a obra como de transición en canto á forma interna de traballar. Mencionou que á altura de 2012 aínda non estaba debidamente resolto o libro de estilo ou que, a diferenza dos últimos 7 ou 8 anos, aínda non se efectuaban de forma sistemática as múltiples correccións de rigor sobre texto inicial e en maqueta. Tamén, finalmente, definiuna como unha obra de transición a nivel de deseño, por un exceso de austeridade, non demasiado representativa do groso da produción posterior. Ao cabo, antes de lles dar a palabra ás tradutoras, destacou que María Alonso Seisdedos é a profesional que máis libros traduciu dun premio Nobel, con 7 obras de 3 autores distintos: Deledda, Pahmuk (neste caso, 4 novelas traducidas en tándem con Bartug Aykan) e Fo. Mentres que Isabel Soto leva 3, unha por autor: Deledda, Camus e Cela, neste último caso pola versión galega de A rosa (2002, conxuntamente con Xandra Cabaleiro).

Posteriormente, foi Isabel Soto quen tomou a palabra para analizar aspectos da vida da autora en diálogo con Elias Portolu; boa parte do que relatou Soto, María Alonso habíao referendar despois, en vista de que ambas as novelas, pese a presentar tramas moi diferentes, comparten elementos distintivos, intereses temáticos e estilo narrativo.

Por iso, a seguir poñemos a disposición do lectorado unha reformulación das notas de Soto, centradas na súa tradución de Elias Portolu pero en gran medida válidas tamén para Canas ao vento, pequena alfaia que acaba de publicar Irmás Cartoné e que, en palabras de Alonso Seisdedos, está «deliciosamente escrita».

Sobre Grazia Deledda

Poida que para unha gran maioría do público lector Grazia Deledda sexa unha escritora descoñecida, malia contarse entre as 17 mulleres (contra un centenar de homes) que recibiron o Premio Nobel de Literatura, na edición de 1926.

A literatura de Deledda supón un magnífico exemplo de como dende o local, o pequeno, do que se coñece ben para retratalo, se chega ao universal, sempre e cando haxa a profundidade e a calidade suficientes.

Dende os comezos, Hugin e Munin optou por rescatar periodicamente grandes obras de vello. Neste caso, non hai dúbida de que Elias Portolu foi unha aposta, no intento de poñerlle un novo traxe editorial a unha obra publicada en 1900 por entregas e en 1903 en volume independente, un clásico da cultura sarda, malia que escrito en italiano. Por iso, cabe reiterar que é unha alegría que agora a editorial Irmás Cartoné e a tradutora María Alonso Seisdedos acheguen outro texto de Deledda, Canas ao vento, ao corpus da literatura universal dispoñible en galego.

Da biografía da autora, hai dous datos de especial interese:

1 – O lugar de nacemento, Nuoro, unha cidade situada na parte máis montañosa da illa de Sardeña, baixo o monte Ortobene, precisamente o escenario de Elias Portolu. O retrato que ofrece é fiel: esa familia de pastores, con arraigadas tradicións; a paisaxe que Deledda describe e que se converte nunha personaxe máis das obras ou que traduce o estado de ánimo dos protagonistas. Deledda medra sen contactos nin modelos literarios, o que a obrigou a configurar uns propios, recorrendo a figuras reais para definir a psicoloxía e sentimentos dos personaxes e creando a literatura exclusivamente sarda que soñaba.

2 – A data de nacemento da autora, 1871, pois implica un contexto no que a muller non pasaba dos estudos primarios. Grazia Deledda, coma outras rapazas daquela, só asistiu á escola até os 10 anos. Falamos polo tanto dunha muller autodidacta, con escasa instrución e que leu todo o que lle caía nas mans, en especial os libros dos membros masculinos da súa familia, dun xeito desordenado e asistemático. Recibiu así diversas influencias que despois iría abandonando, a medida que descubría novos camiños. Á condición de muller incomprendida polo seu gusto pola literatura no ambiente cerrado e asfixiante dunha illa, habería que engadir entón esa falta de formación intelectual, trazos que conducen á marxinación que así mesmo sufriron moitas das súas coetáneas e que, no caso galego, pola condición de muller singular, evoca a figura de Rosalía de Castro (1837-1885), máis vella ca ela pero con certas similitudes.

Contamos cos pensamentos e sensacións de Deledda grazas á súa autobiografía novelada, Cosima, primeiro publicada por entregas e despois, postumamente, en libro, en 1937. Trátase dunhas memorias nas que relata os primeiros anos de vida, a súa temperá relación coa literatura e os seus primeiros pasos como escritora.

A cuestión da lingua

Para comprender a autora e a súa obra, cómpre ter en conta que a súa adolescencia e mocidade transcorren durante os primeiros anos da Unificación de Italia, tras a proclamación en Torino do reino de Italia en marzo de 1861. Para Sardeña é unha época de grandes cambios sociais e estruturais. Até daquela, a sociedade sarda permanecera secularmente illada, posuía un marcado carácter endogámico e vivía nun ritmo atemporal e inmobilista, rexida por un código ancestral non escrito.

Coa Unificación de Italia desenvólvese unha literatura rexionalista que acolle preocupacións polos problemas dese proceso político, máis complexos nas rexións do sur e nas illas, nas que se experimentaba o temor a sufrir unha aculturación que deviñese na desaparición das raíces e tradicións propias, expresadas de formas ben distintas e dialectos moi diferentes. Grazia Deledda intégrase nesa literatura rexionalista e ten que escoller o italiano como lingua vehicular, que non é a que falan habitualmente os seus personaxes. O sardo, con todo, salpica os seus textos, que presentan proverbios, cancións ou termos propios da cultura inmaterial da illa que carecen de referente en italiano.

No caso de Elias Portolu -e en maior medida en Canas ao vento- aparecen determinados termos en sardo que a autora anota xa na edición orixinal: tanca, cumbisia, filindeu, corcajos, malunes… Así mesmo, tamén reflicte tradicións como a romaría a San Francisco para cumprir a promesa que fai Elias; cerimonias como a da pedida de man (su fueddu), á que os sardos conceden case tanta importancia como á da voda, pois a palabra empeñada xa non se pode quebrantar; o costume de tosquiar as ovellas e a festa que a acompaña; o Entroido…

A adopción da lingua italiana é unha peaxe que Deledda pagou conscientemente a cambio de dar a coñecer fóra da illa unha literatura exclusivamente rexional, que, entendía, de ser escrita en sardo quedaría circunscrita aos límites da illa. Un doloroso paradoxo. Tamén quixo que o resto dos italianos comprendesen a súa realidade. Estamos pois diante dunha lingua aprendida, imposta. Nos escasos anos de escola, Deledda tivo que empezar por aprender italiano, para ela unha lingua estranxeira, pois coma tantos outros italianos, desenvolvía a súa vida cotiá na fala considerada dialectal.

Sobre Elias Portolu

No ano 1903 publica en libro Elias Portolu, previamente dado a coñecer por entregas en Nuova Antologia (entre agosto e outubro de 1900), que a consagra como escritora e inicia unha serie de novelas e pezas teatrais. Algunhas mesmo serán levadas ao cinema, como Cenere (1904), en 1916.

A obra de Deledda adoita acoller poderosas experiencias relacionadas co amor, a dor e a morte, sempre dominadas polo sentido do pecado, a culpa e a conciencia dunha especie de fado inevitable.

Son novelas psicolóxicas con personaxes que se debaten entre a paixón e o remorso e que evolucionan nunha localización que acolle os costumes e a vida cotiá da illa.

En Elias Portolu atoparemos unha narración de estilo clásico que evoca a Sardeña decadente de principios do século XX; un mundo poético, pero primitivo e cerrado. A sociedade que describe é arcaica e inmobilista, e os seus personaxes aparecen dominados por estraños conceptos intransixentes e supersticiosos da existencia humana, dunha moralidade católica e sumamente convencional.

Propón temas recorrentes: o conflito entre desexo e deber, o sentido do pecado e da culpa, a necesidade de expiación, a descrición lírica da paisaxe, unida en moitos casos aos estados de ánimo dos personaxes, nunha liña romántica, da que tamén beben tópicos como a paixón amorosa por unha muller inaccesible por condicionamentos familiares ou o conflito entre o mundo relixioso e as relacións afectivas e sexuais humanas.

Outro punto significativo da novela é o perfil psicolóxico dos personaxes, a súa compoñente atávica e antropolóxica. Aparecen dominados polas paixóns.

Os personaxes masculinos de Grazia Deledda posúen escasa entidade: son mozos débiles e sen carácter, proclives ás tentacións, como Elias, que se debate entre eternas dúbidas e non é quen de apostar polos seus sentimentos e enfrontarse á familia. Pero está tratado con gran profundidade psicolóxica. Unha lectura alén disto lévanos á incapacidade do protagonista de se enfrontar aos condicionamentos da sociedade e ás consecuencias da falta de liberdade pola imposición relixiosa.

As personaxes femininas están construídas dende un sentido tráxico da existencia. Viven na mesma sociedade da autora, condenadas de antemán a levar unha vida da que non son suxeitos axentes, privadas da posibilidade de actuar conforme á súa vontade ou empuxadas ao único camiño do que dispoñen: o da desgraza e o infortunio. Son mulleres que non poden ou non saben loitar contra o seu destino, esmagadas polo peso dunha falta ou dun sentimento que o grupo non está disposto a aceptar. Mulleres que se dobregan e se conforman aceptando un destino adverso.

Maddalena representa na novela o papel da muller tentación, mentres que o modelo da muller nai o encarna a nai de Elias, unha muller de gran solidez moral, inculta, xorda, que traballa sen descanso.

Atoparemos en Elias Portolu, como tamén en Canas ao vento, unha escritora que pinta paisaxes con palabras, que lles outorga sons e recendos, o cal crea sensacións na lectura. As descricións da natureza aumentan o interese da obra.

As tensións

É de igual modo unha novela de tensións. Tensión entre a relixiosidade cristiá e a permanencia de ritos pagáns, como «as palabras verdes» ás que recorre a nai de Elias para tentar curar das enfermidades; ou tensión permanente entre o sentimento de culpa de Elias por namorarse da súa cuñada Maddalena e o gozo pleno do amor e do sexo. Hai unha excelente análise do proceso de culpa tipicamente cristián.

Tamén hai tensión nas opinións contrapostas dos dous conselleiros e confidentes de Elias: dunha banda, o padre Porcheddu, sacerdote alegre pero firmemente defensor da moral cristiá, que o induce a facerse crego; por outra, o tío Martinu Monne, vello pastor de pasado misterioso, defensor da vida e as paixóns, que lle di que siga a súa relación, aceptándoa como algo inevitable contra o que nada pode facer. Son dúas solucións opostas ao dilema: a propia do paganismo, pragmática e sabia, e a cristiá.

Ademais de ser Elias Portolu unha obra escrita con minuciosidade, romanticismo e un certo aire rexionalista verdadeiramente cativador, Grazia Deledda imprímelles aos seus personaxes protagonistas, Elias e Maddalena, unha complexidade psicolóxica notable; os conceptos de culpa, modestia e represión física e psíquica, tan propios da relixión católica, a da autora, entrelázanse seguido para, ao cabo, tecer un drama colectivo.

As elipses

A novela encerra unha lectura sexual oculta que seguro non mencionan aquelas ordes conventuais que a listan como de lectura obrigatoria. A autora soluciona estas escenas co recurso da elipse, como vemos ao final do capítulo VI, cando Elias entra no cuarto de Maddalena. As liñas finais din así:

«El entrou e pechou a porta. E ela, que ben podería gritar e salvarse, calou e non se moveu» (p. 116).

Ou tamén no capítulo VII, onde simplemente se di:

«E de novo caeron na tentación» (p. 129).

 

Invitación á lectura

En definitiva, tanto Elias Portolu coma Canas ao vento son obras polas que non pasou o tempo; ou, dito doutro modo, o paso do tempo forneceulles novas ópticas dende as que gozar da lectura. Son oportunidades de primeira para se internar na cultura de Sardeña, nas súas paisaxes, tipos humanos e tradicións, da man dunhas tramas ben estruturadas e levadas con acerto, de xeito que a lectura non perda interese nunca.

Canas ao vento e Elias Portolu, dúas estupendas obras do seu tempo e momento histórico.