Hugin e Munin na SELIC 2020
Esta edición da Semana do Libro de Compostela comeza este mesmo sábado 10 de outubro. A diferenza de en anos anteriores, nesta ocasión non estaremos todos os participantes (librarías, editoriais, institucións e creadores) xuntos nun mesmo espazo, seremos moitos menos e o programa de actividades preséntase como bastante máis modesto. Sinxelamente, as circunstancias obrigan a facelo así.
Para o caso, o noso posto estará localizado na Sede Afundación Abanca (Rúa do Vilar, 19), o mesmo espazo no que terán lugar as dúas actividades que propuxemos e que, co apoio do Concello, se desenvolverán os días mércores 14 e sábado 17 respectivamente. Estas:
Mércores 14, de 20 a 21 horas | A literatura sueca traducida ao galego. Coloquio entre o xornalista Daniel Salgado e a tradutora Marta Dahlgren, responsable dunha decena de traducións literarias do sueco ao galego dende 1983. Entrada libre até completar a capacidade.
Sábado 17, de 20 a 21 horas | A II República española na literatura francesa contemporánea; o caso da novela Morrerei outro día. Análise socioliteraria da II República española e o golpe de estado franquista que deu pé á Guerra Civil a partir do relato feito pola escritora francesa Isabelle Alonso na novela Morrerei outro día, traducida ao galego por Xabier Ron e Isabel Soto. Contará coa presenza da autora francesa e de ambos os tradutores. Entrada libre até completar a capacidade.
Animámosvos a que nos visitedes calquera día entre o 10 e o 18 de outubro. Por suposto, haberá un respecto escrupuloso polas normas de seguridade derivadas da situación de pandemia e poremos o máximo coidado tanto no desenvolvemento das actividades coma na exhibición e venda de libros nos postos.
Vémonos na SELIC!