Artigos

Reimpresión de Pasaia blues

Publicada orixinalmente en lingua éuscara pola editorial Susa en 1999, Pasaia blues chegou ao mercado galego en decembro de 2013 grazas á tradución directa realizada por Isaac Xubín. Case oito anos máis tarde, tocou reimprimir, e con tal motivo aproveitamos para lle trasladar ao autor, o guipuscoano Harkaitz Cano, unha serie de preguntas, que respondeu de forma cumprida. Velaí:

 

Polo menos até o pasado outubro, Pasaia blues era a única das túas obras traducida ás catro linguas cooficiais do Estado. Como valoras ese feito? Decorridas máis de dúas décadas dende a súa publicación orixinal, que lugar dirías que ocupa esta peza na túa produción como novelista?

Pasaia blues foi o primeiro e o cómic A consulta seguiu o mesmo camiño… Para min é algo bastante misterioso. Resulta curioso que o libro siga vivo máis de vinte anos despois, o cal me reafirma no feito de que existe unha corrente subterránea que flúe devagar máis aló de modas e de fenómenos editoriais pasadíos. Cada novela busca posibles fendas e ábrese camiño entre novos lectores, novas xeracións e novas comunidades, a meirande parte das veces dun modo totalmente alleo á vontade do autor. E iso é moi estimulante. Como novelista, diría que Pasaia blues é unha especie de obra-bisagra entre unha época na que lía moita literatura de xénero e outra na que pasei a escribir cousas máis realistas. Daquela trataba de encaixar o conflito vasco dentro das regras ditadas pola novela negra, pero non acababa de me atopar cómodo de todo, aténdome a todas as convencións do xénero. Vivía en Nova York cando a escribín e sentinme moi libre, tamén polo feito de que ETA declarara por aquel entón unha tregua que, lamentablemente, se malogrou meses despois. Foi escrita en certa medida baixo o influxo de Tarantino, Paul Auster e o hard boiled americano de autores como Ross Macdonald, David Goodis e Jim Thompson, malia que xa asomaba na trama certa tendencia á digresión reflexiva na que afondaría en novelas posteriores como Twist ou Faquirraren ahotsa [A voz do faquir]. 

Que repercusión cres que teñen as traducións das túas novelas a outras linguas (tamén de fóra do Estado)? Cal é, en termos xerais, o grao de visibilidade desas obras traducidas? Funcionan igual as túas novelas entre o lectorado euscaldún e o castelanfalante?

A repercusión fóra do Estado é sempre modesta: Pasaia blues chegou a publicarse en alemán, pero é moi complicado rastrexar o percorrido e a recepción crítica da túa obra se os editores non toman a molestia de cho comunicar todo… Unha mágoa. No caso das linguas do Estado, sempre é máis calorosa: o contexto do que falo resulta máis coñecido para o lector, o interese é meirande e o xuízo crítico máis atinado. A promoción, claro está, é máis sinxela e o percorrido en librarías tamén é superior. Agrádame especialmente poder contrastar opinións in situ cos lectores. Un luxo que agora se bota en falla. A edición en español non tivo demasiado percorrido, paradoxalmente: pese a contar con dúas edicións distintas en castelán, atreveríame a dicir que a acollida foi mellor en galego e en catalán.

Como tradutor -e gran lector- que es, que novela botas en falla no corpus de literatura traducida ao éuscaro?

Entre os clásicos, boto en falla unha tradución completa e actualizada de Moby Dick, por exemplo… Traduciuse abondo durante os últimos anos, e novos selos independentes trouxeron algo de variedade, aínda que as lagoas continúan a ser enormes. Mais vai a mellor, comparando con datas relativamente recentes; clarisimamente, por exemplo, no caso da tradución de libros da literatura feminista ou escrita por mulleres, que moi pouco e pouco vai gañando o terreo que merece.

Que novela éuscara publicada no último par de anos dirías que merece unha sorte similar a Pasaia blues, é dicir, que se traduza a cando menos ás outras tres linguas cooficiais do Estado?

Aitaren etxea de Karmele Jaio creo que vai camiño diso; Amek ez dute de Katixa Agirre e Dendaostekoak de Uxue Alberdi poderían ser outros dous exemplos…

Na túa faceta de novelista, en que estás a traballar agora?

Sinto certa fatiga co realismo e o corpo pídeme un cambio de ciclo cara a outro tipo de temática e de ton. Paseino xebre escribindo algún relato de ciencia ficción e agora mesmo teño entre mans unha encarga sobre Luis Buñuel que será un ensaio moi libre camuflado de novela. Ou viceversa.