Listado de la etiqueta: recomendación

Os tardeiros de Brookner. Longa nota do tradutor

Sinopse e fíos

Os tardeiros fala, ante todo, das complicacións da idade adulta, decote indisociables da nenez. Para o caso, sérvese do máis de medio século de amizade entre os protagonistas homes, Hartmann e Fibich, dous seres con vidas paralelas e, así a todo, con formas ben diferentes de xestionar o seu duro pasado. Orfos tras a desaparición das súas familias polo cataclismo da Segunda Guerra Mundial, foxen da Alemaña nazi cando nenos –Hartmann de Múnic, con doce anos; Fibich, cinco anos menor, de Berlín– para se instalaren en Inglaterra, onde emprenden un camiño compartido: os inicios na escola, a apertura dun negocio e, non moito tempo despois, os seus respectivos matrimonios con Yvette e Christine, así como a nacenza dos fillos, Marianne e Toto, e a súa imprevisible medranza.

Agás a política, a novela toca infinidade de paus: a memoria, as aspiracións frustradas, o conformismo, as decepcións, o suicidio, a depresión, a forxadura da identidade, a beleza, a insatisfacción crónica, o angst existencial, o que se mostra en público e o que fica no ámbito da intimidade, o amor sentido de múltiples e insospeitadas formas… Por outro lado, fala, se ben de pasada, de relixión: Brookner, coma os personaxes de Fibich e Hartmann, era de orixe xudía, pero, outra volta coma Fibich e Hartmann, declarábase «pagá», non crente. Logo, de xeito tanxencial, a autora aborda asuntos tales como os abusos infantís, a represión (con frecuencia emocional e autoimposta), os conceptos de felicidade ou de fogar… Todo isto nun plano xeral e difuso.

Baixando ao concreto, a historia constrúese a nivel estilístico sobre tres planos recorrentes.

En primeiro lugar, apóiase decontino na descrición de ambientes. Resulta deliciosamente evocador o nivel de detalle co que se presenta, poñamos por caso, o Berlín unha década anterior á caída do muro. Salienta así mesmo por suxestiva a Arcadia de artificio que pinta en Niza e, dun modo máis amplo, nos destinos de sol. Noutra capa de lectura, destaca tamén o interior de cada despacho e practicamente de cada casa, por exemplo a da tía Marie, co seu peculiar mobiliario gótico.

Seguidamente estaría o interese da autora pola moda, o deseño, a gastronomía e, non menos importante, os longos paseos dados ás baroutas. Así, o acompañamento culinario de escenas e personaxes adquire unha pátina de ritual dende a primeira páxina, e non só porque a modo de mouteiras se sirvan sen paraxe cuncas de té ou café, senón tamén polos gorentosos pratos: o linguado con rodas de limón e salsa tártara, o cordeiro asado con gornición de cenorias, ananas e nabos, o pudin de galletas de manteiga sobre unha base de macedonia, o babà ao ron, o kulibiak de salmón, as costeletas à la forestière, a lingua grellada à l’orientale, os cócteis de lagosta e o pastel de carne e riles ao forno, a roulade de espinacas e cogomelos…

En canto ao deseño, baste citar, amais da icónica cadeira Voltaire (se callar o elemento cun maior simbolismo de toda a novela), a pluma Parker 51, as teteiras escarlata de Harrods, as forsitias amarelas nos xardíns londinienses ou, centrando o tiro na moda, o canesú cinguido, o batín de veludo, o anel de zafiros e diamantes ou o de rubí, as saias armadas sobre crinolinas, as frívolas pezas de lenzaría, a blusa de branco satén, os xerseis de caxemira, a roupa de cama italiana ou un par de relucentes botas de charón.

Entre o máis destacable dos paseos, amais da melancólica expedición de Fibich por Berlín (con paradas en Charlottenburg, no café Kranzler, en Unter den Linden, en Kurfürstendamm ou no hotel Kempinksi), están cargados de significado os garbeos de Hartmann polo barrio de Marylebone ou as incursións de Yvette e Christine (esta última a repelo) por almacéns e boutiques da capital inglesa tales como Peter Jones, a General Trading Company ou Harvey Nichols. Hai infinidade de marcos de relevo que farán as delicias do lector paciente e atento: a Promenade des Anglais de Niza, a rúa Washington de París, a invernal e onírica cidade de Copenhague, a tétrica ruta do Kindertransport con porto de entrada en Dover, o traxecto en coche até e dende o aeroporto de Heathrow… En total, por volta dunhas sesenta mencións a espazos recoñecibles concretos, rara vez inseridos ao chou.

En último lugar, estaría a longa restra de subtramas aparentemente menores que apuntalan a historia principal: o alcoholismo de Edward Cazenove; o egoísmo e, no fin de contas, a maldade representada na figura de Daniel, o pai biolóxico de Yvette; a bondade e a modestia na figura do vello Crickmay, o limpacristais; o positivismo empedernido do personaxe de Goodman; a enigmática entrega aos demais (sen rastro de maternalismo) da tía Marie; ou o papel secundario ao que os irmáns Archie e Isabel parecen abocados en relación con Toto.

Esta división encaixa, a grandes trazos, coa listaxe das «dez cousas que cabe esperar dunha novela de Brookner», elaborada por dous blogueiros (Thomas Hogglestock e Simon Savidge), admiradores da novelista e responsables da instauración do Día Internacional de Anita Brookner. Segundo eles, o lector que abra algunha das vinte e catro novelas (escritas nun período de 28 anos) da londiniense atopará risos, unha experiencia estética, paseos, comida, un estímulo para pensar sobre un mesmo (e non necesariamente baixo unha luz positiva), erotismo, unha lectura chea de riscos, Zeitgeist, Freud e algo de Henry James.

Para acabar esta epígrafe, cabe rescatar as apreciacións do escritor e crítico hindú-norteamericano Rumaan Alam:

 

«a soidade, a miúdo confundida coa infelicidade, é o métier de Anita Brookner. Nas súas novelas hai dabondo de ambas as dúas, así como moitas outras cousas: enxeño e ironía, unha mente cultivada, un gozo sensual polo detalle, a natural e confiada indiferenza respecto aos fundamentos da novelística. A principal eiva que adoito se lle achaca é a súa tendencia a repetirse, a volver unha e outra vez sobre os mesmos temas […] Para min, é tanta a intelixencia e a vitalidade que atesouran os seus libros que non me molestan en absoluto as variacións ao redor dun mesmo tema. A repetición forma parte dese particular pracer […] O meu afecto por Brookner nace de que compartimos paixóns: a comida, a moda, os longos paseos das súas heroínas, o confort que se acha na contemplación da arte».

 

Unha narradora sen concesións

«Vou xa pola páxina 35 e acabo de bater coa primeira liña de diálogo…, e resulta que está en francés!». Conta o escritor británico Julian Barnes que esa foi a primeira observación que a súa muller, a finada axente literaria Pat Kavanagh, lle trasladou en relación cunha novela de Anita Brookner. Non explicita cal era o título, pero podería ser calquera.

En Os tardeiros, publicada orixinalmente en Londres en 1988, o primeiro diálogo xorde algo antes, na páxina 23 da edición galega; non está en francés, pero podería: o maître (Pierre) achégase a saudar a Hartmann, un dos protagonistas, e pregúntalle se está todo correcto. O caso é que Brookner resolve o encontro con tres sucintas intervencións por personaxe; é dicir, en oito sinxelas oracións, das cales unha é «Grazas» e outra a súa réplica, «Grazas a vostede, señor».

O feito de apostar a autora inglesa de maneira tan decidida polo predominio do discurso descritivo (en detrimento dos diálogos) rompe de vez e sen contemplacións coa tendencia híbrida máis habitual na novelística recente, ao tempo que pon distancia coa denominada literatura de evasión, e isto último, para algúns de nós, é motivo de festexo.

Para empezar, un trazo tan marcado sérvelle á autora para se situar nun plano xenuíno: alíñaa co reducido grupo de escritores europeos inmensamente cultos e lidos que optan, nas súas pezas de creación, por non facer concesións, mais non en virtude da soberbia nin dos experimentos, tampouco como mero exercicio de estilo, senón co afán innegociable de lle mostrar consideración ao lectorado, ao que estiman, por xulgalo intelixente e, cabe esperar, con criterio propio.

Coa narrativa de Anita Brookner, o lector ou lectora que precise un respiro, que o tome, pero á súa conta e risco. Que non conte con que ela lle vaia adozar unha pasaxe con diálogos de recheo. Non o fará. E que tampouco non espere un relaxo puntual na maneira de expresarse, que baixe o ton ou que renuncie a un corpus léxico case sempre elevado e a miúdo retranqueiro: hieratismo, esquiveza, munificencia, escansión, acomodaticio, presciencia, facticio, probidade…

Con Brookner prevalecen as frases con pouso. Por exemplo, sobre a memoria: «Como é posible recordar a ausencia?»; sobre a señardade: «Só aqueles que pisan sobre seguro poden permitirse a nostalxia»; sobre a amizade: «Que fácil resulta cultivar unha amizade baseada no interese mutuo»; a envexa, «o sentimento característico das mentes ruíns»; o amor propio, «ese que nunca defrauda».

É así mesmo conveniente contar coa aparición periódica de locucións, termos e mesmo breves diálogos en linguas distintas do inglés: fête-champêtre, bon viveurs, belle indifférence, salopettes, tombeur de femmes, patisserie, fatigue du nord… pero tamén Fingerspitzengefühl, Doppelgänger, Torschlusspanik, fiesta, modus vivendi ou gravitas…, por citar algúns casos da obra que nos ocupa.

 

Insular e continental

Deteñámonos agora en dous interesantes aspectos da novela:

Por unha banda, a estrita imposición lingüística derivada en parte dun forte sentimento antialemán. Á súa chegada á escola británica, aos protagonistas, Hartmann e Fibich, dinlles que deben falar sempre e só en inglés, baixo ningún concepto en alemán, nin sequera entre eles. Cabe lembrar que a familia da autora, os Bruckner, decidiu anglicizar o seu apelido para evitar problemas coa sensible sociedade británica de entreguerras. Merece de igual modo unha mención o caso do pai da escritora, un inmigrante polonés (tamén o era a nai) que se mudara a Inglaterra con dezaseis anos. A teor de que o seu nome orixinal lles parecía impronunciable aos seus veciños, o home, en prol dunha mellor integración, abrazou o antropónimo Newson; literalmente, novo fillo, o cal non deixa de resultar significativo.

Por outra banda estaría o feito de que determinados personaxes, malia adoptaren o inglés como lingua franca, establezan relacións persoais e íntimas noutros idiomas, un aspecto que se reflicte de maneira tenue pero constante. É o caso de Yvette coa nai, Martine, para quen o francés supón o marco comunicativo natural.

No tocante ao plurilingüismo, pero non só, Anita Brookner foi, en palabras da estudosa Helen Dunmore, «a máis europea dos escritores británicos», unha valoración quizais algo trampona aducida no prólogo da edición da obra revisada e publicada por Penguin en 2010 (a orixinal, cabe recordalo, é de 1988). Será tamén aí onde Dunmore equipare a fondura psicolóxica dos personaxes de Brookner cos de Virginia Woolf. Un terceiro detalle de interese é que Penguin, na faixa e nalgúns peritextos comerciais, presenta a Brookner como «unha Jane Austen moderna», etiqueta coa que ela non se sentía a gusto, por «inexacta».

Secasí, o que no plano literario logra Brookner está ao alcance de moi poucos, practicamente de ninguén. Fai gala dun estilo propio, destácase como unha novelista total, innata; a súa escritura singularízase grazas á mestura de verba e talento. Calquera que a imite corre, xa que logo, o risco de facer o ridículo, un pouco á maneira do que lles sucede aos melindrosos imitadores de García Márquez, por citar un caso hispanoamericano clásico.

Ese e outros trazos de estilo seus son, para Julian Barnes, amigo persoal de Brookner até a súa morte en 2016, unha clara mostra de que «Anita nunca finxía nada na súa escrita. Ou quizais sexa máis acertado afirmar que na súa ficción, coma na súa vida, raro era que fixese algo que non quería».

 

Os soños

O mundo dos soños está así mesmo presente en Os tardeiros e xoga un papel crucial dentro da engrenaxe psicolóxica. Dun modo particular, é o personaxe de Fibich o que, dun xeito freudiano e recorrente, descarga as súas angustias nos pesadelos, que volven a cada canto e nos que se repiten determinadas teimas, como a obsesión pola limpeza ou os problemas coa vivenda. Xa de adulto (cun fillo ao seu cargo), o personaxe chega a apuntar moitos deses soños nun diario. Por exemplo, o que ten co dentista, outro relacionado con voar ou aqueloutro no que visualiza o seu cadáver dende fóra.

Emparentadas co onirismo estarían así mesmo as visitas de Fibich á psicanalista, a señora Gebhardt, na procura dun efecto balsámico que non sempre se produce. As sesións de terapia son, en certo sentido, a versión profesional dun apoio que, de seu, este personaxe atopa na súa férrea amizade con Hartmann.

 

As artes

Anita Brookner posuía un coñecemento profundo da pintura. Foi unha eminencia na historia da arte e unha figura de relevo mundial no estudo do período academicista. De feito, a súa carreira como novelista comezou aos 53 anos; como deixou dito en algures, con esa idade principiou «unha segunda vida». A cuestión é que a súa sabenza pictórica aparece reflectida nas novelas dun modo notable, e moi orixinal.

Tira seguido, por exemplo, dun curioso recurso mediante o cal describe ao primeiro unha escena (perfectamente acoplada no relato) e, cando está a piques de concluír, cita, case a furto, un determinado cadro ou autor. Daquela, se o lector coñece a obra ou se fai o esforzo de informarse, percibirá deseguida o milleiro de similitudes –cando non directamente o calco– entre a descrición literaria e a pintura, o movemento ou o autor amentados, que á súa vez se integran na novela e incluso achegan nova e insospeitada información.

No caso de Os tardeiros paga a pena prestarlles atención ás mencións directas ou indirectas a Baudry, Bouguereau, Derain, Brueghel, Courbet ou Gainsborough. Sempre homes, é certo, como por outra banda acontece coa práctica totalidade das referencias ás que remite Brookner. Neste sentido, só no referido a outros escritores, na presente novela hai alusións a Trollope, Kafka, Dickens, Tolstoi, Goethe, Collins, Baudelaire ou Proust. Unicamente na relación de obras literarias é onde se nos permite inferir a autoría feminina, con A princesa de Clèves, de Madame de La Fayette. Por certo, esa obra literaria, xunto coa Madame Bovary de Flaubert, preséntase como contrapunto ao intelecto de Yvette, personaxe realmente excepcional por parapetarse no frívolo artificio conservador como defensa fronte a un pasado que porfía en presentar como un conto de fadas, cando en verdade foi abominable e terrorífico.

 

Sexualidade, pracer e punto de vista

Como a miúdo se sinala, Os tardeiros ocupa un lugar senlleiro e diferenciado dentro da obra de Brookner.

Senlleiro porque a autora a consideraba a súa mellor novela: pouco antes de falecer, declarou que se unha obra súa merecía o Booker (un dos premios literarios de maior prestixioso en lingua inglesa, se non o que máis), era esta. Déranllo, non obstante, por outra, Hotel du Lac, unha vez que se impuxo a Flaubert’s Parrot, precisamente do seu amigo Barnes, que quedou finalista na edición de 1984.

E diferenciado porque se centra en, ou parte de, dous protagonistas varóns, algo infrecuente na súa produción, dado que adoitan ser mulleres solteiras –ou acaso soas– na mediana idade as que enfían as súas novelas.

Pois ben, unha desas mulleres protagonistas súas (Rachel, en A Friend from England), xa bastante avanzada a novela, de pronto rompe os esquemas do lector ao darlle a entender que non leva a fríxida, solitaria e cohibida existencia que a veciñanza lle presupón; ben ao contrario, descubrirase como un ser humano cunha vida sexual satisfactoria e máis ou menos regular, só que sen unha parella estable e coa discreción por bandeira. Aí vexo eu unhas das visións máis logradas e respectuosas de Brookner acerca da sexualidade dos seus personaxes. E aquí, en Os tardeiros, tamén algo diso parece intuírse.

«Non hai hoxe unha soa obra memorística que se poida considerar completa se non aborda a vida sexual do suxeito», afirmaba o protagonista de O quinto en cuestión, obra cumio do canadense Robertson Davies. Malia o nesgo maximalista, a frase funciona razoablemente ben á hora de valorar as calidades dunha obra literaria, non só as memorialistas. As pezas de Brookner teñen, en calquera caso, bastante de memorialistas, ou polo menos iso afirma a articulista cultural Laura Thomson: «Anita Brookner é, en esencia, unha autora autobiográfica». Sexa como for, aplicada a aseveración de Davies a esta novela en particular, o resultado é satisfactorio.

En Os tardeiros, como parte do incesante xogo de contrastes, o lector saberá das relacións sexuais de Hartmann e Yvette (a súa dona), de Hartmann e Elizabeth (a súa amante), de Fibich e Christine, de Toto, de Marianne… Mesmo, nalgúns casos, aparecen outras formas de sexualidade máis perversas –mesquiñas, incluso–, como sucede con Hendersson, o encargado de mantemento da escola, ou con Joy, a aia dos nenos durante a primeira etapa en solo inglés. Tamén están presentes as sexualidades imaxinadas: a que Hartmann lle atribúe con desgana á súa filla Marianne con Roger, o seu timorato marido, ou a que incomoda a Christine respecto ao seu fillo Toto, de quen nun momento dado dubida se non será, na súa condición de actor, «unha mera fantasía para as amas de casa».

Hai, a este respecto, unha pátina psicolóxica evidente en cada pasaxe de índole sexual, sexa no grao que for, que con frecuencia se interna nun terreo lindeiro: o pracer. Aquí, de novo, o discurso empata coa calor do fogar, os queixos Cantal e Brie, o viño quente con especias ou as botellas de champaña, fontes de gozo sempre.

De igual modo, cómpre ter presente a compoñente da perspectiva. Así, non só importa o relato fiado pola voz do narrador omnisciente, tamén é fundamental onde se coloca o espectador. Deste modo, será posible coñecer as relacións sexuais de Toto ou de Marianne a través da mirada dos seus pais, ou as de –por pechar o círculo– Hartmann e Yvette a través da dos seus mellores amigos, Fibich e Christine.

 

Os opostos

Sen abandonar ese resolutivo xogo de contrastes, polo xeral bastante doados de identificar, velaí o choque entre as cores frías e cálidas na roupa, no mobiliario, nas paredes, nas baterías de cociña, nos ceos; velaí tamén as referencias ás estacións, aos cambios de marco espacial («a cruel e pesada carga do norte» en contraposición co «solleiro sur»; velaí, outra volta, o binomio interiores-exteriores («abandonada a reconfortante calor do apartamento, bateu, cunha certa sorpresa, co frío do serán»); o contraste entre o sol e a sombra, entre a cidade e o medio rural (a buliciosa Londres fronte á lamaguenta campiña de Surrey), entre modelos de metrópole e estilos de vida (Berlín e Múnic, Bordeos e París). Por non entrar na idiosincrasia dos protagonistas (elas e eles), que non poderían ser máis distintos, nin complementarse mellor.

 

Por que Os tardeiros

Xa pechado o acordo de cesión de dereitos, a axente de Brookner formulounos unha pregunta concreta: «Os propietarios teñen curiosidade por saber por que razón escolleron vostedes Os tardeiros e non outra novela da autora». Ao cal, dende Hugin e Munin respondemos:

 

En primeiro lugar, debemos apuntar que somos conscientes de que escollemos unha das súas novelas máis complicadas, se ben era unha das máis queridas pola propia autora. Considerámola unha obra extraordinaria en vista da súa habilidade para alternar de forma amena as historias de dous matrimonios, tamén porque introduce dun modo xenuíno os temas do exilio e do nazismo, e porque ofrece algunhas análises verdadeiramente memorables do comportamento humano. Descartamos as outras tres novelas que nalgún momento barallamos traducir: A misalliance, A Family Romance e, se cadra un punto por riba das dúas anteriores, Brief Lives, unha durísima competidora. En fin, para ser honestos, da narrativa de Brookner gústanos todo, dende A Start in Life ou Hotel du Lac até outras pezas menos coñecidas como Incidents in the Rue Laugier. E houbo, así mesmo, un último motivo de peso que nos levou a elixir Os tardeiros: cremos percibir un vínculo cunha novela doutro excelente autor inglés, que ademais era amigo persoal da autora. Referímonos a Julian Barnes, en concreto á súa novela Arthur e George (2005), cuxa estrutura casa coa de Os tardeiros.

 

Valla logo ese breve compendio de ideas como broche e convite a todos os lectores e lectoras de Galicia a que lean Os tardeiros, que, sen selo, comparte características con moitas das mellores novelas río.