Listado de la etiqueta: Premio Estatal d Traducion

Xavier Senín gaña o Premio Estatal á Obra dun Tradutor de 2020

O tradutor Xavier Senín acaba de ser recoñecido co Premio Estatal á Obra dun Tradutor que cada ano concede o Ministerio de Cultura e Deporte de España. Dende aquí, os nosos máis sinceros e entusiastas parabéns! Senín é un tradutor de dilatada e recoñecida traxectoria, á que agora este premio (o máis prestixioso a nivel estatal, dotado con 20.000 €) lle pon o ramo.

Dende a década de 1980, asinou máis de 150 traducións, case sempre dende o francés; moitas veces -dende 2006- en tándem con Isabel Soto. Que Senín é un valor seguro á hora de trasladar un texto á lingua de noso, é algo que sabemos moi ben quen traballamos neste fascinante eido. Así se explica que o flamante premiado traducise para tantas e tan diversas editoriais, e que en todas elas o estimemos tanto. Sen saírmos do ámbito galego ou en lingua galega, recibiu encargas de Xerais, Galaxia, Edelvives, Kalandraka, Rodeira, Planeta, SM, Everest, Argos Vergara… e nosas, naturalmente.

Súas son, por exemplo, as traducións -dende hai máis dunha década- da arquifamosa serie Astérix, tamén soadas obras de François Bégaudeau, Daniel Pennac, Madame d’Aulnoy, Gérard de Nerval, Daudet… Ou mesmo de Miguel de Cervantes, pois Senín formou parte do grupo de tradución que en 1990 trouxo para o galego O enxeñoso fidalgo don Quixote da Mancha. Íntimo amigo da escritora María Victoria Moreno, foi o tradutor do seu libro en castelán de 1969 Alcores de Donalvar, que se publicaría en 2009 co título Onde o aire non era brisa.

Xavier é, para Hugin e Munin, o 3º tradutor máis prolífico, cun total de 9 obras: dende a primeira, Locus Solus, de Raymond Roussel (en tradución conxunta con I. Soto), publicada no verán de 2012, até as dúas últimas, Ourika, de Claire de Duras, e O home das bonecas, de Jean-Louis Renaud, publicadas ambas as dúas na colección “Vólvense os paxaros contra as escopetas”. Entremedias, clásicos como A peste, de Albert Camus, ou obras contemporáneas como Unha desolación, de Yasmina Reza. En fin, así até un total de 9, que en menos dun ano serán 10, habida conta de que o premiado xa está a traballar na seguinte, cuxo título polo de agora preferimos non desvelar.

Velaquí a listaxe completa coas tradución de Senín chez nous:

Locus Solus, de Raymond Roussel (2012)
Pescador de Islandia, de Pierre Loti, (2014)
A Eva futura, de Auguste Villiers de L’Isle-Adam (2014)
No ceo, de Octave Mirbeau (2015)
Unha desolación, de Yasmina Reza (2016)
As damas verdes, de George Sand (2016)
A peste, de Albert Camus (2018)
Ourika, de Claire de Duras (2019)
O home das bonecas, de Jean-Louis Renaud (2020)

 

Parabéns e grazas, Xavier!