Listado de la etiqueta: malas prácticas

Análise da Orde de axudas públicas á tradución de 2022

ANÁLISE DA ORDE DE AXUDAS PÚBLICAS Á TRADUCIÓN DO 22 DE ABRIL DE 2022,

PUBLICADA NO DOG NÚM. 89 DO 9 DE MAIO DE 2022

*

DECÁLOGO DE MALAS PRÁCTICAS

OU

COMO ACANTOAR A PRODUCIÓN PROFESIONAL DE LITERATURA TRADUCIDA

Velaquí unha exposición breve, razoada e exemplificada dos despropósitos máis substanciais perpetrados pola Xunta de Galicia e os responsables desta convocatoria para a repartición de cartos públicos a partir duns criterios insólitos.

1. Unha convocatoria que segue a mesturar a tradución de obras doutros sistemas literarios ao galego e a tradución de obras do sistema galego a outras linguas.

A finalidade é subvencionar os custos da tradución das diferentes obras literarias en formato papel ou dixital para apoiar o libro galego e o mercado literario galego, no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas.

Pese ás reiteradas advertencias, alarmas, solicitudes e reclamacións, a Xunta de Galicia insiste en poñer na mesma orde dúas realidades diferenciadas, con moi diferentes esixencias, condicionantes e problemas. Cal será a razón de tal teimosía?

Confírmase a estratexia de acantoamento á tradución de obras estranxeiras ao galego en favor dunha falsa e irrisoria internacionalización da literatura galega. No caso concreto de quen traballamos con grandes clásicos (antigos e contemporáneos), sufrimos esta deriva dun modo especialmente cruento.

2. Tradución dun mesmo título: criterio de prioridade na presentación da solicitude

Só se subvencionará a tradución dun mesmo título. No suposto de que haxa varias solicitudes para a mesma obra, subvencionarase a primeira solicitude recibida.

Preténdese evitar o disparate de darlle cartos a varias traducións do mesmo título (o cal xa aconteceu), pero faise sen valorar ningún tipo de mérito na realización, simplemente priorizando a orde de chegada da solicitude. Aquí alguén non ten moita gana de traballar; a présa e a falta de rigor non deberían ser a opción tomada na concesión de cartos públicos.

3. Non se valora a traxectoria das editoriais

Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas para a tradución aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten a súa condición de editoras de acordo co establecido na presente orde, para o que deberán estar dadas de alta na epígrafe 476.1 edición de libros, do imposto de actividades económicas. Esta condición debe cumprirse na data de presentación da súa solicitude.

Non se soluciona e agrávase o problema da entrada de delincuentes e arribistas, editoriais creadas ad hoc para esta liña de axudas. Por conseguinte, xa podemos afirmar que a Consellaría estimula os facinorosos que devecen por apañar cartos públicos, coma en anos anteriores.

Nin rastro daqueles requisitos das convocatorias de 2005 ou 2014 que esixían certificar un mínimo de 10 títulos no catálogo ou un plan editorial a tres anos vista, e nada queda xa, por suposto, dos merecidos puntos para as coleccións específicas acreditadas.

4. Tradución dende a lingua orixinal ou dende outra distinta

B. Documentación específica referida ás obras que se pretende traducir:

Contrato coa persoa tradutora da obra de data a partir de 1 de xaneiro de 2022, conforme o establecido na Lei de propiedade intelectual, no cal debe constar o importe da tradución, os datos identificativos da persoa que realizará a tradución, e se a obra obxecto da subvención se traduce desde a lingua orixinal ou dunha lingua distinta da orixinal.

Isto reclámao a Administración como mera curiosidade, pois non ten repercusión nin consecuencia de ningún tipo. Cando a Xunta lles pasou o borrador de bases ás asociacións implicadas, contestóuselle que este aspecto non debía quedar limitado a un brinde ao sol, nin a unha apelación ás boas vontades.

Asumindo que poden concorrer a estas axudas as traducións feitas dunha lingua ponte, parece lóxico pensar que non se debe puntuar igual a quen propón traducir, por exemplo, unha novela inglesa directamente do inglés ao galego ca a quen propón traer a obra inglesa dende a versión castelá.

Na outra dirección (galego a outras linguas), de novo parece obvio que debe puntuar mellor unha editorial estranxeira que faga un esforzo por traducir un texto de autoría galega directamente do galego e non aqueloutra que tome a tal obra dende a tradución castelá ou noutra lingua calquera distinta da orixinal.

5. Discriminación de empresas

No caso de que a editorial conte cun equipo propio de tradución, certificación que acredite que a persoa responsable da tradución está incluída no seu cadro de persoal, nunha categoría que a habilite para o exercicio de tal labor, así como do seu currículo e a cuantificación do importe da tradución. Artigo 20. Xustificación. A factura xunto co xustificante do pagamento realizado á persoa tradutora, ou certificación conforme esa tradución se fixo con medios propios. O importe pagado debe coincidir co que se fai constar na copia do contrato.

As editoriais con equipo propio só teñen a obriga de xustificaren que o tradutor ou tradutora figura no seu cadro de persoal. O resto das editoriais deben presentar facturas e xustificantes polo total asignado, non só polo montante concedido pola Administración. Préstase a trampa (que se deu, se dá e se dará) e naturalmente crea un agravio para quen contratamos tradutores fóra, a fórmula habitual aquí e posiblemente en toda Europa, talvez en todo o planeta.

Se existe algún mecanismo de control específico para comprobar que o «equipo propio» recibe o montante íntegro, é dicir, que esa editorial asume a súa parte de gasto, o feito certo é que nas bases non se reflicte.

6. Discriminación en función da nacenza do autor e da súa condición de clásico ou «non clásico»

Artigo 13. Criterios de adxudicación

1. Interese cultural da obra. Máximo 25 puntos.

a) Orixinal de autor/a galego: 25 puntos.

b) Orixinal de autor/a de fóra de Galicia 20 puntos.

3. Características da tradución da obra. Máximo 25 puntos.

a) Doutras linguas ao galego: 20 puntos.

b) Do galego a outras linguas: 25 puntos.

c) Doutras linguas ao galego dun autor clásico: 5 puntos.

d) Do galego a outras linguas dun autor clásico: 10 puntos.

Poñamos dous exemplos a partir dos apartados 1 e 3, os dous que fixan as puntuacións para as obras como tales (pola súa banda, o apartado 2 refírese á traxectoria do tradutor e o 4 ao montante proposto no contrato por cada editorial):

Marta Rivera de la Cruz, de presentar algunha editorial unha obra súa escrita orixinalmente en castelán, recibiría, polo mero feito de que naceu en Lugo, un 12 % máis de puntuación ca calquera autor foráneo (Paul Auster, Murakami ou Svetlana Aliexevich…).

Calquera obra escrita en galego por un autor ou autora galegos vivos obterá exactamente o dobre de puntuación ca calquera obra dun clásico universal, sexa Zola, Thackeray, Gogol ou Selma Lagerlöf. De novo, produto de mesturar allos con bugallos (véxase punto 1).

7. Esíxese papelame que certifique o coñecemento de linguas e a realización de carreiras e cursos

Artigo 13. Criterios de adxudicación

2. Traxectoria profesional da persoa tradutora: máximo 30 puntos.

a) Formación universitaria vinculada á tradución: 10 puntos.

b) Outra formación (formación acreditada en linguas e/ou outros títulos oficiais relacionados coa tradución): 1 por título, máximo 5 puntos.

c) Obra traducida: máximo 10 puntos.

De 2 a 5 obras: 2 puntos.

De 6 a 10 obras: 5 puntos

Máis de 10 obras: 10 puntos.

Deberán acreditarse as obras traducidas a través da referencia ao ISBN.

Do exposto dedúcese que unha persoa acabada de licenciar en Tradución e Interpretación ou Filoloxía acadará 10 puntos pola súa formación universitaria, os mesmos ca un tradutor profesional sen eses títulos concretos pero con 500 obras no haber, mesmo se tivese outra titulación: Xornalismo, Historia, Bioloxía…

Esta liña de axudas non é o lugar para esta clase de argucias. Os novos profesionais necesitan e merecen unha especial protección e oportunidades de traballo, pero quen llelas debemos dar somos as editoriais, non as trampas administrativas na puntuación de convocatorias públicas. Ademais, é moi posible que estas artimañas acaben por volverse na súa contra, e é seguro que polo pronto prexudican os profesionais cunha carreira, por unha mera cuestión de tempo, máis sólida.

É lamentable o comportamento de quen pretende eliminar rivais invocando un mal entendido «intrusismo» profesional, como lamentable é que a Xunta abrace esta falacia e a incorpore ás novas e atoleiradas bases.

Por outra banda, confúndese a presente liña de axudas públicas á tradución cunha convocatoria pública de emprego. Amais, queda en evidencia unha vertente intervencionista moi difícil de xustificar. A solución, como se lle fixo saber á Consellaría por escrito en polo menos tres ocasións, sería tan simple como pedir a achega dos currículos ou directamente a relación de obras traducidas do tradutor ou tradutora que propón a editorial (máxime cando a Administración se reserva o dereito a «requirir en todo momento calquera documentación que considere oportuna» así como a «requirir a exhibición do documento ou da información orixinal»). Naturalmente, calquera editorial é libre de escoller a persoa que se encargará da tradución, pero se opta por contratar alguén non profesional ou con menor experiencia, semellaría lóxico pensar que esta persoa non acadará idéntica puntuación no expediente ca quen busca a distinción ou a competencia dun tradutor ou tradutora de ampla e contrastada traxectoria.

8. Os premios imposibles e difusos

Artigo 13. Criterios de adxudicación

d) Premios á tradución: máximo 10 puntos.

Premios nacionais ou estranxeiros: 2 puntos por premio, máximo 10 puntos.

Premios autonómicos: 1 punto por premio, máximo 5 puntos.

Tan só unha reflexión en voz alta: que tradutor pode aspirar aos 10 puntos? As vías non poden ser máis surrealistas. Esta, que dentro do disparate parece a máis plausible, evidénciao: o profesional da tradución que aspire aos 10 puntos deberá contar co Premio Estatal de Tradución (2 puntos), con algún Misterioso Premio Internacional de Tradución Sen Especificar (2 puntos) e con 6 premios de ámbito galego (en Galicia, hoxe, hai tres certames en activo: o Plácido Castro, o Follas Novas e mais o Realia; 4 se sumamos o da Universidade de Vigo, restrinxido ao ámbito universitario). Pero resulta que os «premios autonómicos» teñen un tope de 5 puntos, co cal cumpriría botar man doutro premio estatal ou internacional a maiores. Que clase de burla contable é esta?

9. A desaparición dun criterio universalmente aplicado: a extensión das obras

Este punto, o máis inxustificable e que estraga de vez a convocatoria, iguala as cantidades a percibir por un folleto de 3 páxinas e por unha obra de centos ou miles. Perpetrar este cambio desvirtúao todo, unha vez máis. Así, se concorresen dúas obras A (de 10 páxinas) e B (de 1000 páxinas) e as dúas acadasen a mesma puntuación, poñendo que o editor para A propuxese o mesmo pagamento ca o de B, ambas as obras recibirían idéntico montante: por exemplo, poñamos que 2000 euros. Así, a Xunta concederíalle 200 euros por páxina a A e 2 míseros euros a B. Dito doutro modo, as obras voluminosas –que son as que en último termo máis precisan dunha axuda á tradución– están vetadas de facto.

10. Para rematar ou para non seguir…

Doe a falta de interese mostrada por gran parte da prensa. Así mesmo, producen vergoña allea os discursos públicos de demanda de máis cartos como solución primeira e case única aos problemas reais do sector, que son outros e ben máis profundos.

O café para todos é a peor das políticas posibles. Non todo é merecedor dunha axuda á tradución, consista esta en migallas ou nunha subvención ben formulada, transparente e xusta (en Galicia, na última década, a segunda opción foi un merlo branco). Aínda que anecdótico, non deixa de ser revelador que no bosquexo de bases de hai uns meses a redacción estipulase que «para obter a subvención será necesario que a puntuación obtida sexa do 50%, é dicir non inferior a 60 puntos», e que agora, nas bases publicadas, a cousa quedase en «a puntuación mínima para obter a axuda é de 40 puntos».

Non se pode facer peor, ou si.

A literatura universal tamén se cita en galego

Dende hai algo menos de medio ano, a TVG emite o programa Atrápame se podes. Trátase dun espazo de preguntas e respostas sobre coñecemento xeral lanzado en 2014 pola canle pública vasca ETB2 (que emite integramente en castelán). En vista do éxito, ao longo destes anos incorporárono a cadansúa grella un bo número de televisións autonómicas: as de Aragón, Canarias, País Valenciano, Cataluña ou Galicia.

A fórmula é bastante sinxela; consiste na superación de distintas roldas de preguntas, a miúdo vencelladas coa cultura do país, por parte dos cinco concursantes iniciais. Así, estes deben responder correctamente o maior número de preguntas posible até que, ao cabo, os dous participantes con mellores porcentaxes de acerto e puntuación se enfrontan nunha final, que haberá de resolverse cun mínimo de cinco preguntas para cadaquén. De respondelas todas ben, velaí vai o bote directo ao peto do afortunado. Outramente, o gañador deberá conformarse co petisco, isto é, con 200 €.

Secasí, trátase dun programa moi afastado dos niveis de esixencia cultural do paradigmático e estupendo Saber y Ganar de TVE. Isto non é nin bo nin malo, tan só distinto, por moverse Atrápame se podes noutra escala e ter un propósito, un público destinatario e unhas aspiracións a todas luces diferentes. Porén, non parece que ese condicionante á baixa sexa óbice para que, en emitíndose na televisión pública galega (suposta garante e promotora do galego), os espectadores reclamemos un mínimo de coidado, que hoxe por hoxe non se ten, no tratamento dado á lingua, tanto na forma escrita (por exemplo, nos rótulos das preguntas, que demasiadas veces amosan erros) como a nivel oral (sen ir máis lonxe, hai que afearlle o seu desleixo lingüístico ao presentador, Paco Lodeiro, un tipo carismático e profesional pero que en ocasións desatende o galego).

 

As citas ás obras literarias

Con ánimo tan construtivo e cordial coma firme, cómpre lembrarlles ao guionistas dese programa que en galego as obras estranxeiras non se citan endexamais en castelán, agás se foron escritas nesa lingua e nunca importadas ao galego. Esa práctica é ridícula, rancia e mesmo vergonzante; unicamente serve para dar conta do baixo nivel intelectual de quen o fai. Amais, aínda que non sempre de maneira consciente, implica darlle pé a un nocivo prexuízo que somete o galego fronte ao castelán, unha lingua que para o caso non pinta nada.

Así pois, nunca, en ningunha circunstancia, se pode colocar o seguinte rótulo nun programa en galego emitido pola televisión pública de noso:

Quen é a autora francesa que escribiu a novela “El amante”, ambientada na Indochina colonial?

Resulta que O amante, de Marguerite Duras, está publicada en tradución directa do francés ao galego (a cargo de Oriana Méndez). Publicouna Faktoría K, un selo de Kalandraka, nunha data recente: comezos de 2020. Atraveríase alguén a darlle a volta?:

¿Quién es la autora francesa que escribió la novela “O amante”, ambientada en la Indochina colonial?

Nunca. Impensable.

Dende un punto de vista académico e filolóxico, o correcto é, na escrita, citar en galego todo aquilo que conte cunha tradución publicada, ao tempo que se deben manter os títulos na lingua orixinal cando non haxa unha tradución. Agás cando, por cuestións máis complexas como un cambio de alfabeto ou unha transliteración demasiado opaca, sexa necesario facilitar a comprensión, para o cal existen diversas fórmulas, pero que nunca pasan por relegar o galego en prol do castelán nin de ningunha outra lingua.

Daquela, se non chega a haber tradución publicada de O amante, que a hai, como debían proceder os responsables de Atrápame se podes? Caberían varias opcións, dende citar no francés orixinal a obra para logo incluír entre paréntese ou corchetes a tradución suxerida, até directamente inserir a tradución ao galego sen máis, por se tratar dun espazo de entretemento. Xa que logo, o rótulo podería quedar tal que así:

  1. Quen é a autora francesa que escribiu a novela O amante, ambientada na Indochina colonial?

  2. Quen é a autora francesa que escribiu a novela L’Amant [O amante], ambientada na Indochina colonial?

  3. Quen é a autora francesa que escribiu a novela L’Amant (O amante), ambientada na Indochina colonial?

Hai nos dous últimos casos un pequeno detalle que, a maiores, achegaría información respecto da inexistencia dunha versión en galego: a ausencia da cursiva na forma galega. Tirando dese fío, de feito, os guionistas poderían (se tecnicamente é viable xogar coas cursivas) permitirnos aos espectadores saber que traducións son suxeridas e cales formais. Así, unha opción realmente interesante podería ser esta:

  • Que editorial galega publicou en 2017 a novela de Jane Austen intitulada Persuasión?
  • Como se chama o protagonista de «A montaña máxica», escrita polo alemán Thomas Mann?
  • Que británica escribiu Un cuarto de seu?
  • En que país naceu James Joyce, autor de Retrato do artista cando novo, UlisesDublineses?
  • É O Quixote a obra máis traducida da literatura española?
  • Cantas versións distintas da novela O perfume se publicaron en galego?
  • Quen traduciu ao galego a novela de Julian Barnes Arthur e George?
  • Quen é o autor de «Almas mortas»?
  • En que ano gañou Siri Hustvedt, autora de O verán sen homes, o Premio Princesa de Asturias das Letras?
  • De que famoso autor francés son os relatos «Bóla de sebo» e «O Horla»? (aquí, mágoa, non habería maneira de saber –bardante que o presentador ou a formulación o queiran indicar– se existe ou non tradución ao galego, na medida na que, por seren contos integrados en recompilatorios, as aspas francesas son as que proceden, en detrimento da cursiva)

E se estas solucións non gustan, hai ben doutras. Pero nunca, nin dando por válida a actuación máis trapalleira, é tolerable que se cite, nun enunciado en galego, unha obra francesa, chinesa, catalá ou rusa pola versión publicada en castelán.

 

Como saber se unha obra literaria está ou non traducida ao galego?

Para coñecer se existe algunha tradución publicada en galego dunha determinada obra literaria, hai un primeiro paso básico que debe darse: peneirar a Biblioteca da Tradución Galega, o catálogo da Biblioteca Virtual de Literatura Universal en Galego e a Wikipedia en lingua galega (mediante unha busca por autor e/ou obra ou, indo ao concreto, coa revisión de útiles listaxes e anexos como os da «Biblioteca Galega de Clásicos Universais», «Grandes do noso tempo», «Clásicos do Pensamento Universal» etc).

Se a obra non estivese rexistrada en ningún deses repositorios, a fin de asegurarse, por suposto é conveniente acudir tamén á Base de datos de libros editados en España, así como aos historiais de obras gañadoras dos distintos premios de tradución. Mesmo consello en canto á procura no catálogo da Biblioteca Nacional de España. A maiores, outro espazo de consulta con gran cantidade de información (sinopses incluídas) son os Informes Anuais de Literatura do CRPIH, e son así mesmo moi valiosas as Panorámicas da Tradución.

Hai que ter en conta que existen máis de 4.000 obras traducidas ao galego (as fontes difiren no dato, de modo que é un valor figurado) e que a práctica totalidade desa produción (máis do 95 %) se realizou a partir de 1981, ano da aprobación do Estatuto de Autonomía vixente.

 

O cinema

Fóra da tradución literaria, vaia toda a nosa solidariedade cos tradutores e tradutoras audiovisuais, con quen os responsables de Atrápame se podes teñen tamén unha débeda pendente. Até o momento, no cento escaso de programas emitidos mostráronse incapaces de seguir un criterio coherente en relación cos títulos das películas, fosen grandes clásicos ou intranscendentes comedias románticas. Para lle poñeren termo a ese despropósito, un punto de partida podería ser que gardasen en marcadores a Lista de filmes con versión en galego, de grande utilidade e en continua actualización.

Á hora de citar obras artísticas, oxalá pronto poidamos superar estes prexuízos que tanto dano nos fan como sociedade. E oxalá, unha vez desbotados os prexuízos contra a literatura traducida e en xeral contra calquera peza de arte ideada orixinalmente noutras linguas, a Atrápame se podes e ao resto de programas de coñecemento xeral lles vaia moi ben.