Listado de la etiqueta: lyon

Cronobiografía de Colet

1810 – Nacemento de Louise Révoil en Aix-en-Provence. A súa nai, Henriette Le Blanc procedía dunha familia culta; o pai, Antoine Révoil, era empregado de correos, fillo dun comerciante de Lión. Á morte de Antoine Révoil, toda a familia vai residir ao castelo de Servanne, onde anos antes vivira o seu avó. É aquí onde Louise Révoil se afeccionou á lectura e compuxo os seus primeiros poemas para envialos a Lión, Marsella e París, asinados como «Unha muller».

1835 – Morte da nai. Casa en Uzès con compositor de Nîmes, Hippolyte Colet. Cando este é nomeado profesor de frauta do Conservatorio de París, trasládanse á capital.

1836 – Publica o libro de poemas Fleurs du Midi, tras o cal coñece a Châteaubriand e a señora Récamier, e recibe, grazas ás subscricións ao volume, unha pensión de 400 libras.

1838 – Coñece o filósofo e escritor Victor Cousin, a quen se lle atribúe a paternidade da súa filla, Henriette Colet.

1839 – Grazas a Victor Cousin, obtén o gran premio de poesía da Academia Francesa por Le Musée de Versailles, e a pensión aumenta a 2.000 libras. Leva a escena unha comedia en verso, La Jeunesse de Goethe, no Théâtre de la Renaissance. Publica a novela Le Dévouement no xornal Le Colibri de Rouen.

1840 – Alphonse Karr, en Les Guêpes, ridiculízaa no artigo “Une piqûre de Cousin”. Louise responde de inmediato tentando acoitelar polas costas (cun coitelo de cociña) a Alphonse Karr e, máis tarde, cunha Réponse aux Guêpes de M. Alphonse Karr. Publica Penserosa, poésies nouvelles, un título inspirado en Milton.

1841 – Escribe a comedia La Jeunesse de Mirabeau.

1842 – Escribe dous dramas en verso: Charlotte Corday e Madame Roland, nunca representados.

Viaxa ao sur.

Coñece a Marceline Desbordes-Valmore no salón de Nodier en L’Arsenal e visita a Madame Récamier, que lle confiará as cartas de Benjamin Constant para que as divulgue.

Entre 1842 e 1859, mantén un salón ao que asisten celebridades oficiais, entre elas, as habituais dos salóns de Nodier e de Juliette Récamier como Anaïs Ségalas, Sophie Gay e a súa filla Delphine, Marceline Desbordes-Valmore…

1843 – Novo premio da Academia Francesa polo poema Le Monument de Molière. Publica o volume de relatos Les Cœurs brisés e a narración de viaxes Deux mois d’émotions.

1844 – Publica o volume de relatos Folles et saintes.

1845 – Publica Historiettes morales, dedicadas aos seus dous fillos.

1846 – 29 de xullo. Coñece a Flaubert no taller do escultor Pradier (que lle facía un busto e ao que trata dende 1838).

4 de agosto. Primeira carta de Flaubert á «Musa». Publica Les Chants des vaincus, poésies nouvelles e o folleto Réveil de la Pologne.

1847 – Sepárase de Hippolyte Colet.

Escribe Deux femmes célèbres, as biografías de Madame du Châtelet e Klementyna Hoffmanowa, coñecida como Madame Hoffman-Tanska, escritora e activista polaca instalada en París tras o fracaso da insurrección de 1830 e falecida en 1845.

1848 – Marzo. Flaubert envíalle unha carta de ruptura.

Publica Les Grands jours de la République celebrando a revolución de febreiro.

1849 – Reside na rúa Sèvres, na casa de Ballanche, en fronte de l’Abbaye-au-Bois.

1851 – Morte de Hippolyte Colet. Ao salón da rúa Sèvres asisten Vigny, Leconte de Lisle, Musset e tamén Flaubert, con que retomou a relación en xullo, tras o regreso de Exipto, Grecia e Italia do escritor. Acada un novo premio da Academia Francesa polo poema La Colonie de Mettray.

1852 – Publica Ce qui est dans le cœur des femmes, poésies nouvelles. Só ten citas trimestrais con Flaubert, o cal continuará en 1853.

1853 – Novo premio da Academia polo poema L’Acropole d’Athènes. Vigny, Hugo e outros apoiaron o premio sen saber que o escribira unha muller. Publica a primeira entrega de Le Poème de la Femme: La Paysanne.

1854 – Publica Ce qu’on rêve en aimant, poésies nouvelles, onde dirixe un poema «Ás mulleres», e a segunda entrega de Le Poème de la Femme: La Servante.

Outubro: rompe con Flaubert.

1855 – 6 de marzo. Última carta de Flaubert dirixida a ela.

1856 – Publica Une histoire de soldat, e a terceira entrega de Le Poème de la Femme: La Religieuse.

1857 – Viaxe aos Países Baixos e aos Pireneos. Edita Quarante-cinq lettres de Béranger et détails sur sa vie.

1858 – Publica Un drame dans la rue de Rivoli e La Marquise du Gange.

1859 – O xornal Le Messager de Paris publica por entregas Lui, roman contemporain, agora traducida ao galego (por Isabel Soto) e publicada en 2023 como El.

1860 – Viaxe a Italia, que inspirará Madeleine e Naples sous Garibaldi, Souvenirs de la guerre de l’indépendance. Ao seu regreso, publica en volume a novela El, unha sorte de resposta a Elle et Lui, de George Sand, e Lui et Elle, de Paul de Musset: cinco reimpresións entre 1860 e 1864.

1862 – Publica Richesse oblige, Contes et nouvelles pour l’adolescence.

1864 – Viaxe a Xénova, Turín, Venecia, Nápoles. Escribe Les Derniers abbés, obra en parte dirixida contra a corte de Roma, que publicará máis tarde. Edita Lettres de Benjamin Constant à Madame Récamier, para o que redacta tamén a introdución e o epílogo.

1866 – Publica Les Derniers marquis.

1868Les Derniers abbés, mœurs religieuses de l’Italie.

1869 – Asiste, en calidade de xornalista de Le Siècle, á inauguración do Canal de Suez. Viaxa polo Nilo e publica, en Le Siècle, por entregas, Les Pays lumineux, onde volve falar da súa relación con Flaubert. Non aparecerá en volume até 1879. Publica a novela Ces petits messieurs.

1871 – Declara a súa simpatía pola Comuna.

1873 – Publica Les Dévotes du grand monde, types du Second Empire e La Vérité sur l’anarchie des esprits en France.

1876 – Morre o 8 de marzo.

1879 – Publicación póstuma de Les Pays lumineux. Voyage en Orient.

Cronobiografía elaborada a partir das notas publicadas por Roger Bellet en Femmes de lettres au xixe siècle – Notice sur Louise Colet – Presses universitaires de Lyon (openedition.org).