Listado de la etiqueta: irmás bunner

Verán de 2023: novelas de Edith Wharton e Delphine de Vigan

Acaban de chegar da imprenta as novidades para esta verán: As irmás Bunner, de Edith Wharton, e mais As gratitudes, de Delphine de Vigan. A semana que vén, derradeira deste mes de xuño, sairán para os domicilios das persoas subscritoras e empezarán así mesmo o seu percorrido polas librarías.

No caso de As gratitudes, publicada orixinalmente en francés en 2019 e dispoñible agora en galego na tradución feita por Xavier Senín, De Vigan ofrécenos a historia dunha anciá, Michka, cuxos problemas de saúde fan que ingrese nunha residencia. A afasia que padece a protagonista ocasiónalle frecuentes lapsus e deriva na paulatina perda da facultade de se comunicar. Trátase dun emotivo e conmovedor relato que nos fai reflexionar sobre a vellez, a dependencia ou a empatía, e no que a palabra se erixe como un elemento crucial.

A outra entrega do trimestre é As irmás Bunner, en tradución do inglés de Alejandro Tobar, unha singular e non demasiado coñecida obra de Edith Wharton, autora de referencia na literatura dos Estados Unidos de América. Sumamos pois esta estupenda novela aos demais títulos dispoñibles en galego desta escritora: Ethan Frome (1911; Irmás Cartoné, 2015) e A idade da inocencia (1920; Sotelo Blanco, 2009). Respecto a este “melancólico” relato (escrito en 1892 pero publicado en 1912), convén salientar dous aspectos: por unha banda, o amor fraternal, en canto eixe a partir do cal se desenvolve unha trama interesante e ben levada, e, pola outra, o descomunal talento da autora para a ambientación, plasmada na sucesión de escenas formidables en distintos puntos da cidade de Nova York: Central Park, o río Hudson, os grandes almacéns dalgúns distritos históricos da illa de Manhattan…

Boas lecturas e bo verán.