Listado de la etiqueta: inéditos

Na avanzada da tradución literaria

Unha parte importante do labor de edición de literatura traducida consiste no proceso silencioso de rastrexo constante de obras estranxeiras, moi gratificante cando produce resultados pero que as máis das veces deriva no descarte. No caso de Hugin e Munin, onde apostamos con frecuencia pola importación de clásicos, sexan do século XVII ou do XXI, adoita acontecer que esas obras conten con traducións previas a algún outro idioma, cando non a varios. Porén, non é a primeira vez que nos lanzamos a editar propostas narrativas da literatura universal nunca antes publicadas nas restantes linguas do marco ibérico. Velaí algúns exemplos.

Aínda non hai dúas semanas, publicamos dúas novidades inéditas na Península. Unha delas, O crime de Psichiko, novela de 1928 escrita por Pavlos Nirvanas e traducida dende o grego moderno por Alfonso Blanco. Á obra de Nirvanas chegamos logo de ler unha tradución recente ao francés.

Tamén deste trimestre é Cartos, de Victoria Benedictsson, unha obra de 1885 que traduciu dende o orixinal sueco Marta Dahlgren. Neste caso, houbo un intenso intercambio de correos coa tradutora arredor doutras seis autoras (algunha das cales segue na recámara). Finalmente, tras unha primeira aproximación á tradución ao castelán dun libro de relatos de Benedictsson para analizar o ton e o estilo, as posibles propostas reducíronse á novela Fru Marianne, da que existe versión francesa, e Pengar, publicada en inglés por Norvik Press, que ao cabo foi a escollida.

De Noventa anos despois, de Milovan Glišić, traducida do serbio por Jairo Dorado en 2020, soubemos grazas á edición inglesa traducida e anotada en 2015 por James Lyon, con introdución de Andrew Boylan. Foi daquela cando nos puxemos en contacto co tradutor para ofrecerlle a tradución dende o orixinal, pois é política da casa non empregar linguas ponte.

Tamén traducido por Jairo Dorado, desta vez dende o croata (ao fío das linguas balcánicas, paga a pena ler «Serbocroata, croataserbio, serbio ou croata e croata ou serbio»), trouxemos Cando levanten as brétemas, de Josip Mlakić. Neste caso, esta novela de temática bélica foi unha suxestión do tradutor, quen nola presentou mediante un informe no que constaban as súas características e algúns parágrafos traducidos, amais do contacto coa editorial V.B.Z. e, máis tarde, co propio autor.

Traídos do francés, temos xa no catálogo un bo número de títulos que ou están en galego ou chegaron ao galego antes ca ao resto de linguas ibéricas. Entre esas pezas, atópanse un roman du terroir de referencia na literatura do Quebec, A terra paterna, de Patrice Lacombe, en tradución de Marie Abraira; e mais a única obra sobre a Guerra civil española coa que contamos, Morrerei outro día, de Isabelle Alonso (autora francesa filla de republicanos valencianos), traducida por Isabel Soto e Xabier Ron. En ambos os casos, a escolla realizouse tras a lectura na lingua orixinal. Para o caso de Morrerei outro día foi fundamental o bo ollo de Xabier Ron, quen, amais de experto na lírica medieval galego-portuguesa, hai anos que segue con atención a literatura relacionada coa memoria histórica, paraugas no que claramente se sitúa a novela de Isabelle Alonso.

Do italiano, pertence a este grupo A obra, de Bruno Sperani (nome de pluma de Beatrice Speraz), traducida por Isabel Soto, á que chegamos pescudando na literatura italiana e lendo numerosas narradoras de finais do século XIX e comezos do XX, algunhas das cales gardamos como futuribles.

Outro fito para nós foi Unha volta polo inferno, de Mich (Michèle) Beyer, por ser a primeira obra narrativa contemporánea en tradución directa do bretón ao galego. Soubemos dela polo seu tradutor, Robert Neal Baxter, quen achegou unha sinopse e destacou algunhas das súas calidades, así como a relevancia, premios mediante, no sistema de orixe.

Do inglés, mencionaremos O derradeiro americano, de John Ames Mitchell, traducida por Iago Nicolás Ballesteros. Esta obriña atopámola no completo e interesante repositorio de The Public Domain Review. Foi tras ler o orixinal cando decidimos contactar co tradutor para lle propor o traballo. A edición galega é de 2021, e vemos que hai nada, en marzo de 2023, apareceu unha edición en castelán na barcelonesa Ediciones Obelisco.

Para pechar o círculo, volvamos sobre o sueco e o grego moderno.

Do inclasificable Carl Jonas Love Almqvist trouxemos As nosas normas, que lle propuxemos a Marta Dahlgren. Resulta fascinante que esta novela –ao noso ver, unha interesantísima proposta– a escribise un home nunha data tan afastada como 1839. Até onde sabemos, segue inédita nas demais linguas ibéricas. Coñeciamos o autor, pero non esta obra en concreto, e, novamente, accedemos á lectura crítica a través da versión existente en francés.

Da existencia de Menis Koumantareas soubemos grazas a un tradutor co cal ao final non concretamos a súa colaboración. Unha vez lidas varias novelas deste autor traducidas ao francés, demos con O obradoiro de vidro, publicada en 1975 e merecente do Premio Nacional de Grecia. Da tradución ocupouse Alfonso Blanco.

Resulta tamén interesante constatar que, en ocasións, cando si existen traducións a linguas ibéricas, se descobren eivas como a ausencia de parágrafos (sobre todo se acollen algunha complicación), a desvirtuación de certas pasaxes ou a trampa comercial de presentar os textos como fieis e íntegros cando en verdade se trata de adaptacións.

En conclusión, logramos situar o galego na avanzada no 15 % do catálogo, isto é, nun total de 18 títulos.