Artigos

Reimpresión de A nosa Negra

Hai un par de semanas puxemos a circular a segunda impresión da novela A nosa Negra, de Harriet E. Wilson. Aínda que nos movamos sempre en números e tiraxes moi modestas, é un motivo de especial alegría comprobar que unha obra así -tan crúa coma real- callou entre os lectores e lectoras en galego; de feito, é a primeira vez que reimprimos a pouco máis de medio ano vista da publicación dunha novidade. Ben está, e agradécese.

Gran parte do mérito cómpre recoñecerllo, amais de ás virtudes inherentes ao texto de Wilson, a María Reimóndez, a súa tradutora, polo acerto e a profesionalidade no traslado á lingua meta. Até o de agora, as recensións aparecidas en blogs especializados, prensa escrita e radio fixeron sempre mención expresa da alta calidade do texto na súa versión galega. De igual modo, hai uns meses o xurado do Premio Follas Novas tivo a ben  galardoala como mellor tradución publicada en 2020, porque «achega á lingua galega un libro fundamental da revisión histórica a través da literatura, introducindo a historia contada dende as persoas subalternas».

Cómpre así mesmo agradecerlle á ribeirense Benita Sampedro, experta en literatura colonial, que nos axudase a presentar e difundir a obra de Wilson. Para quen estea interesado en afondar un pouco máis, na entrada intitulada «A nosa Negra: apuntamentos tras un faladoiro virtual» queda o resumo da presentación virtual que no seu momento fixeramos, grazas ás eficientes xestións da libraría Lila de Lilith de Santiago de Compostela.