Listado de la etiqueta: forraadt

A cuestión lingüística na novela A traizón

En 2021, Det Danske Sprog- og Litteraturselskab, institución financiada polo Ministerio de Cultura de Dinamarca que se encarga de documentar a literatura en lingua dinamarquesa e velar por ela, incorporou ao seu fondo de clásicos unha edición moderna da novela A traizón. O tal fondo non é senón unha colección específica conformada por máis dun cento de títulos, dende obras fundacionais do século XVII até pezas contemporáneas das últimas décadas. Se incorporaron esta novela ao seu rico fondo de literatura nacional, é porque entenden que non hai dúbidas de que a obra, publicada en Copenhague en 1892, se escribiu (ou acaso publicou) en dinamarqués; tamén, se callar, porque a escritora, que na segunda metade da súa vida se mostrou desencantada coa súa patria (Noruega), chegou a pedir que no epitafio a vindicasen como «cidadá, súbdita e autora dinamarquesa». O curioso é que boa parte desta explicación tamén podería argumentarse á inversa, unha vez que Det norske språk- og litteraturselskap, en funcionamento dende 1953, tamén conta cunha entrada de seu para A traizón.

Sexa como for, soster que esta obra se adscribe á literatura norueguesa tampouco non sería incorrecto, posto que en vida de Amalie Skram (Bergen, 1846-Copenhague, 1905) a multiplicidade de dialectos noruegueses non se englobaban baixo o paraugas protector dunha normativa formal, dando lugar a que, na escrita, primase o emprego dunha koiné dano-norueguesa; esta, nas altas esferas e a nivel literario, tornaba nos máis dos casos nun dinamarqués estándar, chapicado con xiros e léxico local. Cómpre ter en conta que o riksmål, a variante norueguesa do dinamarqués de tendencia conservadora, fraguaría –e só dun modo embrionario– en 1897, e non contaría cunha primeira ortografía oficial até unha década máis tarde, en 1907. Neste sentido, houbo que agardar até 1929 para que ese primeiro estándar nacional experimentase unha reformulación máis profunda e, en consecuencia, acabase adoptando a denominación bokmål (noruegués de libro ou lingua dos libros), que é, con moito, a grafía maioritaria na actualidade fronte á outra posible e igualmente oficial, nynorsk (novo noruegués). Por certo, no Storting, o órgano lexislativo nacional con sede en Oslo, o bokmål impúxose por un único voto fronte á designación alternativa: dano-noruegués. Baste recordar que durante o longo período previo, que abrangue de 1537 (coa fixación do dinamarqués elaborado durante a Reforma, con numerosos trazos do dialecto da capital, Copenhague) a 1814 (coa separación de ambos os reinos), os escritores ao norte e ao sur do estreito de Skagerrak formaban parte dun mesmo sistema literario, na actualidade estudado como literatura común dano-norueguesa.

A Biblioteca Nacional de Noruega ofrece a día de hoxe o texto completo dixitalizado da edición orixinal de 1892, impulsada por Græbes bogtrykkeri e distribuída por J. H. Schubother Boghandel, e en paralelo achega amplos fragmentos trasladados á actual norma. É revelador que en ningún momento estes se cualifiquen como traducións, senón, literalmente, como «modernizacións lingüísticas». De feito, a tradución ao inglés da obra que encargou o Departamento de Estudos Escandinavos da Universidade de Londres asegura estar feita na combinación noruegués-inglés e non dinamarqués-inglés. É máis, é posible que parta da edición «modernizada» e non da orixinal, habida conta de que no epílogo se achega unha explicación tradutolóxica relacionada co termo salong (en dinamarqués carecería dese g final), que designa unha das estancias (o salón, pero máis co sentido de ástrago ou vestíbulo) nas que se dividía o camarote dun capitán de barco nos mercantes da época.

Sempre coas debidas cautelas, a nosa tradución segue de maneira fiel a edición orixinal de 1892. Sendo así, no catálogo da páxina web, onde é posible filtrar as obras segundo a lingua de orixe, o acceso á ficha de A traizón realízase a través do dinamarqués.