Listado de la etiqueta: Fervenzas Literarias

Relación de premios á tradución galega

No eido da tradución literaria ao galego, son abondas as obras distinguidas nos certames especializados. Así, para non complicar a información en exceso, ao primeiro cabería mencionar os galardóns de ámbito estatal. Isto é, o Estatal de Tradución e o desaparecido Estatal ao Mellor Labor de Tradución de Libros Infantís, arquivado este último polo Ministerio de Cultura como “premio institucional histórico”.

Canto ao Estatal de Tradución, que non distingue nin o xénero nin a idade do público lector, convén lembrar que xurdiu en 1984 para ocupar o oco deixado polo premio Premio de Tradución Frei Luís de León (que dende a súa creación en 1956 só valorara as traducións co castelán como lingua meta).

Estas cinco obras traducidas á lingua galega teñen un mérito engadido na medida na que competiron co resto de obras traducidas ás literaturas das demais linguas oficiais do Estado.

A continuación estarían os galardóns de ámbito nacional, onde só se avalían as traducións ao galego. Serían o Premio Ramón Cabanillas, o Premio Lois Tobío ao Libro Traducido e o Premio de Tradución da AELG.

Non hai moito, en 2015, dous deses tres (o Lois Tobío e o da AELG) acabarían fusionados cos Premios Irmandade do Libro (xestionados pola Federación de Librarías de Galicia), dando pé ao Premio de Tradución da Gala do Libro Galego.

A seguir figurarían os premios que recoñecen ou ben obras publicadas online ou ben obras inéditas. Cómpre enmarcar aquí o Premio Plácido Castro de Tradución (onde compiten tanto as obras subidas á páxina da Biblioteca Virtual de Literatura Universal en Galego como outras enviadas polas editoriais), o Premio de Tradución da Universidade de Vigo (outorgado a obras inéditas e restrinxido ao ámbito universitario) e mais o Premio Realia de Tradución Literaria (de periodicidade bianual, a obras inéditas, organizado por nós en colaboración co Concello de Santiago e cuxa terceira edición está pendente debido a que, por cuestións administrativas, o consistorio compostelán suxeriu que o trasladásemos a 2021 para dese modo convocar e resolver nun mesmo ano natural.

Cabe incluír así mesmo entre os recoñecementos á tradución galega o Premio Etxepare de Tradución-LABORAL Kutxa, que anualmente recoñece o labor de tradución a outras linguas de obras escritas orixinalmente en éuscaro. En 2015 foi merecedora do Etxepare a tradución de Isaac Xubín dun libro de Joseba Sarrionandia, Tempo de exilio.

En paralelo, cómpre non esquecer os premios de tradución que distinguen a traxectoria profesional de persoas ou entidades vencelladas á tradución. Neste sentido, o máis sobranceiro probablemente sexa o recente Premio Estatal á Obra dun Tradutor que se lle entregou a Xavier Senín, sendo o cesurés o primeiro tradutor ao galego que o acada (non así o primeiro galego, pois a ferrolá Esther Benítez -tradutora ao castelán- xa fora recoñecida co mesmo galardón na edición de 1992).

Relevante é tamén o Premio Xela Arias posto a andar pola Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación. Neste caso, ten carácter honorífico e non é exclusivo do ámbito literario.

Logo, a nivel virtual, existe o Premio Fervenzas Literarias, que separa en dúas modalidades: traducións de obras literarias para o público infantil e xuvenil e traducións de obras literarias para o público adulto. Parece razoable, non obstante, situar este galardón algúns chanzos por baixo do resto, pois o sistema de valoración é tan só mediante a votación aberta en rede.

Nunca está de máis mencionar que houbo tradutores e tradutoras galegos que, polo seu labor de tradución ao castelán, mereceron o Estatal de Tradución ou algúns dos premios que hoxe se catalogan como históricos. Son os casos, por exemplo, de Neila García Salgado, distinguida pola tradución ao castelán dunha obra da sueca Edith Södergran, ou de Basilio Losada, que o mereceu por traducir do portugués ao castelán un texto de Saramago.

E, para acabar -polo de agora-, é preciso apuntar que en 2012 a editorial Kalandraka, que outorga un lugar preferente á literatura traducida, foi recoñecida co Premio Estatal ao Mellor Labor Editorial Cultural.

* Imaxes e datos están tomados da Wikipedia en galego e da páxina web do Ministerio de Cultura e Deporte de España