Listado de la etiqueta: elementos paratextuais

Voces cruzadas

Hai na teoría literaria, máis concretamente no que se denomina paratextualidade, un elemento ao que nós procuramos prestarlle unha especial atención: a presentación editorial contida nas contracubertas e, ocasionalmente, nos apéndices de apoio inseridos nas lapelas. Precisamente porque as posibilidades de redacción son enormes, é fácil errar: sexa caer na autocomprancecia, na esaxeración, nos lugares comúns ou simplemente destripar en exceso.

Unha fórmula, non exenta de perigo, que a nós nos resulta especialmente grata pasa pola posibilidade de facer dialogar a obra presentada con outras voces, ben de noso, ben de persoeiros das letras doutros espazos literarios. Velaquí algúns exemplos que oxalá animen á lectura:

  • En As damas verdes, de George Sand: «… a novela foi moi apreciada por, entre outros, Rosalía de Castro, quen reparou nas enormes similitudes co seu El caballero de las botas azules (1867). Por outra banda, cabe sinalar que a galega consideraba a Sand unha “novelista profunda”, ademais dun modelo vital, ideolóxico, intelectual e creativo da muller emancipada e progresista».

  • En O solteirón, de Adalbert Stifter: «… admirado, entre outros, por Rilke ou Thomas Mann, quen cualificou a Stifter como “un dos narradores máis enigmáticos da literatura universal”, para o caso cabe rescatar a descrición que del fixo Hannah Arendt como “o meirande paisaxista da literatura”».

  • En O monstro, de Stephen Crane: «… xorde a pregunta de a quen lle apoñer en verdade a etiqueta de “monstro”, se ao personaxe así denominado ou, como apuntou Harold Bloom, á mente colectiva».

  • En O castelo Rackrent, de Maria Edgeworth: «.. os vencellos literarios [da autora] con Walter Scott, autor escocés que gabou o seu talento para os contos infantís, as descricións da vida irlandesa e o seu particular humor».

  • En A infancia dun xefe, de Jean-Paul Sarte: «… para desgraza de personaxes tan sinistros coma o pronazi Robert Brasillach, que cualificou a obra de aburrida e malsá, acadou un éxito notable, entre outras razóns pola habilidade indiscutible do autor para plasmar fielmente o ambiente convulso que precedeu o auxe do fascismo e moitas das inquietudes do seu tempo».

  • En Os salgueiros, de Algernon Blackwood: «en palabras de H. P. Lovecraft, “o mellor relato sobrenatural xamais escrito” e “conforma en por si unha categoría especial da literatura espectral” […] os protagonistas mergullaranse nun suxestivo ambiente de irrealidade e irán tomando conciencia do “horror cósmico” e das presenzas sobrenaturais que os asexan».

  • En Nós, de Evgenii Zamiatin:«… George Orwell salientaba a súa «forte tendencia ao primitivismo”, así como os “impulsos atávicos” do desasosegado protagonista, D-503. Pola súa parte, Ursula K. LeGuin puxo o acento no seu carácter de excelencia e no “ton anarquista”».

  • En A educación sentimental, de Gustave Flaubert: «… e, sobre todo, as elipses e as rupturas temporais, por veces dunha secuencia a outra (“os brancos de Flaubert”, en palabras de Proust), que case parecen anticipar a fotografía e a montaxe cinematográfica».

  • En Dos días do porvir, de H. G. Wells: «Elizabeth e Denton [os protagonistas] son o que Isaac Asimov chamaría “medievalistas”, o cal, nun contexto futuro, identifica aquelas persoas que rexeitan a vida urbana e o progreso tecnolóxico, avogan por unha volta ao rural e anhelan os usos e costumes do pasado».

  • En Colleita vermella, de Dashiell Hammett: «… de lectura inescusable […] por algunhas escenas e diálogos verdadeiramente xeniais: segundo o existencialista galo André Gide, “o último en atrocidade, cinismo e horror”».

  • En A casa e o cerebro, de Edward Bulwer-Lytton: «… sinala H. P. Lovecraft: “é innegable o talento de Bulwer-Lytton á hora de conformar un certo e estraño encanto”, talento que lle permitiu facer “un dos mellores relatos sobre casas encantadas”».

  • En Fosca, de Igino Ugo Tarchetti: «… Italo Calvino afirmou: “Fosca é unha personaxe entre liberty e dannunziana anticipada polo menos vinte anos nun mundo que non é o seu”».

Elementos paratextuais e ilustracións no corpo das novelas

Non é habitual, pero tampouco non é novo, que algúns escritores e escritoras opten por introducir elementos paratextuais no corpo das súas obras de ficción. Por norma xeral, trátase dunha operación cando menos arriscada, pois desvía a atención da lectura e rompe cos códigos tácitos do que se entende por escritura moderna. Porén, pode dicirse que a empresa tivo éxito sempre que os engadidos -que adoitan complicar o proceso de edición e que, en ocasións, cómpre adaptar cando o formato físico do libro muda entre unha e edición e a seguinte- logran o obxectivo de complementar o texto no canto de simplemente decoralo. Por outra banda, a ilustración de novelas é algo bastante corrente, non só na literatura infantil e xuvenil. Aínda que de maneira residual, tamén o noso catálogo conta con algunha obra de vello que puxemos a punto e imprimimos coas ilustracións orixinais.

Velaquí 6 exemplos diversos tomados de libros de noso:

O verán sen homes, de Siri Hustvedt. Un exemplo de debuxos moi sinxelos a cargo da propia autora, que aparecen inseridos no corpo da obra a modo de variacións, cun cariz simbólico e sen maiores pretensións.

 

A señorita Else, de Arthur Schnitzler. A impresión dun pentagrama como parte integrante dunha obra literaria. Como se indica nunha nota ao pé, ademais de Schnitzler, tamén Hans Henny Jahnn ou Ingerborg Bachmann probaron a incluír fragmentos musicais en textos literarios. Mediante esta técnica, Schnitzler parecía querer dotar a palabra escrita dunha maior intensidade dramática, ao tempo que puña de relevo o gusto musical da sociedade austríaca de finais do século XIX. Por outra banda, cómpre salientar a estreita relación do autor coa música, que, en palabras do estudoso Marc A. Weiner, actúa «a modo de sismógrafo social» (Arthur Schnitzler and the Crisis of Musical Culture, 1986), e adoita ocupar un papel preponderante nas súas novelas e relatos.

 

O caranguexeiro, de Takiji Kobayashi. Aquí o que se aprecia é un esquema que emula a proposta escrita nun papel por un dos personaxes.

 

As confesións dunha filla do século, de Donna Paola. Nesta ocasión, cada unha das cartas está precedida pola imaxe do seu destinatario. Funciona bastante ben, pois as imaxes vense logo complementadas (aínda que non sempre) por coidadas descricións dos retratados.

 

O home das bonecas, de Jean-Louis Renaud. En verdade, esta si era unha novela breve ilustrada. O que fixemos na edición galega foi incorporar os debuxos que había en páxinas soltas ao propio texto, tratando de inserilos naquelas pasaxes ás que aludían.

 

Un mundo distinto e igual, de Joseph Hall. Aquí aparece un xogo cunha vella inscrición que o narrador deseguida traduce.