Listado de la etiqueta: decembro 2023

Amalie Skram e Louise Colet, novidades xenuínas

O vindeiro 4 de xaneiro de 2024 –ou acaso nunha data próxima ás vacacións de Reis– contamos con enviarlles dúas novidades editoriais ás persoas subscritoras e distribuílas logo entre as librarías e demais canles comerciais, dado que foron á imprenta a mediados deste decembro (polo que dende un punto de vista catalógrafico deben datarse en 2023). Desta vez, optamos por incorporar ao catálogo unha novela excepcionalmente potente da literatura nórdica e outra da literatura francesa que causou gran ruído na súa época.

A traizón é un relato esencial dentro da produción de Amalie Skram (gran referente do naturalismo en Escandinavia), que Marta Dahlgren e Alejandro Tobar se encargaron de traducir dende o dinamarqués orixinal (ao respecto da lingua de partida, véxase o apéndice «A cuestión lingüística na novela A traizón») e que nunca antes fora vertida a ningunha lingua peninsular. Sexa como for, a novela ofrece unha guerra conxugal con momentos de gran virulencia dialéctica, diálogos enxeñosos, xiros de guión inesperados e un hábil emprego da corrente de conciencia. No sistema literario de orixe, a peza está considerada un dos grandes clásicos do rupturismo moderno escandinavo, un movemento de corte realista e analítico.

Pola súa banda, El, tamén inédita en calquera lingua peninsular, é unha novela de Louise Colet que, tras ver a luz 1859, espertou a ira en multitude de escritores varóns, unha vez que mestura unha trama romántica co desexo evidente de arranxar contas persoais (as máis soadas, con Gustave Flaubert, amante da autora durante case unha década). Constitúe, a nivel literario, unha mostra anticipada da literatura do eu e a posta en práctica do criterio da sinceridade na arte defendido pola autora. A tradución dende o francés correu a cargo de Isabel Soto.

Boas lecturas!