Listado de la etiqueta: colleita vermella

Por que ler a Hammett (II)

O escritor francés André Gide, galardoado co premio Nobel de Literatura en 1947, escribiu no cuarto volume do seu Journal:

Lin con grande interese (e, por que non dicilo, con grande admiración) The Maltese Falcon de Dashiell Hammett (1930), de quen o pasado verán lera, aínda que nunha tradución [ao francés] a abraiante Red Harvest (1929), con moito superior ao Falcon, a The Thin Man (1934) e a unha cuarta novela, obviamente escrita por encarga, da cal o título neste intre non me quere acordar. […] En Red Harvest os diálogos, escritos con absoluta mestría, son de tal excelencia que darían directrices a un Hemingway ou a un Faulkner, e a narrativa en si está ordenada cunha habelencia e cun cinismo implacables. Dentro do xénero, creo, é o mellor que lin en toda a miña vida.

O profesor e crítico Leroy Lad Panek recolle esas palabras de Gide no seu libro Probable Cause: Crime Fiction in America. E, a seguir, apostila:

Ao emitir o seu xuízo, Gide deixa de lado moitos particulares, mais leva razón cando afirma que nunca antes se escribira nada nin parecido a Colleita vermella.

Por que ler a Hammett? (I)

Dashiell Hammett fixo voar polos aires a tradición do detective da novela enigma que resolve os casos mediante a lóxica e a dedución. Sobre o autor de Colleita vermella (1929), obra inaugural do xénero negro, escribiu Raymond Chandler en The Simple Art of Murder (1950):

“Hammett devolveu o asasinato á clase de xente que ten motivos para levalo a cabo, que non se conforma con sacar a relucir o cadáver; trátase de homicidios perpetrados cos medios ao alcance, sen recorrer a un duelo con pistolas de aceiro forxado, a velenos coma o curare ou aos peixes tropicais. Hammett traslada estes individuos á ficción tal cal son, e polo xeral fai que falen e pensen coa linguaxe propia deste tipo de propósitos”.

O protagonista da novela, o axente da Continental, aparece por primeira vez no relato “Arson Plus”, publicado na revista Black Mask o 1 de outubro de 1923.

Curiosidades para cinéfilos: aínda que David O. Selznick adquiriu os dereitos do texto e lle encargou o guión a Ben Hecht, Colleita vermella nunca chegou á gran pantalla. O seu espírito atopámolo en Yojimbo (Akira Kurosawa, 1961) e Per un pugno di dollari (Sergio Leone, 1965) inspiradas libremente na trama ideada por Hammett. En 1978, o axente da Continental (interpretado por James Coburn) protagonizou unha miniserie para televisión baseada en The Dain Curse (1929).