Listado de la etiqueta: caracteríticas

Brookner a través da mirada de Cheryl Alexander Malcolm

Understanding Contemporary British Literature [Comprender a literatura británica contemporánea] é unha colección ao coido do editor Matthew J. Bruccoli que a Universidade (pública) de Carolina do Sur puxo en marcha hai máis de vinte anos a modo de guías de lectura ideadas para un público amplo: persoal docente, estudantado, lectores ávidos e curiosos ou persoas vinculadas á crítica literaria.

En esencia, non todos, pero si moitos dos volumes da serie comparten estrutura: achegan ao primeiro unha introdución na que o especialista ofrece claves de lectura e o que entende como principais trazos da escrita do autor ou autora obxecto da análise; a seguir, ou en paralelo, establece unha comparativa argumentada entre obras e etapas, e despois analiza por separado cada título do persoeiro.

Entre os autores estudados, figuran Ian MacEwan, Martin e Kingsley Amis, Penelope Fitzgerald, Graham Greene, Julian Barnes, Irish Murdoch, Kazuo Ishiguro ou Alan Bennett. Tamén, naturalmente, Anita Brookner. No seu caso, foi Cheryl Alexander Malcolm –daquela ensinante de Literatura norteamericana na Universidade de Gdansk, en Polonia– a encargada de revisar polo miúdo a súa carreira (só as 19 primeiras novelas, pois no momento da publicación do volume, 2002, as cinco restantes aínda estaban por facer).

Velaquí algunhas ideas destacadas como continuación da entrada Os tardeiros de Brookner. Longa nota do tradutor”. Reprodúcense en dous bloques: un contén as afirmacións xerais sobre o conxunto da obra e sobre a autora; o outro, aquelas específicas da novela Os tardeiros.

 

No relativo á autora e ao conxunto da súa obra:

  • Pese ao ton desolador da súa obra, a vida de Anita Brookner pode considerarse unha historia de éxito, ou dúas [en referencia á súa carreira como historiadora da arte até os 53 anos e á súa traxectoria como novelista desa idade en diante] (…) Entre a súa produción académica, figuran estudos sobre J. A. Dominique Ingres (1965), Watteau (1969), Diderot, Stendhal, Zola, os irmáns Goncourt, Huysmans [no volume colectivo The Genius of the Future (1971)]…
  • Que Brookner sacase practicamente unha novela por ano encirrou os seus críticos, que tamén a atacaron por incidir sempre nos mesmos temas, nos mesmos escenarios londinienses e na mesma bagaxe vital dos personaxes, o que os levou a ver en Brookner máis unha recicladora ca unha artista.
  • Nas súas obras, coma na súa vida, a miúdo París representa a liberdade fronte ás obrigas filiais, a fin do adiamento do pracer, o comezo dun sentimento de pertenza e a posibilidade de empezar de cero. É dicir, a antítese de Londres.
  • En moitas das súas novelas, é posible atopar os escenarios e a literatura de Francia, así como a cadencia da lingua francesa.
  • Brookner endexamais escribe dunha maneira específica sobre o antisemitismo, pero si aborda dende un plano simbólico a cuestión da conversión (…) Nas entrevistas que concedeu, a autora amenta “os ingleses” como ente diferenciado da súa persoa.
  • Brookner introduce imaxes, sexan cadros da National Gallery ou fotografías dun álbum familiar, a modo de fonte privada de coñecemento para os protagonistas das súas novelas.
  • Se ben a comunidade lectora se encontra dividida en canto á literatura de Brookner, son máis os seus admiradores ca os seus detractores (…) Aquelas persoas que chegan ao final das súas obras, adoitan loar o seu retrato de vidas frustradas. En Francia, cualificaron a Brookner de “incomparable” pola mestría coa que manexa a minutie cruelle, a cruel minuciosidade.
  • As novelas [as primeiras 19] de Brookner amosan unha visión lúgubre do mundo (…) Malia as similitudes temáticas e estilísticas, as obras de Brookner son moi difíciles de clasificar.
  • As escenas de interiores predominan fronte ás de exteriores. Por outra banda, as rúas adoitan estar desertas para os protagonistas cando estes se aventuran nelas.
  • O adulterio preséntase como algo extremadamente complexo, vai moito máis alá do simple sexo ou mesmo do amor. Malia que entendido como unha forma de traizón, maniféstase como un engano menor fronte á opción de poñer a máscara para se disfrazar de matrimonio feliz (…) O matrimonio é un elemento común a todas as novelas de Brookner (…) Alén da concisión, hai aspectos que directamente se omiten. O sexo explícito é un exemplo paradigmático deste trazo da escrita de Brookner. Poida que os seus personaxes practiquen sexo, mesmo con notable frecuencia, pero polo xeral as novelas están desprovistas do que, dende un punto de vista convencional, se considera escenas de sexo (…) É importante distinguir entre a ausencia certa de escenas sexuais e os libidinosos gustos dos personaxes de Brookner (…) A este recurso, Brookner denomínao “castidade sensual” ou “sensualidade casta” (…) A falta de escenas de sexo non quere dicir que Brookner non escriba sobre sexo.
  • Poida que o trazo máis característico das novelas de Brookner sexa a maneira na que os acontecementos se producen en por si e atrapan os personaxes no canto de seren estes os seus executores (…) O anhelo dos protagonistas de ser aceptados polos demais sería outro trazo común (…) O éxito laboral adoita chegarlles aos personaxes; pola contra, canto á plenitude na esfera privada, aí o conto é ben outro (…) Outro aspecto que se percibe en moitas novelas é a intención da autora de explorar os límites do libre albedrío.
  • As tramas adoitan ser sinxelas até o extremo de estar aí e punto. A acción é mínima. Tamén o diálogo. A narración, pola contra, é de vital importancia na medida na que granxea a entrada á corrente de pensamentos inarticulados e emocións dos personaxes (…) A dependencia do relato feito polo narrador é considerable (…) A voz narradora non se perde en divagacións que os escritores posmodernos si se permitirían (…) A escrita de Brookner nunca cae no sentimentalismo eslamiado (…) O coidado da lingua é fundamental.
  • A reconversión ou transformación é algo ao que aspiran moitos personaxes de Brookner (…) Cando os seus protagonistas pasan demasiado tempo sós, a miúdo evocan a figura do xudeu errante.
  • Unha das razóns que explica o optimismo dalgunhas novelas de Brookner descansa na resiliencia dos seus protagonistas, capaces de superar as meirandes adversidades.
  • No conxunto da obra da autora inglesa, as amizades entre mulleres son escasas, pois deben competir entre si para mudar a súa situación (…) Anita Brookner describe unha orde social de corte darwinista na que aquelas mulleres que non son depredadoras están condenadas.
  • Sen excepción, as súas novelas trasladan a crónica duns protagonistas, homes e mulleres, que se decatan de que as súas vidas non son o que esperaban que fosen, e, principalmente nas últimas obras, que fan por manter a dignidade a pesar das decepcións. Así se explica a fascinación que multitude de lectores senten polos libros de Brookner, como unha forma de perversión…, por experimentaren un pracer sádico ao constatar as esperanzas frustradas dun novo protagonista saído da pluma da autora inglesa (…) Como sinalou un crítico: “Nunca antes enganchei tanto coas obras dunha escritora con cuxos valores e visión do mundo estou tan profundamente en desacordo”.
  • O estilo de Brookner caracterízase polo seu férreo control sobre o material ofrecido, por íntimo que sexa.
  • Os libros, a literatura, son dunha importancia capital para moitos protagonistas perfilados por Brookner.
  • A morte é un fenómeno recorrente na obra de Anita Brookner, pero que acontece as máis das veces por causas naturais, sexa por cáncer ou por fallos cardíacos; e polo xeral vai precedida de longos procesos de invalidez. As mortes violentas rara vez se dan: accidentes de tráfico ou de aviación en Falling Slowly, un suicidio en Visitors
  • Talvez a modo de preparación para a vida adulta, as infancias difíciles son outra constante nas novelas de Brookner.
  • Habida conta da ausencia dun deus, na novelas de Brookner predomina unha visión darwinista do mundo.

No relativo a Os tardeiros:

 

  • A psicanálise freudiana achégalle un subtexto virtual á novela Os tardeiros, unha vez que os protagonistas perseguen unha infancia que a súa memoria se encargou de anular (…) O desarraigamento sempre se agocha a poucos palmos da superficie (…) como recordatorio de que Inglaterra só é o fogar de adopción (…) O que Brookner logra con Os tardeiros (a súa oitava novela e sen dúbida a máis psicolóxica) é poñerlles cara humana aos números.
  • A súa escrita apenas mostra os trazos con frecuencia asociados á literatura hebraica (…) A palabra “xudeu” está completamente ausente nas súas novelas (…) Acusárona de “rexeitar conscientemente o compromiso coa cultura xudía”. Non obstante, a publicación de Os tardeiros (1988) –unha ruptura coas novelas precedentes máis ca unha continuidade– obriga a repensar esa valoración da súa escrita e o lugar de Brookner no marco da literatura feita por xudeus.
  • O Holocausto, que funciona como pano de fondo para outras novelas, como Family and Friends (1985) e Dolly (1993), ocupa un espazo central en Os tardeiros (…) Ningún personaxe de Brookner é testemuña directa do Holocausto. Porén, os dous varóns protagonistas arrastran as súas consecuencias moito despois de que os enviasen de Alemaña a Inglaterra no convoi do Kindertransport, para nunca máis ver as súas respectivas familias (…) Os tardeiros pode lerse como “midrash [esexese] contemporánea dunha vella cuestión xudía”.
  • En Os tardeiros, o recordado, ora extraordinario ou ordinario, teña unha natureza horrible ou mundana, é valioso; éo polo mero feito de que se recorda, pois a lembranza ofrécelle per se ao seu posuidor a posibilidade de agarrarse a unha identidade, de experimentar un sentimento de pertenza.
  • Os tardeiros é unha historia sobre o exilio, entendido co significado hebreo de Galut, “que denota un sentimento tráxico de desarraigamento”, en oposición a Golah, que só “implica unha residencia no estranxeiro”.
  • As novelas de Anita Brookner prescinden de convencionalismos tales como o previsible final feliz. (…) A Start in Life, Providence, Look at Me e Undue Influence poderían levar os lectores a concluír que a autora refuta o optimismo. No entanto, a existencia de novelas como Hotel du Lac, The Misalliance e Os tardeiros, con finais máis ambiguos (cando non felices), parece indicar o contrario.
  • Das novelas de Brookner nas que aparecen cativos ou que falan da infancia, Os tardeiros é a máis optimista.

 


Outra información relacionada coa novela:

Os tardeiros de Brookner. Longa nota do tradutor