Listado de la etiqueta: abril 2024

Novidades de abril: novelas de Jane Austen e Alfred de Musset

Hai xa un par de semanas que enviamos ao prelo as novidades do segundo trimestre para a colección principal. Xa que logo, está previsto que os libros cheguen este venres día 5 a Compostela, dende onde traballamos, de tal maneira que entre luns e martes da semana próxima contamos con enviarlles dúas novas novelas ás persoas subscritoras para logo distribuílas entre as librarías. Nesta ocasión, incorporamos ao catálogo unha peza breve do século XIX de ambientación parisiense dun reputado autor francés, así como outra da literatura británica que é un referente do xénero epistolar. Antes de pasar a dar dúas pinceladas de cada unha delas, gustaríanos salientar que con estes libros a colección principal chega xa aos 100 títulos.

Dunha banda, publicamos Margot, de Alfred de Musset, representante da figura do creador atormentado pola angustia e a dor. A novela, traducida do francés por Xavier Senín, incide na inocencia do primeiro amor e a pureza dos sentimentos da mocidade, sempre co pano de fondo das diferenzas sociais. Ten apenas 80 páxinas, e orixinalmente aparecera por fascículos na Revue des Deux Mondes, en 1838, para máis tarde publicarse en volume.

Doutra banda, unha obra da sempre irónica e brillante Jane Austen: a súa novela de xuventude Lady Susan, que traduciu do inglés Alejandro Tobar. Nela, ao longo das máis de corenta cartas cruzadas, a autora subverte os códigos da novela romántica, cunha protagonista manipuladora e capaz de suxugar a quen se lle poña por diante para acadar un status vantaxoso. Malia que Austen a escribiu de moi noviña, a peza non se publicaría até 1871, é dicir, medio século longo despois de ela morrer. Por estilo e contido, consideramos que anticipa os trazos que a farían famosa no Reino Unido e en todo o mundo, e cremos que fará as delicias dos e das amantes da literatura epistolar.