Listado de la etiqueta: 2024

Novelas de Schwaiger e Chelli, novidades estivais

Saen estes días para os domicilios das persoas subscritoras senllas novelas da austríaca Brigitte Schwaiger e do italiano Gaetano Carlo Chelli.

Tras publicarse en 1977, a novela de Schwaiger, Como chega o sal ao mar deveu nun éxito editorial, con case medio millón de exemplares vendidos no conxunto de territorios xermanófonos; converteuse, de feito, nunha das dez novelas en lingua alemá con mellor acollida internacional no século XX. A obra conta a historia dunha muller nova a quen a monotonía da existencia cotiá a canda o seu controlador marido a leva a caer na desesperanza. As expectativas frustradas da protagonista sobre a vida conxugal, descritas con inusitada crueza, os temas tanxenciais que aborda (o provincianismo burgués, o casoiro temperán, o aborto, a depresión, a infidelidade…), o carácter autobiográfico da historia, o cariz punzante e anovador da escrita e o dominio técnico á hora de representar o fluxo da mente da narradora son algunhas das razóns que apuntalan a súa calidade e atractivo. A tradución dende o alemán correu a cargo de Rosa Marta Gómez Pato.

Por outra banda, A herdanza Ferramonti, publicada orixinalmente en 1883, é a novela máis coñecida de Gaetano Carlo Chelli. Nela, o escritor pon o foco nunha familia, os Ferramonti, e expón as artimañas dos seus membros máis novos para conseguir a herdanza do patriarca. De estética verista, retrata con precisión os esforzos de pequenos empresarios e burócratas por se enriquecer e lograr o ascenso social. De feito, convén salientar que a obra apareceu ao tempo que saltaba á esfera pública o soado escándalo da Banca Romana, isto é, o primeiro gran caso de corrupción político-financeira en Italia. A tradución dende o italiano correu a cargo de Isabel Soto.

Boas lecturas e bo verán.