Descripción
O asasinato da Pont-Rouge publicouse en francés en 1855, primeiro como folletín na Revue de Paris e posteriormente en libro. O texto sitúase nas orixes dun xénero aínda por definir: a novela policial. Barbara, admirador de Edgar Allan Poe e moi amigo de Charles Baudelaire, pode ser considerado como un verdadeiro precursor do xénero: pon en escena un misterioso homicidio e achega unha moderna reflexión sobre o crime inexpiable.
A novela foi levada ao teatro como melodrama en cinco actos e representouse por vez primeira no Théâtre de la Gaîté o 29 de maio de 1858. Malia a intención filosófico-relixiosa e o fondo moralizador do relato, ten o mérito de reflectir unha época.
A acción desenvólvese en París, onde dous novos artistas bohemios conversan sobre a arte e a vida. Rodolphe –sen dúbida un aceno irónico ao protagonista principal das Scènes de la vie de bohème, de Murger– cóntalle ao seu amigo Maximilien Destroy que a súa veciña, a señora Henriette Thillard, unha nova, arruinada e distinguida viúva pola que se sente atraído, era a dona dun sospeitoso axente de cambio que frecuentaba prostitutas e que fuxiu cos cartos do seu traballo para máis tarde aparecer morto nas augas do Sena, sen que se atopase o diñeiro desaparecido. Tras este enigma inicial, a casualidade irrompe na novela, pois Max atópase con Clément, un vello amigo que na aparencia deixou atrás a miseria na que o coñecera e que casou con Rosalie, a rapaza coa que vivía. Max e Clément retoman entón a súa amizade, o cal levará a este último a unha serie de paulatinas confidencias que concluirán cunha sorprendente confesión.