Descripción
No ceo, a cuarta obra narrativa que Octave Mirbeau asina co seu nome, apareceu nas páxinas de L’Écho de Paris entre setembro de 1892 e maio de 1893, e nunca contou en vida do autor cunha edición en volume independente. Impregnada dun pesimismo aciago —non en van o autor atravesaba daquela unha fonda crise persoal e literaria—, a obra evoca sen concesións o carácter tráxico da condición humana, condenada ao absurdo, á angustia existencial, á soidade e á incomunicación, a través da relación entre os seus dous personaxes principais: Georges, un escritor frustrado, e Lucien, un pintor innovador claramente inspirado en Van Gogh. Moderna e xenuína, a novela amosa a chamada estrutura en abismo —na que os diferentes relatos encaixan uns noutros—, coa introdución de varias voces narrativas, fragmentariedade intencionada e manifesto desprezo das leis da orde lóxica e cronolóxica, mesmo no seu abrupto final.
Así mesmo, Mirbeau adopta unha mirada impresionista con tintes simbólicos co obxecto de contrarrestar as convencións fixadas polos escritores naturalistas en canto á obxectividade e ao realismo. Ademais de plasmar a traxedia do creador perfeccionista que loita polos seus ideais e a quen a cretina sociedade condena á frustración, No ceo intérnanos na conciencia atormentada dun pintor absorbido pola súa creación.