Descripción
Que é a felicidade conxugal? Velaí o tema que explora Tolstoi nesta novela publicada orixinalmente en 1859. A través da voz da protagonista, María Aleksándrovna, o relato detalla as diferentes fases polas que transita co correr do tempo a súa relación con Serguei Mikháilovich.
Sendo moi nova, María namórase do seu titor, Serguei, un vello amigo do pai. Malia que el teme entregarse ao amor, acaba sucumbindo aos engados da moza, e a parella casa. Durante un tempo, gozan dunha felicidade plena e déixanse levar pola idealización das virtudes do outro. Porén, a situación muda cando se trasladan a San Petersburgo, onde o éxito de María coa alta
sociedade suscita fondas diferenzas entre os cónxuxes. Comezan a agromar os defectos de cadaquén e nacen as desilusións, o cal devén na agoniante imposición das necesidades particulares de dous seres separados pola diferenza de idade. María, dezanove anos menor ca Serguei, devece por explorar a vida, mais axiña se ve envolta na vaidade e nos enredos de Baden-Baden e sofre o distanciamento do esposo.
Tolstoi aborda, dende a introspección, un mundo de sentimentos e convencións que a personaxe debulla ao longo das súas meditacións e que se reforzan cunha serie de diálogos profundos. No relato percíbense, por outra banda, aspectos autobiográficos extraídos de inquietudes do escritor, tales como o difícil equilibrio entre a idealización romántica e a rutina doméstica.


