Descripción
Asasinatos, S. L. é unha obra peculiar xa dende a súa xestación, pois Jack London mercoulle a idea ao tamén novelista Sinclair Lewis a comezos da década de 1910. Con todo, a morte de London deixou o proxecto inacabado, e non sería até moitos anos despois cando a familia do escritor lle encargase a conclusión a Robert L. Fish a partir das notas conservadas. Ao cabo, a novela publicouse en 1963.
O protagonista, Ivan Dragomiloff, é o fundador e líder dunha axencia secreta que ofrece servizos de asasinato, coa particularidade de que só extermina individuos considerados nocivos para a sociedade. A organización enfróntase a un caso insólito cando recibe a encarga de acometer o asasinato do seu propio
xefe, unha circunstancia que pon en xaque os seus estritos principios éticos. O empeño en demostrar que o rigor que rexe as actuacións da axencia é sempre inquebrantable dará pé a un arriscado xogo de estratexias e lealdades, así como a unha intrépida aventura de consecuencias inesperadas.
A través dunha intriga cargada de suspense, Asasinatos, S. L. non só atrapa pola tensión narrativa, senón que convida á reflexión dende unha perspectiva filosófica, ao afondar na contradición entre os ideais e a realidade e explorar o delicado tema da xustificación da violencia en nome dunha suposta xustiza. Así mesmo, por estar ligada a unha sociedade contemporánea capitalista, a novela ten plena vixencia e achega unha crítica mordaz ás estruturas de poder.