Descripción
Incisiva e polémica, A viaxe a Budapest é unha novela descarnada con pasaxes de excepcional lucidez e outras nas que, con ou sen razón, prima a ofensa. Daniel Barredo, autor e personaxe —o protagonista é ben máis ca un simple alter ego homónimo—, soubo compaxinar a habelencia filolóxica coas mañas e as xergas coloquiais dos códigos netamente masculinos; o resultado é un libro asemade vitalista e ferinte. Trátase dunha obra con dúas partes claramente diferenciadas. Na primeira delas, as funestas condicións laborais e unha aciaga perspectiva de futuro para a mocidade serán os principais motivos que induzan a Daniel a verter contra a sociedade, tan recoñecible coma podrecida, a súa carraxe.
Así, por exemplo, non terá a menor reticencia á hora de facer unha afervoada defensa cargada de argumentos do roubo, da chantaxe ou da humillación. No entanto, contra a metade do libro aparece un claro punto de inflexión; a trama, que até daquela tiña as trazas todas dunha novela negra e neorrealista, envorca en algo ben distinto, en algo que, por raro que soe, linda non só co realismo sucio senón, e sobre todo, coa novela rosa. Na fin de contas, malia os riscos que entraña adxectivar un texto tan singular, si parece haber certos cualificativos cos que podería concordar boa parte do lectorado. Digamos polo tanto que se trata dunha novela turbulenta, controvertida, crúa e, dende logo, irreverente, que non deixará indiferente a ninguén.