Descripción
A impaciencia do corazón é unha das derradeiras obras de Zweig publicadas en vida do autor (1939), a súa novela máis longa e, por múltiples motivos, un dos textos de ficción que mellor aborda o tema da compaixón alén do sentimentalismo e das connotacións relixiosas.
En 1914, no declive do Imperio austrohúngaro, nun ambiente de preguerra, o tenente Hofmiller é convidado polos Kekesfalva, unha familia húngara de renome e posibles, ao seu castelo. Alí coñece a Edith, a filla discapacitada do patrón, que se namora perdidamente del. En troco, o militar compadécea, e máis nada. Xorde con tal premisa un relato doloroso e cru que, en ocasións tras o muro da covardía, outras da inacción e do infortunio, revela un impresionante fresco da condición humana, capaz de interpelar a calquera perfil de lector.
Construída cunha literatura de incontestable calidade (destacan a multiplicidade de voces, a alternancia temporal e a inclusión da corrente de conciencia), a obra evoca de maneira sutil e constante o destino tráxico da existencia. Dentro da novelística, supón un dos cumios da literatura europea de entreguerras.