Descripción
Detrás da máscara: o poder dunha muller publicouse por vez primeira en 1866 nas páxinas literarias do semanario de noticias de Boston The Flag of Our Union. Así a todo, non sería até un século máis tarde cando acadase a posición de privilexio que hoxe ten no conxunto da obra de Alcott. En 1975, unha editora independente neoiorquina e experta en Alcott, Madeleine B. Stern, rescatou a obra do esquecemento e propiciou a súa relectura atenta, sobre todo por parte da crítica ligada á teoría feminista; de feito, hoxe está considerada unha das grandes obras do subxénero coñecido como «novela sensacionalista», de enorme popularidade nas décadas de 1860 e 1870 no mundo anglosaxón.
A historia segue o devir de Jean Muir, muller independente de grande intelixencia que se revelará como unha peculiar femme fatale. A protagonista chegará para traballar como institutriz da adolescente Bella na mansión dos Conventry, feito do que se servirá a autora (quen por certo asinara a obra, e tamén outras dúas, co pseudónimo A. M. Barnard) para despregar unha serie de temas que lle interesaban: o ascenso social e o sistema de clases e xerarquías, o finximento, os intereses ocultos, a sedución ou a forza da determinación.