Descripción
Carmilla é un relato gótico publicado orixinalmente por entregas na revista londiniense The Dark Blue e, xa co engadido do prólogo, na compilación In a Glass Darkly (1872). Trátase, xa que logo, dun clásico da literatura de vampiros que se adiantou en máis de dúas décadas ao Drácula de Bram Stoker.
A historia ambiéntase en Estiria, onde Laura, unha moza de dezanove anos, reside co seu pai. O accidente sufrido por unha carruaxe provoca que acollan no seu castelo unha descoñecida, Carmilla, o cal dá pé a que xurda unha intensa e inquietante relación afectiva entre ambas as rapazas. A trama, narrada na peculiar prosa de Le Fanu, combina sedución e terror e conduce cara á revelación da identidade da enigmática hóspede.
O relato de Laura, rememorado e presentado como un documento extraído dos papeis do doutor Hesselius, un eminente investigador do ocultismo, recorre aos motivos principais da literatura gótica: o castelo illado, os soños premonitorios, unha enfermidade de orixe descoñecida ou a presenza dunha criatura ancestral. O contraste entre a fascinación que Carmilla exerce sobre a protagonista e o medo que lle suscita resulta clave para construír unha atmosfera ambigua e intrigante.
Máis ca ao redor do medo, o vampirismo en Carmilla pivota sobre a sedución, o desexo lésbico, a progresiva entrada na madureza e a creación dunha perturbadora figura femenina.


