Descripción
Oso. Un retrato (1887), talvez a novela breve máis famosa do premio Nobel Henrik Pontoppidan, está protagonizada por Thorkild Müller, un cidadán xutlandés de presenza impoñente e modos bruscos que, tras se converter en pastor case por inercia, é destinado a unha modesta parroquia en Groenlandia.
Lonxe dos convencionalismos e das restricións do continente, tan singular personaxe atopa un inesperado sentido da ética e de pertenza entre a poboación inuit, onde o seu temperamento indómito non só non supón un impedimento, senón que lle granxea o favor da comunidade, tanto en termos de respecto coma de afecto. Porén, andado o tempo, os avatares da vida levarano a, outra volta, ter que se enfrontar ás normas e ás xerarquías da Igrexa, contrarias á súa actitude franca e independente.
Con este relato de memorable final, Pontoppidan construíu, sen pór nunca un pé en Groenlandia na vida real, un dos textos máis sutís, conmovedores e carraxentos da literatura dinamarquesa, cunha constante confrontación entre a autenticidade do individuo e o peso que sobre este teñen as institucións. Se ben breve, nesta peza brilla con luz propia unha lúcida reflexión sobre a dificultade de permanecer fiel a un mesmo nunha sociedade gobernada polo conformismo, un mal enraizado que o autor escandinavo atacou sen reservas no conxunto da súa obra.


