Unha presada de datos sobre a tradución literaria ao galego
PROTOTRADUCIÓN
Stricto sensu, até a chegada da autonomía, cómpre falar de contribucións puntuais á tradución ou, todo o máis, dunha protohistoria da tradución literaria ao galego. É así porque o devir da tradución en Galicia corre, na época máis recente, en paralelo aos plans de normalización lingüística, como parte dun proceso de reparación tras séculos de imposición dunha lingua allea. Polo tanto, un bo punto de partida no cal fixar o inicio da Historia da tradución literaria moderna (é dicir, que aspira á comercialización autónoma das obras e á creación e continuidade dun oficio) é 1981, o ano da aprobación do Estatuto galego. Baste un dato para apoiar a premisa: grosso modo, máis do 95 % de toda a literatura traducida ao galego xorde na etapa da autonomía. Agora mesmo, estímase que un corpo conformado por máis de 4.000 obras, que dende 2018 medra a unha velocidade dunhas 200 novas traducións de obras literarias por ano.
Sexa como for, e aínda que escapa á finalidade desta análise remontarse a tan atrás, aos tempos da lingua que hoxe coñecemos como galego-portugués, convén citar que xa na Baixa Idade Media se traduciu ao galego, sobre todo dende o latín, principalmente literatura historiográfica, haxiográfica, xurídica e, por achegalo un pouco á literatura que máis nos interesa aquí, textos de relevo vinculados coa materia de Bretaña (até 4 títulos, un deles a Lenda de Tristán ou Libro de Tristán).
Logo, nos Séculos Escuros (XVI-XVIII) cesou de vez a produción de traducións.
Finalmente, por pechar esta protohistoria, no Rexurdimento houbo esforzos para anosar literatura foránea, tanto a latina clásica (obras de Virxilio -Libro IV da Eneida (1897)- ou Horacio), como a bíblica (só fragmentos, por exemplo dos Evanxeos, ou algunha parábola), como, de forma testemuñal, a literatura europea: até onde sabemos, As tres misas d’ o galo. Conto de Noite-boa (1875; publicado en galego a finais de 1897, en concreto no número 16 da revista quincenal ilustrada Galicia moderna), de Alphonse («Alfonso») Daudet, traducido polo ourensán Valentín Lamas Carvajal. Tamén de 1897 é Odas de Anacreonte, en tradución dende o grego de Florencio Vaamonde Lores.
Xa no século XX, persoeiros como Plácido Castro, Losada Diéguez, os irmáns Vilar Ponte, Otero Pedrayo ou Avelino Gómez Ledo verteron ao galego literatura irlandesa, italiana, alemá, catalá… Contribuíron así mesmo á causa (así se concibía, co obxecto de consolidar a lingua e a literatura propias), entre outras figuras, o catedrático de grego Evaristo de Sela, coas traducións da Ilíada e da Odisea; Ramón Piñeiro, quen traduciu un ensaio de Heidegger que debía ver a luz en 1952 pero que, por mor da censura franquista, non o fixo até 4 anos máis tarde, principalmente grazas ás protestas da comunidade de emigrados galegos, con mediación da UNESCO; e ilustres como Ramón Cabanillas, Celestino Fernández de la Vega (poesía a catro mans precisamente con Piñeiro) ou Aquilino Iglesia Alvariño, responsable dunha pequena parte da poesía greco-latina.
Nos anos que precederon o tardofranquismo e no tardofranquismo en si, entre 1966 e 1975, publicáronse algo menos de 60 traducións ao galego; en concreto, segundo datos de BITRAGA, un total de 57 pezas. É moito máis do que había, pero moitísimo menos do que estaba por chegar. En comparanza, na editorial Hugin e Munin, fundada en 2011 e que funciona cunha estrutura de só dúas persoas fixas e contratacións externas, e que está especializada en exclusiva en narrativa, nos 9 primeiros anos de vida publicamos máis de 100 títulos. Deses 60 títulos escasos da etapa tardofranquista, ningún era de narrativa, mentres que o 60 % se repartía entre textos relixiosos e, como gran novidade (o que de certo supuxo un avance notable), literatura infantil e xuvenil, practicamente a partes iguais. Outra novidade de relevo foi a incorporación das mulleres á tradución literaria ao galego. De maneira destacada, Xohana Torres coa tradución de literatura catalá a finais da década de 1960. Con todo, houbera casos puntuais previos de mulleres tradutoras, como Olegaria Dieste (irmá de Rafael Dieste), se callar responsable (aquí existe certa polémica, pois parece que os seus irmáns puideron atribuírlle textos sen ela intervir) da primeira versión galega do Libro IV dos Epodos (1910) de Horacio -en rigor, hai que engadir que xa en 1868 Xosé García Mosquera versificara en galego o «Beatus ille» dos Epodos (II) de Horacio para a Revista gallega-; ou como Tereca Bouza Vil, natural de Mugardos, quen traduciu co título O médico a paus a comedia de Molière Le Médecin malgré lui (1666), obra que se representaría no teatro Jofre de Ferrol en 1929, se ben non hai constancia de que chegase a contar cunha edición impresa.
FITOS DA TRADUCIÓN MODERNA
Na década de 1980 fúndase a Asociación de Tradutores Galegos (1985), creada para defender os intereses das persoas que se dedican á tradución, e tamén entón se produce a entrega, en 1984, do Premio Estatal de Tradución Infantil e Xuvenil a unha obra traducida ao galego, Alicia no país das marabillas (Xerais), labor desenvolvido por Teresa Barro e Fernando Pérez-Barreiro. Cómpre destacar desta mesma década a tradución de contos clásicos e, sobre todo, a aparición da colección Xabarín en Xerais, conformada por máis de 70 títulos orientados á xente moza. Moito tivo que ver nesa botadura o escritor vilalbés Agustín Fernández Paz, responsable de moitas das escollas (dende Stevenson até Rodari). En canto á literatura traducida por mulleres, amais de a Teresa Barro, cómpre concederlle un espazo destacado á xa amentada Xohana Torres (en canto que pioneira na década de 1960), así como a María Victoria Moreno, por traer do catalán ao galego o Mecanoscrito da segunda orixe, obra de Manuel de Pedrolo (Galaxia, 1989).
En 1992 créase a única licenciatura de Tradución e Interpretación existente en Galicia, na Universidade de Vigo, uns estudos universitarios que permiten a formación de tradutores e tradutoras profesionais.
Tamén na década de 1990 unha serie de editoriais comezan a interesarse pola tradución de literatura estranxeira dende un punto de vista empresarial: Xerais (Grandes do Noso Tempo), Galaxia (Colección de Clásicos), Sotelo Blanco (colección Medusa de Literatura Universal), Baía, Edicións Positivas, Ir Indo, Laiovento, Edebé etc.
De igual modo, é nos 90 cando bota a andar a revista Viceversa, a única en Galicia especializada en tradución, vinculada á Universidade de Vigo. Aínda segue activa, só que agora en formato dixital. Está dirixida a profesionais e docentes.
Entre mediados dos 90 e o ano 2005, destacan a creación de BIVIR (Biblioteca Virtual de Literatura Universal en Galego) e a posta en marcha dun premio de tradución remunerado, o Premio Plácido Castro de Tradución, en 2001, existente hoxe cunha remuneración económica recuperada de 3.000 euros (tras quedar en honorífico durante seis edicións, entre os anos 2012 e 2017, o último incluído). En 2001 créase a outra asociación profesional do sector, a AGPTI (Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación).
Por outra banda, é de xustiza resaltar a nivel docente a posta en funcionamento, en 2004, de BITRAGA (Biblioteca de Tradución Galega), un grupo de traballo e investigación vinculado outra volta á Universidade de Vigo que se encarga de compilar e catalogar as traducións dende e cara ao galego.
En 2005 a publicación de literatura traducida profesionalízase de cheo. Nace Rinoceronte, editorial que tivo o mérito de ser a pioneira en traer obras dende literaturas até entón estrañas e afastadas para o lector en galego. Por exemplo, importou textos das literaturas finlandesa, húngara, xaponesa, islandesa, hebraica ou sánscrita. Ou, máis recentemente, abriu a senda nas literaturas polonesa, romanesa ou acadia (O código de Hammurabi, traducida por Xosé Antón Parada).
Tamén de 2005 é a Biblioteca Galega de Clásicos Universais, un conxunto de 40 títulos coeditados por La Voz de Galicia, sete editoriais galegas e a Biblioteca Virtual Galega onde, polo menos sobre o papel, a tiraxe media foi de 10.000 exemplares, algo que nunca máis se volveu dar.
Xorde tamén un interese empresarial pola tradución da narrativa por parte de Kalandraka (empresa solvente que se fundara en 1998, pero cuxo selo Faktoría K aparece en 2005). Nacen así mesmo OQO (2005) e Urco Editora (2007), que priorizan a publicación de traducións ao galego. No caso da primeira, o álbum; no caso da segunda, cunha especialización en subxéneros narrativos: fantasía, gótica e ciencia ficción. Tamén isto supón unha novidade. Así a todo, Urco esmoreceu ao cabo de 10 anos, aínda que formalmente segue a formar parte da AGE (Asociación Galega de Editoras) e, se ben reorientada e reducida, mantén a actividade.
En 2011 nace Hugin e Munin, que cobre outro oco relevante no mundo editorial. Dende a nacenza, implanta unha fórmula de subscrición como forma de darlle viabilidade á publicación de literatura de marcado carácter adulto e polo xeral cun alto nivel de esixencia. No referido ao catálogo, alterna autores e autoras clásicos con outros contemporáneos. Tamén, coma Rinoceronte, realiza incursións en sistemas literarios inéditos (o bretón ou o aranés) ou pouco explorados (dinamarqués, grego moderno, xaponés, serbio, ruso ou neolatín). A existencia de Hugin e Munin ten –non é para nada unha cuestión menor– o valor engadido de demostrar a viabilidade dun proxecto editorial independente, isto é, economicamente viable e sen ataduras de diñeiro público nin compras de libros masivas e/ou arbitrarias por parte da Administración. Neste sentido, o problema da dependencia económica é, se non o meirande, un dos máis acusados e perniciosos da edición galega no século XXI, posto que desvirtúa o sistema e provoca que o público lector afonde nos prexuízos de vello; xa que logo, a supervivencia de Hugin e Munin implica unha porta aberta a un modelo diferente, máis sostible, autónomo e apegado á realidade.
En 2014 concédeselle o Premio Estatal de Tradución a Ulises (Galaxia), traducido por Eva Almazán, Antón Vialle, María Alonso Seisdedos e Xavier Queipo.
A partir de 2014 e en anos sucesivos xorden, con distinta sorte, novas editoriais especializadas: Irmás Cartoné, Aira Editorial, Catro Ventos, Novovinilo…
En 2017 instáurase o Premio Realia de Tradución Literaria, coorganizado pola editorial Hugin e Munin e o Concello de Santiago de Compostela, que supón a volta dun premio remunerado (1.200 € na primeira edición; 1.500 € nas seguintes) para o fomento da tradución literaria ao galego.
En 2020 o Ministerio de Cultura e Deporte de España concédelle o Premio Estatal á Obra (entendida como carreira ou traxectoria) dun Tradutor a Xavier Senín. É a primeira vez que se lle entrega a un profesional polo seu labor de tradución ao galego (non así o primeiro galego, pois a ferrolá Esther Benítez –tradutora ao castelán– xa fora recoñecida co mesmo galardón na edición de 1992).