Descripción
Maria, novela publicada de maneira póstuma en 1798, talvez sexa a obra máis radical da súa autora, Mary Wollstonecraft. O texto xira arredor das múltiples inxustizas que debe aturar a muller polo mero feito de selo. Así, a protagonista, Maria, presa no interior dun alxube, vai narrando en primeira persoa as aciagas circunstancias do seu pasado, ateigado de episodios de gran crueldade tal que o rapto da súa filla ou non poucos abusos físicos e psíquicos. O lector saberá en paralelo do seu presente, mais ese relato, que inclúe unha historia sentimental de época transmitida con todo luxo de detalles, dá por desgraza nun texto inacabado, xa que a autora morreu ao pouco de traer ao mundo unha filla.
O valor histórico da presente novela é evidente, pois Maria supón un dos primeiros achegamentos na historia do feminismo á cuestión da clase social. Polo demais, a obra contén unha serie de pasaxes autobiográficas que lle engaden novos atractivos. Con todo e iso, o certo é que non se trata dunha lectura sinxela, por ser a expresión de Wollstonecraft a miúdo requintada e sisuda, non sempre fluída, produto talvez de ser ela autodidacta.