Por que ler a Hammett? (I)
Dashiell Hammett fixo voar polos aires a tradición do detective da novela enigma que resolve os casos mediante a lóxica e a dedución. Sobre o autor de Colleita vermella (1929), obra inaugural do xénero negro, escribiu Raymond Chandler en The Simple Art of Murder (1950):
“Hammett devolveu o asasinato á clase de xente que ten motivos para levalo a cabo, que non se conforma con sacar a relucir o cadáver; trátase de homicidios perpetrados cos medios ao alcance, sen recorrer a un duelo con pistolas de aceiro forxado, a velenos coma o curare ou aos peixes tropicais. Hammett traslada estes individuos á ficción tal cal son, e polo xeral fai que falen e pensen coa linguaxe propia deste tipo de propósitos”.
O protagonista da novela, o axente da Continental, aparece por primeira vez no relato “Arson Plus”, publicado na revista Black Mask o 1 de outubro de 1923.
Curiosidades para cinéfilos: aínda que David O. Selznick adquiriu os dereitos do texto e lle encargou o guión a Ben Hecht, Colleita vermella nunca chegou á gran pantalla. O seu espírito atopámolo en Yojimbo (Akira Kurosawa, 1961) e Per un pugno di dollari (Sergio Leone, 1965) inspiradas libremente na trama ideada por Hammett. En 1978, o axente da Continental (interpretado por James Coburn) protagonizou unha miniserie para televisión baseada en The Dain Curse (1929).