Obras desapercibidas, de momento
Existen multitude de razóns para que unha novela de calidade non reciba a atención que se lle presupón e que talvez mereza. Velaí algúns exemplos extraídos do noso catálogo, catro títulos que -até o de agora- correron peor sorte da que lles agoirabamos:
-
- O castelo dos Cárpatos, de Jules Verne (traducida do francés por Alejandro Tobar). Foi o noso 16º título, publicado en outubro de 2013. Esta peculiar obra dentro da ampla produción novelística de Verne foi, a canda A irmandade da uva, do italo-estadounidense John Fante (traducida por Adrián Estévez), a primeira -e das escasísimas- que contaron cun deseño de cuberta encargado a profesionais externos. A icona da frontal, un suxestivo foxo coa árbore de tres pólas no centro e unha incendiaria cor laranxa, foi obra do vigués Álex Mene. Quedamos moi satisfeitos tanto con ese deseño como coa obra en si, pero aínda hoxe, preto de sete anos máis tarde, segue sen dar esgotado a primeira edición, cunha vendas inferiores aos 200 exemplares. Parécenos unha mágoa, a teor de que se trata dun magnífico exemplo de literatura gañada; como novela de fronteira que é, permite unha lectura adulta e asemade outra de corte máis xuvenil. Se cadra un dos motivos polos que non conseguiu engalar foi que, xa inmersos no proceso de tradución (2012), Urco editora publicou a obra en tradución de Ana Iglesias. Por fortuna, dende aquela non houbo máis solapamentos con traducións simultáneas por parte doutras editoriais, quizais porque dende 2013 a nosa comunicación con outras empresas galegas de tradución mudou cara a máis fluída e enriquecedora.
- A obra, de Bruno Sperani (pseudónimo de Beatrice Speraz), en tradución dende o italiano de Isabel Soto. Esta publicación forma parte do noso plan para escolmar e recuperar grandes obras de autoras italianas de finais do XIX e comezos do XX que hoxe parecen caídas -cando menos en termos relativos- no esquecemento, mesmo para o lectorado italiano. De feito, novelas coma esta da lombarda Bruno Sperani, publicada en galego en outubro de 2018, permanecen inéditas (ou permanecían cando nós as publicamos) nas restante linguas ibéricas. Talvez o feito de ser un título e unha autora que moi poucos coñecen influíse na pobre recepción que obtivo nun sistema literario coma o galego. Vallan pois estas poucas liñas como reivindicación dunha estupenda novela de aires socialistas e proletarios.
- A honra e os cartos e Morrerei outro día, de Konstantinos Theotokis e Isabelle Alonso respectivamente (traducidas a primeira do grego, por Alfonso Blanco, e a segunda do francés, por Xabier Ron e Isabel Soto). Aínda está por ver se realmente estas dúas novelas fican na bandexa de ‘obras desapercibidas’. En todo caso, é innegable que naceron nun momento complicado: o seu lanzamento cadrou coa covid-19, xa que logo tamén coa incerteza xeral, o peche das librarías, o atraso forzoso no calendario de envíos aos subscritores e a imposibilidade de lles concedermos o trimestre de promoción prioritaria que adoitan ter as nosas publicacións. Veremos como decorre o que resta de 2020, se hai repuntas, se o coronavirus afrouxa, se son precisos novos confinamentos e, dentro do noso calendario de edición, cal é a mellor maneira de encaixar este par de boas obras na cola de produción pendente (algunha idea xa temos, sempre e cando en outubro se poida celebrar a SELIC).
Animámosvos a ler calquera destas catro obras. E, se está na vosa man, a que vos subscribades. Como salientamos seguido por escrito e de palabra, é o compromiso dos subscritores e subscritoras o que nos permite negociar a merca de obras con dereitos, a encarga de traducións e, en definitiva, editar como o facemos, que sexa rendible e poder subsistir e medrar sen ningunha clase de dependencia da Administración.
Boas lecturas!