Descripción
Teresa (1886), traducida a varias linguas e cualificada por algúns especialistas como unha das mellores obras do seu tempo, é unha das novelas máis famosas da escritora lombarda Anna Maria Zuccari, máis coñecida como Neera.
Ambientada nun contexto provinciano, cunha prosa rica e un realismo incisivo, a heroína medra nun ambiente marcado polo dominio dun pai severo e unha nai infeliz e resignada. Chegada á idade de casar, Teresa rexeita un matrimonio de conveniencia e, pouco despois, namórase do aposto Orlandi. Cando este vai pedir a súa man, o señor Caccia négalla, por considerar que o mozo é un camanduleiro. Malia ser a filla maior, Teresa non ten dote, pois os sacrificios e os recursos económicos da familia deben destinarse á formación do seu irmán Carlino, herdeiro do apelido e a honra da estirpe. Dividida entre os seus sentimentos e a obediencia, a moza confía ás cegas nas promesas de Orlandi, coa esperanza de que acade unha posición. Porén, o inexorable paso do tempo condénaa a observar o mundo dende a fiestra, metáfora da monotonía na que transcorre a súa vida.
Teresa é ben máis ca a narración dun amor contrariado, pois achega un magnífico retrato do desexo reprimido e a descuberta das sensacións físicas dunha muller que, aos poucos, delinea a súa individualidade, malia ver a súa existencia frustrada polas convencións e o poder patriarcal exercido sobre ela, tanto en público coma en privado.


