Descripción
O vello e honrado Thady lembra os seus anos de leal servizo ás catro últimas xeracións da estirpe dos Rackrent. Así, con involuntario humorismo, retrata os seus sucesivos amos: sir Patrick, bebedor e xeneroso anfitrión; sir Murtagh, preiteante infatigable; sir Kit, cruel ludómano que, dende a afastada cidade de Bath, gasta a balbaruto; e, finalmente, sir Conolly, narcisista e desbaldidor. O fiel servente asiste con asombro ao declive dunha caste e ao ascenso social do seu propio fillo, o avogado Jason Quirk.
Entre as moitas virtudes desta obra satírica, con varias capas de lectura e pioneira da literatura histórica anglo-irlandesa, está o intelixente uso da figura retórica do dialoxismo, cun narrador non fiable, o vello Thady, quen, por pretender minimizar as innúmeras eivas dos Rackrent, acaba por potencialas. Cabe sinalar que algúns episodios novelados por Edgeworth no relato beben de feitos reais que a autora tivo oportunidade de coñecer: velaí a esposa encerrada por negarse a lle entregar unha xoia ao marido ou as carreiras políticas creadas co obxecto de acadar inmunidade parlamentaria e sortear as débedas.
Novela curta estraña, divertida e, dende un punto de vista histórico, engaiolante, que reflicte unha Irlanda subxugada polas prácticas feudais dos terratenentes.