Descripción
Publicada orixinalmente en 1814 e subtitulada «Un conto de fadas moderno», O caldeiro de ouro é probablemente a novela curta máis celebrada do gran mestre alemán da fantasía romántica, E. T. A. Hoffmann, quen aquí se serve da ironía e dun humor un tanto críptico para, en doce episodios intencionadamente denominados «vixilias», condensar o seu rico universo máxico.
O protagonista da historia é o estudante Anselmus, quen vive nunha cotiandade bastante absurda na que rara vez o acompaña a sorte e na que de súpeto irrompe o marabilloso. Así, certo día, ao sentir a voz cristalina de Serpentina, unha criatura sobrenatural, vese atraído por un insólito mundo que o interpela e o convida a viaxar dende Dresden até o descoñecido. Nese delirante periplo, a lóxica irá perdendo fol en favor de, por exemplo, sabugueiros que falan, dragóns custodios, diabólicos nigromantes radicados en Laponia, píntegas que exercen de arquiveiros reais ou botellas de cristal que simbolizan o fracaso dos soñadores frustrados, encerrados nelas.
Fantasiosa e ambigua parábola, O caldeiro de ouro non ofrece certezas, senón só portas abertas á interpretación, ao contrapor fábula e realidade, conformismo burgués e liberdade creativa. Unha lectura indispensable para entusiastas da excéntrica e singular literatura de Hoffmann.